Tres alumnas do IES Perdouro na final do Young Business Talents por segundo ano consecutivo
Tres alumnas de 4º ESO do IES Perdouro de Burela clasificáronse para a final nacional do Young Business Talents; unha competición por Internet organizada por Praxis MMT, NIVEA E ESIC, na que os estudantes desenvolven diversas estratexias de mercado.
Elas son Mirella Ramos, Andrea Rivas e Tania Valiña. Por segundo ano consecutivo o IES Perdouro de Burela estará presente na fase final deste certame nacional. Despois de catro meses competindo con institutos de toda España, as alumnas lograron clasificarse para a fase final xunto con outros 12 equipos galegos.
No concurso participaron un total de 2.887 equipos de toda España. Os 100 mellores equipos clasificados xogarán a final en Madrid o próximo 31 de marzo.
Para chegar a final as integrantes do equipo PatakeirasSL tiveron que competir por Internet durante catro meses. Un simulador empresarial permitiulles enfrontarse a estudantes doutras rexións españolas, desenvolvendo diversas habilidades como o tratamento da información, o manexo eficaz da tecnoloxía ou o traballo en equipo. Asemade, o máis importante foi a elaboración de xuízos e toma de decisións relativas á empresa que engloban as áreas de produción, finanzas, recursos humanos e marketing, para conseguir que os resultados da mesma prosperaran.