Skip to Content

Biblioteca

Prepárate para o terror!!! Chega Samaín 2013

Celebramos o día das Bibliotecas escolares 2013- 24 de outubro

Concurso nas redes sociais:
 
Indícanos cal é o teu momento, lugar ou postura de lectura favorito participando co hashtag #estoulendo ... boca arriba, as escuras, no sofá, debaixo da miña mantiña, cunha taza de chocolate..... Deixádevos levar!!! Premio para quen consigua máis rechíos.
 
Prazo: 25 de outubro

Concurso de fotografía:
 
Ademais podes participar enviando a ies.perdouro.biblioteca@gmail.com unha foto túa no teu momento de lectura favorito. Premio a mellor foto orixinal.

Prazo: 20 de outubro

Esperásmote!!

NOVIDADE: Guía de lectura: Xanela Literatura e Cine

Festival final de curso - ENDL

Miruca Parga, coordinadora do ENDL, levou a cabo na biblioteca do centro e coa colaboración do alumnado de 3º de ESO un festival de recital e de espectáculo.

A actividade inicouse cun recital de video-poemas elaborados polos propios rapaces de 3º PDC sobre Rosalía de Castro co gallo de celebrar o 150 aniversario da publicación de "Cantares galegos".

E a continuación, representáronse tres das obras de monicreques escritas e postas en escena polo alumnado de 3º ESO e 3º PDC coa axuda de Ton Arenas. A biblioteca estaba ao borde do colapso e puidemos retornar algúns de nós a tempos da nosa infancia. 

Grazas rapaces por este momento de risas e ilusión!!! Noraboa e seguide traballando con tanta imaxinación!!
 
Ver a completísima reportaxe fotográfica do festival no blogue de Perdourando.

Acto de presentación da revista escolar "Maruxía nº 19"

O pasado xoves 20 de xuño, na biblioteca do IES Perdouro, Xabier Mazaira, alumno de 1º de Bacharelato e no nome dos seus compañeiros de clase, foi o encargado de conducir o acto de presentación do número 19 da revista escolar “Maruxía” do IES Perdouro. Desta edición, Miruca Parga, coordinadora do EDNL, contou coa colaboración do alumnado de 1º de bacharelato e do seu profesor TIC, José Luís Fernández, para a redacción e maquetación da revista que se publica anualmente no centro dende fai 19 anos. A publicación que recolle unha mostra das actividades e traballos realizados no centro durante o curso académico, está editada polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e pola Asociación Cultural “Os Matos”.

Ver reportaxe fotográfica do acto de presentación da revista nº 19 de Maruxía no blogue de Perdourando.
 
Revista Maruxía en PDF aquí.

Entrega de premios do VII Concurso de Relatos Curtos e Debuxo da Asociación Cultural Os Matos

"VII Concurso de Relatos Curtos e Debuxo" da As. Cultural Os Matos - Tema "Doce meses. Moitas paisaxes”

O pasado xoves 21 de xuño,  entregáronse no biblioteca do IES Perdouro os premios do VII Concurso de relatos curtos e debuxo convocado anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos" cuxo lema foi “Doce meses, moitas paisaxes”. O presidente dos Matos, Antón Niñe, foi o encargado de felicitar aos premiados desta sétima edición do certame. Miruca Parga, coordinadora do EDL e Santiago Pérez, Director, entregaron aos premiados o seu diploma e uns agasallos. As obras gañadoras pódense ler no número da revista escolar “Maruxía” deste curso.

Ver reportaxe fotográfica da entrega de premios no blogue de Perdourando.

No concurso de relato curto e debuxo convocado pola Asociación Cultural "Os Matos" resultaron gañadores os seguintes traballos:

Relato curto:

•    1º PREMIO CATEGORÍA 1º CICLO ESO:
"Ril e a súa balea" de Mirella Ramos Vázquez (1ºESO)

•    2º PREMIO CATEGORÍA 1º CICLO ESO:
"Un Nadal en Burela" de Leticia De Pedro Martínez (1ºESO)

•    1º PREMIO CATEGORÍA 2º CICLO ESO:
"Un día na invernal Rusia" de Víctor Cabarcos Val (3º ESO PDC)

•    2º PREMIO CATEGORÍA 2º CICLO ESO:
"Nacín unha noite de marzo" de Alejandro Ramil García (3º ESO PDC)

Debuxo:

•    1º PREMIO:
"Setembro" de Clara Iglesias Fernández (1º ESO)

•    2º PREMIO:
"Collage Mar e Faro de Burela" de Itziar García Cruz (1º ESO)

A nosa revista Maruxía nº 19 en plena maquetación

Estes días o equipo de alumnos TIC de 1º de Bac. estivo traballando activamente baixo a coordinación de José Luis e Miruca no deseño da revista nº 19 de Maruxía. Están ultimando a maquetación para poder dala a coñecer dentro de moi pouco. 

Ver máis fotos en Perdourando.

Matías Escalera entrevístase co alumnado de 1º de Bach.

Baixo a coordinación de Bernardo Penabade, o alumnado de 1º de Bach. asistiu a un coloquio con profesor e escritor madrileño, Matías Escalera. Faloulle da súa formación académica, da súa experiencia en modelos de plurilingüismo e do seu compromiso coa sociedade. É dos implusores da Marea Verde por unha escola pública e, é activista pola recuperación histórica.

Día do Libro - 23 de abril

Estamos de celebración! Para conmemorar o día do libro tivemos varios actos no centro.

Na hora de ler, adicamos a lectura ao Don Quixote a partir do libro interactivo.

No recreo formamos unha libercadea a partir dun libro xigante.


Unidos polos libros, máis de 100 alumnos de ESO e Bach acompañados polo profesorado xuntáronse o redor do libro das verbas. E para clausurar o acto, Fran García, alumno de CF, Julieta Durán, alumna de 1º de Bach. e Isabel Lawicki de 1º de ESO leron 3 manifestos na honra dos nosos amigos, os libros.
Maratón de Lectura
 
Para rematar a mañá, o alumnado de 4º de ESO participou no III Maratón de lectura organizado polo Colectivo Cultural Buril coa lectura da obra Follas Novas de Rosalía de Castro, acto que tivo lugar no salón de Plenos do Concello.

No blogue de Perdourando, poderedes ver as reportaxes fotográficas. Aquí.

Clube de lectura con Marcos Calveiro

Os alumnos do clube de lectura do IES Perdouro viaxaron este mércores día 20 de marzo ata Viveiro para xuntarse cos seus compañeiros do Liber Amoenus  do IES Vilar Ponte co propósito de entrevistarse co autor do libro O pintor do sombreiro de malvas, Marcos Calveiro. Logo da exposición do escritor, os clubeiros intercambiaron opinións sobre a lectura da obra e remataron o encontro cunha comida de confraternidade entre ambos clubes.

Reunión do xurado do Concurso de Banda Deseñada

Nesta edición as obras do concurso dos V Encontros de Banda Deseñada na Mariña proveñen mesmo doutros lugares de Europa e América.

Continúan as actividades relacionadas coa Banda Deseñada organizadas polo IES Perdouro de Burela.


O xurado do concurso reuniuse hoxe para comezar a valoración das obras participantes nesta quinta edición. Os organizadores dos Encontros queren destacar a calidade dos traballos presentados e tamén a súa cantidade. É salientable, por outra parte que, nesta ocasión, a procedencia das distintas creacións é moi diversa: Portugal, Arxentina, etc.

O fallo do xurado terá lugar o próximo luns 18 de marzo no IES Perdouro. 

Acto de inauguración da exposición "Cinco anos de Banda Deseñada na Mariña"

 

Crónica de Sara Gil - A presentación de Emily on the road na Mariña

SOBRE A PRESENTACIÓN DE Emily on the road NA MARIÑA

O día 26 de novembro tivemos a oportunidade de participar na presentación de dous libros de Ramón Blanco: un Vida e obra de Francisco Añón e outro Emily on the road. Mais non tería sentido explicar o desenvolvemento dos eventos sen facermos referencia á importancia do escritor na vida dos alumnos e alumnas -entre eles eu- que este ano cursamos 1º de BAC no Instituto Perdouro de Burela.

En xuño de 2011, finalizamos o curso de 3º da ESO e despedimos o substituto que nos dera clase durante 5 ou 6 meses, debido a unha baixa da nosa profesora de Lingua Galega. Aquel profesor que se adicou a aguantar as nosas lerias foi Ramón Blanco, que nese pouco tempo despertou entre nós un aprezo enorme, ben pola súa maneira de tratarnos, ben pola súa personalidade ou -o que é máis probable- por unha mistura das dúas. Por iso, logo de case un ano e medio, recibimos con entusiasmo a comunicación que nos fixo o noso actual mestre de que íamos ter a oportunidade de desfrutar da presentación dos libros.

Situámonos xa no día en que todo aconteceu. Ás 13:10 daquel luns fomos para a biblioteca do instituto. Todos sentamos e agardamos, expectantes, a que Moncho -resulta estraño para nós tratalo de Ramón- aparecese pola porta. Logo duns minutos, entrou aquela persoa á que tanto agarimo lle gardamos. Un sorriso inundou ao instante as nosas caras e a del. Sentou na longa mesa que estaba fronte a nós, e Bernardo introduciu a presentación de Vida e obra de Francisco Añón. Cando este rematou, tomou a palabra Moncho para agradecernos a nosa asistencia. Asegurou que estaba moi ledo de atoparse alí e explicounos diversos aspectos tanto da súa vida como da de Añón, incluíndo o motivo de elexir este escritor como referencia para o seu libro. Soubemos que foi determinante o feito de gañar con 17 anos o premio de poesía Francisco Añón, o que o levou a informarse sobre quen fora esa personalidade. Coñecemos que o poeta Añón viviu no século XIX e que a súa familia era moi coñecida na comarca comprendida entre Muros e Noia. O seu padriño, un cura, ensinoulle o mundo das letras e encamiñouno, máis tarde, a estudar no Seminario. Tamén se fixo fincapé en que no ano 1966 a Añón foille dedicado o Día das Letras Galegas, moito antes que a outros escritores hoxe máis coñecidos. Entre eses e outros moitos datos, chegou a hora do xantar.

Chegamos ao restaurante. Algúns alumnos, algúns profesores, Moncho e os seus acompañantes –Manuel L. Rodrigues, o editor de Acha Escrava; a escritora Iria Lago; e o músico Pablo Sax- comemos todos xuntos nunha longa mesa, que xa tiñamos reservada. O xantar transcurreu entre risos e anécdotas. Para nós, foi unha grata experiencia poder comer con Moncho e os demais profesores (e cremos que para eles tamén o foi comer con nós). A conversa foi animada e estivo misturada con algunhas bromas que nos facíamos uns aos outros, risos e incluso algunha que outra foto, para ter probas materiais do momento nun futuro!

Chegou o remate do xantar e houbo que volver ao centro. Pola tarde tiñamos clase! Mais ese día non era a materia de Inglés, coma sempre. Desta vez os cincuenta minutos centráronse en coñecer Emily on the road, o novo libro do noso mestre. Fixeron a introducción o editor e Iria Lago, a escritora que identificou a Moncho como o seu mellor amigo. Feitos os honores, o escritor convidado aclarounos que a historia central é o traxecto dun condutor que no camiño atopa unha rapaza (Emily) e a recolle. Xuntos emprenden unha viaxe entre o escuro e a morte, nun ambiente sombrío. En plena travesía, a parella de viaxeiros facendo varias paradas. En conclusión: o libro céntrase nunha partida, unha ruta e unha arribada un tanto misteriosas, que o autor escribiu en homenaxe a un vello amigo e á escritora estadounidense Emily Dickinson. Resultounos especialmente agradable saber que parte do poemario foi escrito na súa etapa en Burela cando nos deu clase a nós!

Tras os preámbulos, Ramón Blanco comezou a ler. Pablo Sax comezou a tocar. E verso tras verso, nota tras nota e sensación tras sensación, conseguiron cautivarnos. Esta vez non eramos só os de 1º de BAC, senón que tamén estaban alumnos de 4º da ESO e diversos profesores (entre eles Ramón Reimunde -xa xubilado do IES de Foz- e Julia Labrador, docente de Literatura na Universidade Complutense).

As palabras saíron da boca do declamante unha detrás doutra e a orixinalidade do que lía captaba a nosa atención, sen ningunha dúbida. Non era un poema como outro calquera; probablemente os alí presentes nunca escoitáramos un igual. A maneira de relatar o que lles acontecía aos viaxeiros, a maneira de transportarnos a un mundo de escuridade -e de milleiros de sensacións- era realmente especial.

Así foi como chegou o final. O escritor rematou de ler o fragmento e nós quedamos con ganas de máis. Un aplauso inundou a sala. Un éxito total. Despedímonos del e marchamos para a aula, xa que aínda tiñamos outra clase. Mais quedamos agardando á próxima vez para ver a Moncho e para botar unhas risas con el, coma sempre. Queremos que volva a cautivarnos cuns cantos versos e que nos faga soñar. Queremos imitalo, seguilo; desexamos ler máis do que el escribe… Xa que falamos de desexos: desexámoslle todo o mellor a ese grande escritor, ao grande poeta. Oxalá teña moita sorte con estes dous libros e con todos os que quedan por vir. Nós estaremos dispostos a contribuír, aínda que sexa simplemente con lembranzas da estadía en Burela.

Tesnos gañados, Moncho!

Sara Gil Cordido

Entrega dos premios Concurso das cabazas 2012

O martes 20 de novembro no recreo fíxose entrega dos premios do Concurso de Cabazas co gallo de festexar o Samaín.

Noraboa aos gañadores e grazas aos participantes!

1º Premio
Sara Galdo Villarquide, 1º A & Leticia De PedroMartínez, 1º A
2º Premio
Carlos Santiago Vaz Febrero, 3º B
3º Premio
Silvia Rozas Ramallal, 3º B
Participantes:

Andrea Barro, 1º A
Yago Campoamor, 1º A
Alba Carreiras, 1º A
Alejandro Esquerdeiro, 1º A
Sara Fernández, 1º A
Marta Calvo, 1º B
Aitana Vázquez, 1º B
Andrés Andrade, 2º A
Antía Baño, 2º A
Sara Cordido 2º A
Raquel López, 2º A
Andrea Ramos, 2º B
Tamara Rico, 2º B
Álvaro Ferreira, 3º B
Sergio Rivas, 3º B





Samaín - Concurso de cabazas 2012

Samaín , celebramos o ano novo celta cun concurso de cabazas.

 

Un recreo de medo:

O mércores ambientamos a biblioteca á escuras e contamos historias de medo. Axudáronnos os alumnos de Electrónica coa súa mesa de mesclas e uns cantos efectos sonoros terroríficos.

 

Día das Bibliotecas Escolares 2012

Celebramos o día das Bibliotecas Escolares nos recreos ao longo de toda a semana. Tivemos concertos, debuxos colectivos, feira de libros, libros andantes que nos contaron as súas intrigas, e unha exposición de libros da Biblioteca Municipal de Burela.

Todo iso, podédelo ver no seguinte albúm de fotos:

Distribuir contido


by Dr. Radut