Había unha vez unha mazá que sempre quixo ser unha estrela, nunca quixo ser unha mazá. Pasou horas pensando, emocionada, como sería vivir unha vida brilante dende o ceo.
Un bo día, vendo os paxaros subir ao ceo, a mazá preguntoulles:
-Onde dormen as estrelas?
Os paxaros, sorrindo, dixeron:
-Non, querida mazá, as estrelas están no ceo día e noite, sempre cheas de luz, pero de día o sol non nos deixa velas.
Os desexos da nosa protagonista de ser estrela reviviron. Aí enriba, no ceo alto…cargada de luz inesgotable, pensaba.
Outro día a mazá preguntoulle ao vento:
-Dime vento, as estrelas están fixas ou móvense polo firmamento?
-As estrelas percorren todo o firmamento a unha velocidade vertixinosa, respondeu o vento.
Unha vez máis alimentáronse as ganas de converterse nunha estrela.
Pouco a pouco a mazá foi madurando; pero non logrou sorrir, non aceptou o seu destino e non foi feliz.
Un día, unha familia refuxiouse baixo as polas da maceira grande, buscando a súa sombra protectora. Felices contemplaron os apetitosos froitos; o pai sacudiu con coidado o tronco e caeron varias mazás, as máis maduras. A rapaza colleu a máis bonita, mirou para ela, cheirouna e fregouna co seu vestido, deixándoa moi brillante. Despois, pediulle ao seu pai o coitelo, e sen saber por que pero con moito coidado, cortouna en cruz, en horizontal; a nena quedou abraiada ao ver a estrela que apareceu no corazón da mazá. Mirade que marabillosa¡¡¡, aquí hai unha estrela!¡¡ berrou a nena esixindo a atención de toda a familia.
A mazá vivira sen decatarse que dentro de si gardaba o que tanto anhelaba, só que para mostrar a súa estrela tiña que abrirse e ofrecerse aos demais.
Moitas veces buscamos fóra o que temos dentro.
Pílula sobre Educación Emocional nº 22
- 71 lecturas