Skip to Content

Biblioteca

Encontro con Antía Yáñez: a muller en Senlleiras

Este venres teremos con nós a Antía Yáñez para que o alumnado de 1º Bacharelato poida compartir con ela as súas impresións sobre o papel da muller na súa novela Senlleiras

Trátase dunha actividade máis dentro da Semana da Muller, arredor do 8M. 

 

Cartel 8M do IES Perdouro

Temos cartel Especial 8M!! Grazas a Zoe Arias Lamelas, alumna de 4º ESO, por achegarnos a súa proposta tan axeitada para a ocasión. Lembra: IGUALDADE!

O xogo da zoca: camiñando cara á igualdade

Unha das actividades organizadas en torno ao 8 de marzo, Día da Muller, é este xogo ideado pola profe Carmen Sampedro para que poidamos aprender sobre mulleres salientables ao longo da Historia. Ela mesma, acompañada de alumnado do ciclo de Xestión Administrativa, pasará pola aulas para que poidades xogar e avanzar así cara á igualdade. De aí o lema do xogo: 

Con estas zoquiñas, máis libre camiñas!
 

Concursos AC Os Matos 2023

Convocamos os Concursos anuais da Asociación Cultural Os Matos.

Buscamos os mellores traballos de poesía, relato curto e debuxo en torno a seguinte temática "Unha vida de emocións".

 

Tedes ata o 31 de marzo para participar. 

Entregaremos dous premios en cada categoría.

Lembra: en lingua galega. 

XVI Concurso literario     
    + de relato curto  
    + de poesía
 
XIV Concurso de Imaxe

 

Tamén estamos á procura dos mellores debuxos ou composición fotográfica de temática libre para a portada e contraportada da revista escolar Maruxía n°29.

Tedes ata o 20 de abril para participar.

Lembra: en lingua galega.

 


 

 

 

 

 



 

 

Día de Rosalía 2023

O 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía xa que é a data do aniversario do nacemento da autora. 

A AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) propón regalar nesta data un libro e unha flor e ademais anímanos a ler o manifesto que prepararon para este ano 2023. 

Podes lelo e publicalo nas túas RRSS. Esta é a parte final do manifesto de Carme Adán que nos fai reflexionar sobre a necesidade de denunciar as inxustizas do noso tempo: 

"Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma? 

Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?" 

Podedes descargar ou ler o manifesto completo neste enlace

Animade ao voso alumnado a ler poemas de Rosalía ou a parte que máis lles guste do manifesto anterior. Se o facedes na aula e o gravades, enviade os vídeos á vicedirectora para publicalos. 

#cumpriuseaxustiza #rdc_2023

Amigo invisible polo día da amizade

Esta mañá, 14 de febreiro, chegou o gran momento da semana. Os emisarios de Cupido repartiron as cartas de amizade, un amor necesario para o benestar emocional. 

Houbo cousiñas lindas, debuxos, poemas, etc...

Promovendo a empatía para o un mundo máis xusto.

Máis fotos por aquí.

Es romántico/a?

Hoxe día de celebración do amor imos facervos unha pregunta: Es romántico/a? 

Contesta ao cuestionario que fixo o alumnado de 3ºESO  na materia de  Proxecto Competencial. Eles queren saber se o alumnado da ESO é romántico. 

En 15 preguntas saberás se o/a es ou non.    

Adica un momentiño no recreo e contesta. 

Amor libre sempre.

 

Obradoiro de escritura creativa con Antía Yáñez

En plena semana dos afectos, contaremos na biblioteca do centro coa escritora Antía Yáñez. Aí foi onde Antía sendo nena medrou e se iniciou no mundo da escritura. Estará co alumnado de 1º ESO impartindo un obradoiro de escritura creativa.
 
Educando en valores.

Obradoiro de regueifa con Cristian Gómez

O luns 30 de xaneiro, día escolar pola paz, celebramos un obradoiro de regueifa destinado ao alumnado de 1º de ESO. Contamos con grande Cristian de Burela, ex-alumno do centro, laureado en varios certames de regueifa e membro da comunidade Enregueifate que promove o certame do mesmo nome. O improvisador explicoulles que é unha regueifa e unha vez entendido o mecanismo, en seguida compuxeron coplas e houbo moita creatividade e diversión nas propostas.

Pode acceder á reportaxe de fotografías aquí.

Bibiana Candia, autora de "Azucre"

O pasado 21 de novembro tivemos a honra de recibir na nosa biblioteca a Bibiana Candia, escritora que coñecemos a través da lectura da súa primeira novela e da que nos veu falar: Azucre. 

Azucre está baseada en feitos reais. Narra a historia de parte dos 1700 galegos que se embarcaron nunha viaxe a Cuba para gañar a vida traballando nos campos de caña de azucre. En contra do que eles esperaban, acabaron sendo vendidos como escravos. 

Bibiana comezou contándonos como lle xurdira a idea de escribir o libro. Comentounos que, antes de poñerse a redactalo, houbo un proceso moi longo. No seu caso, todo comezou cando, estando en Berlín, unha amiga compartiu con ela unha ligazón dun documental de RTVE e uns documentos cos nomes dos galegos que viaxaran a Cuba, xa que pensou que serían do seu interese pois Bibiana escribe en dúas revistas que tratan sobre historia e cultura. A amiga atinou plenamente porque Bibiana se interesou moito polo tema e pareceulle sorprendente que non se soubera nada dun feito histórico de tal relevancia. Así que, púxose a investigar e conseguiu recabar moita máis información coa que redactou e publicou un libro. Pero o obxectivo de Bibiana era dar a coñecer o caso e sabía que desa forma non o conseguiría, polo que se propuxo escribir unha novela. 

Para conseguir sensibilizar os lectores, a autora crea uns personaxes de ficción cos que é máis doado empatizar xa que, segundo Bibiana, “las personas no hemos cambiado tanto”, facéndonos ver que poderiamos ter sido calquera de nós aos que nos tocase vivir esa situación e a reacción sería moi similar. A autora recorda perfectamente o seu avó e os veciños da aldea que estaban nunhas circuntancias moi parecidas ás dos galegos antes de marchar e cre que se nacesen anos antes serían candidatos perfectos a esa viaxe á escravitude. 

Tamén nos falou das circunstancias que propiciaron este feito, tanto en Cuba como en Galicia. Contounos que Cuba, naquel momento, temía que se revolucionasen os escravos negros, ao igual que en Haití, pois eran moitos en número se se comparaban coa poboación branca. Ademais, precisaban escravos para traballar o azucre. Mentres, Galicia acababa de pasar un inverno moi frío, que acabou con todas as colleitas, e un andazo de cólera, polo que se necesitaba traballar fóra para paliar a fame e a pobreza. Neste escenario, o deputado Urbano Feijóo Sotomaior decide levar galegos a Cuba como traballadores libres, pide permiso á raíña Isabel II e contrata sete barcos. Cando os galegos chegan ao lugar de traballo, atópanse con dous problemas: por un lado, cústalles moitísimo adaptarse ao clima cubano e traballar nesas condicións e, por outro lado, tanto as estruturas como o persoal que se atoparon alí estaban acostumados aos escravos, polo que os galegos eran tratados como se o fosen. 

O escándalo chegou ata os oídos dos emigrados en Nova York e estes decidiron escribir cartas a Madrid para que os axudasen. Celébrase un debate sobre a escravización e disólvese a empresa de Feijóo Sotomaior. Os galegos que sobreviviron quedaron libres e déuselles a opción de volver ás súas casas. 

A raíz de todo isto, Bibiana opina que este acontecemento non quedou na memoria popular xa que supuña unha gran vergoña voltar de América sen ter conseguido nada.

Despois de contarnos todo isto e responder as nosas preguntas, dedicounos os nosos exemplares do libro. Foi unha mágoa que non houbese máis tempo para poder facerlle máis preguntas. 

Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ.

Gabriela Pedre Lastra e Ramón Leal González

Festival de Entroido 2023

Participade no festival do Entroido 2023!

Falade co/a voso/a titor/a para anotarvos e entregade a ficha de inscrición en Vicedirección ata o 27 de xaneiro. 

Podedes acceder AQUÍ á ficha de inscrición e AQUÍ a máis información sobre as indicacións para o festival. 

Chegaron os calendarios 2023

Todas as aulas locen xa o calendario anual de sobremesa tan esperado da Asociación Cultural Os Matos, Equipo de dinamización e Biblioteca.

O tema escollido foi EcoPerdouro, proxecto de sensibilización medioambiental do centro.
Contouse co alumnado de 4° ESO TIC para a elaboración de lemas, selección de imaxes e montaxe.
Resultado: Doce meses, doce xestos ECO.

E ademais repartimos entre todo o alumnado o calendario marcapáxina para estrealo nos seus libros da hora de ler por exemplo.

Obradoiro de regueifa con Cristian Gómez

Temos programado na biblioteca do centro un obradoiro de regueifa a cargo de Cristian Gómez para o vindeiro luns, día 30. Está destinado ao alumnado de 1º de ESO. Haberá dous pases onde o alumnado poderá darlle a fondo á improvisación.
 

Felices Festas!

 


 

 

Fallo do xurado Certame Postal de Nadal

Unha vez reunido o xurado, deliberou os seguintes gañadores do certame especial Postal de Nadal 2022.

  • Alexandre García Pousa de 4º ESO acadou o 1° premio pola orixinalidade, textura e limpeza harmoniosa da súa ilustración. O seu debuxo representará a postal institucional do centro.
  • Shiva Eliska Alinda Nurhakim de 4º ESO obtivo o 2° premio polo minucioso traballo dunha clásica estampa de Nadal.
  • Ximena Riopedre Orosa de 3º ESO recibiu o 3° premio polo seu colorido debuxo mariñeiro con trazos definidos.

Parabéns a Alexandre e Shiva que repiten premios, e felicitamos a Ximena !!

Accede ao albúm de fotos da entrega de premios AQUÍ.

Distribuir contido


by Dr. Radut