Skip to Content

PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA 2007-2008

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, consciente da importancia de recoñecer e valorar publicamente os comportamentos excepcionais dos alumnos e alumnas dos niveis da educación básica, de seguir avanzando na consecución dunha igualdade de oportunidades efectiva, e de procurar un ensino comprensivo e integrador, convocou segundo a orde 17 de abril de 2008, (DOG do 24 de abril) os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria correspondentes ao curso 2007-2008.

Una vez resoltos os premios, e publicados no DOG, entre os premiados e premiadas, atópase unha alumna do IES PERDOURO, Antía Saá del Río.

O acto de entrega de premios tivo lugar o pasado 12 de decembro, no salón de actos do Conservatorio de Música Profesional de Santiago

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, trasladou os seus parabéns aos 30 alumnos e alumnas galardoados nos Premios extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) correspondentes ao curso 2007-2008, que a Administración educativa galega convocou por primeira vez este ano. O acto, que se celebrou no Conservatorio Profesional de Música de Santiago, tamén contou coa participación do director xeral de Caixanova, José Luís Pego Alonso, así como do secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Benito Fernández Rodríguez, e da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Mª José Pérez Mariño.

Laura Sánchez Piñón subliñou que estes galardóns constitúen un “recoñecemento ás mellores traxectorias e talentos nesta etapa educativa, tendo en conta que tanto o bacharelato coma a FP e a universidade contan con premios equivalentes desde hai tempo”. Así, o obxectivo destes premios é dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Ao mesmo tempo, a máxima responsable do departamento educativo galego felicitou aos directores e profesorado dos centros aos que pertencen os alumnos premiados, así como ás súas familias. Ademais, Sánchez Piñón salientou que “a educación posobrigatoria precisa de exemplos e modelos” como o destes alumnos “para que todos os que o desexen continúen os estudos unha vez rematada a ESO”. Neste senso, a conselleira afirmou que “co tesón e a ilusión que amosades, estou convencida de que Galicia será quen de conseguir ese 85% de alumnado que remate con éxito a educación posobrigatoria, unha porcentaxe que nos marca a Unión Europea como obxectivo común”.

A convocatoria consta de dúas modalidades. A primeira, dotada de 10 premios extraordinarios ao esforzo e superación persoal, diríxese ao alumnado que demostrou ao longo desta etapa a súa constancia e capacidade para superar as especiais condicións de desvantaxe persoal, familiar ou social. A segunda consta de 20 galardóns, e premia o rendemento académico, polo que se destina ao alumnado que teña destacado pola excelencia dos seus resultados académicos ao longo da educación secundaria obrigatoria.

Os estudantes premiados recibiron un diploma acreditativo, un ordenador portátil e unha impresora multifunción. Esta actividade finánciase a través dun convenio subscrito entre a Xunta de Galicia e Caixanova para a colaboración educativa na etapa de educación secundaria obrigatoria.

Os requisitos para optar a estes premios foron cursar durante o 2007-2008 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade galega; estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria obrigatoria; e estar proposto polo centro escolar.

máis información:

presenza na prensa:

noticias relacionadas:

 



blog | by Dr. Radut