Toca viaxar a Francia e coñecer as familias dos nosos correspondentes bretróns do Lycée René Descartes de Rennes, grazas ao Programa EduExchanges.
Terminado o 1º trimestre collimos rumbo en autobús -coa compañía que nos guía tan ben O Rápido- a Rennes.
Viaxamos 35 alumnos de 1º de bach para reunirnos cos nosos amigos de 2º de Bachibac do 28 de novembro ao 10 de decembro de 2022.
Día 1 - Acollida en Rennes (29/11/22)
Logo dunha longa noite de viaxe en autobús, pisamos terras galas. Fixemos unha primeira escala en Nantes antes de chegar ao noso destino final Rennes para ser acollidos nas familias. Aí visitamos o castelo dos Duques de Bretaña para adentrarse na historia local de Nantes, dende Ana de Bretaña pasando polo periodo colonial de Francia.
Día 2 - Acollida no lycée René Descartes de Rennes e visita ao Dolmen da Rocha das fadas (30/11/22)
Fomos invitados a tomar o pequeno almorzo no comedor escolar onde nos acolleu o Proviseur Mr. Piron. Intercambiamos palabras de benvida e de agradecemento por apostar polas relacións internacionais tan importantes para a dimensión europea da formación do alumnado. Asistimos a clases e o recreo. Despois da pausa, fomos coñecer o Dolmen da Roche aux Fées para saber das construcións megalíticas destas terras. Retormamos para xantar, uns no comedor escolar e, outros en Rennes. A tarde pasámola polas rúas de Rennes en compañía dos nosos correspondentes nun ambiente xa moi de nadal.
Día 3 - Visita ao Mont Saint Michel, monumento clasificado pola Unesco. (01/12/22)
Fomos pasar o día nun dos lugares máis turísticos de Francia, o monte Saint Michel, auténtica fortaleza medieval construida sobre unha rocha de granito no medio do mar. Visitamos o interior do conxunto abacial: a igrexa, o claustro -La Merveille-, o refectorio, a sala dos anfitrións, o antigo osario cripta dos grandes pilares, entre outros recintos. Percorremos as rúas, terrazas e murallas. Observamos as impresionantes vistas da bahía acompañados dun sol radiante aínda que ía fresco.
Día 4 - Visita guiada polo casco antigo de Rennes. (02/12/22)
Repartímonos en 2 grupos e seguimos as explicacións dos nosos guías nunha mañá xélida. Primeira parada, nas Portas Mordelaises, restos da muralla primitiva de Rennes chamada Contade e a torre Duchesne do s. XV.. Seguimos o percorrido polas rúas e casas medievais de entramados de madeira, tan características da capital bretona, coas coloridas fachadas e os seus voladizos. A máis antiga data de 1505 e está na Rue du Chapitre.
Finalizamos a ruta diante do Parlamento de Bretaña, sede actual do Tribunal Superior de Xustiza, cos teitos artesonado, conxunto concebido por Charles Errard, pintor de Luis XIV e artífice da decoración do primeiro Versailles marcou a chegada do «arte monárquico» no s. XVII. A súa construción durou un século de 1618 a 1709. Estivemos pola praza do Concello e a praza real do parlamento, diante da Ópera do s. XIX e refuxiamonos na Catedral Saint Pierre (parte baixa de estilo renacentista e parte superior de estilo clásico, interior con decoración neobizantina). Unha vez rematada a visita voltamos para xantar no comedor escolar e facer vida cos estudantes do lycée durante este tempo de lecer.
Xa pola tarde, fomos facer un xogo de pista polas rúas de Rennes cos coñecementos adquiridos pola mañá. Pero tamén houbo tempo para ir mercar algúns souvenirs.
Día 5 e 6 - Convivencia en familia (02/12/22)
Día 7 - Visita a Saint Malo e Dinan. (05/12/22)
Collimos rumbo a Saint Malo, cidade corsaria por antonomasia. Coa axuda dun xogo de pistas coñecemos quenes foron : René Duguay-Trouin, que tomou Río de Janeiro en 1711, e Robert Surcouf, o corsario que atacou aos navíos ingleses e neerlandeses enriquecendo así as arcas de Francia e tamén da súa cidade natal.
Paseamos pola cidadela amurallada, vimos os fortes Petit Bé e Grand Bé, o Forte Nacional, e os bastións que protexen Saint-Malo, etc ...
Pola tarde, fixemos unha parada en Dinan, vila medieval a beira do Rance, pobo dos máis bonitos de Francia. Está colgado a 75 metros sobre o río. Con tres kilómetros de murallas –as máis importantes que aínda se conservan en Francia ao norte do río Loira–, Dinan foi fundada no s.X. As murallas datan do século XII. O Castelo, as rúas estreitas e empedradas, as casas de entramado de madeira (quedan 114) forman un conxunto medieval moi fermoso. Sacamos unha foto diante da torre do Reloxo do s. XV. que culmina a 45 metros de altura. A campa foi un agasallo de Ana de Bretaña á cidade. Paseamos polas rúas céntricas de l’Apport, Merciers, Cordeliers, para baixar pola rúa do Jerzual e Petit Fort pasando diante da Casa do Gobernador ata chegar ao muelle da vila. Esta rúa empedrada era a única vía de paso para trasladar as mercancías do porto á parte alta da cidade. Dinan foi residencia dos Duques de Bretaña.
Día 8 - Visita a Vannes. (06/12/22)
Último día por Bretaña, e fomos coñecer Vannes, cidade dos Duques de Bretaña.
Dimos un paseo polo litoral e fixemos un xogo de pista para coñecer os lugares máis emblemáticos da vila. A cidade romana de Darioritum converteuse en Vannes (en bretón, Gwened: a branca) coa chegada dos celtas. A cidade viviu largos periodos de prosperidade grazas ao comercio portuario, ao poder relixioso e ao poder político.
Día 9 - París (07/12/2022)
Rematamos a nosa estadía en Bretaña, despedímonos con moita tristura e collimos direción París. Chegamos despois de xantar. Dimos un paseo en Bateau Mouche e entramos no museo do Louvre. Vimos a Joconde, A Vénus de Milo, a Victoria de Samotrace e a colección sobre egipto. Logo dimos un paseo pola xardíns das Tuilleries ata a praza da Concordia onde se ergue o monumento máis antigo que ten París, o obelisco de Luxor. No bus fixemos un percorrido de Paris la nuit antes de chegar para cear no hotel.
Día 10 - Disneyland (08/12/2022)
Un día de grandes emocións, ilusións, maxia e encanto.
Día 11 - París (09/12/2022)
Pola mañá, fomos ata o Montmarte e entramos na basílica do Sacré Coeur de estilo neobizantino. Logo baixamos a París para visitar os Inválidos, a tumba de Napoleón e o museo da guerra. Despois, fomos visitar o Musée d'Orsay e coñecer as obras dos impressionistas e dos modernistas. Xantamos e tivemos tempo para mercar souvenirs. Finalizamos o día cunha fermosa posta de sol dende o alto da torre Eiffel. Fixemos unha morea de fotos para inmortalizar este momento tan privilexiado.
"O noso intercambio con Bretaña foi unha inmersión tanto lingüística coma cultural na que gañamos unha grande aprendizaxe. Seviunos para coñercer unha cultura, costumes e gastronomía diferentes, ademais de permitirnos mellorar o noso nivel de francés e aprender a levar unha mellor convivencia non só cos nosos correspondentes senón tamém entre nós. Sen dúbida, unha experiencia moi recomendable e, sobre todo, inesquecible."
Albúm de fotos AQUÍ.