Skip to Content

Xuño 2024

Vídeos do Coro da Emocións de Educación Responsable 2023-24

A Educación Emocional é un dos piares do proxecto educativo do IES Perdouro e desde hai anos o profesorado recibe formación que repercute nas actividades desenvolvidas co alumnado. Unha das actuacións que se levaron a cabo durante este curso e o anterior foi a participación no programa Educación Responsable. Concretamente, a aportación do departamento de Música leva por nome "Coro das Emocións". 

Trátase dun recurso educativo destinado a desenvolver, a través do canto coral, as habilidades emocionais, sociais e creativas que constitúen o obxectivo do programa de Educación Responsable. Neste coro pode caber todo o alumnado porque é o momento de gozar da música en grupo independentemente das aptitudes musicais de cada un. O grupo fai medrar musicalmente e axudamos ao grupo a consolidarse e todo isto... ao mesmo tempo que o pasamos ben! 

Cando os ensaios rematan, chega o momento de completar o proceso formativo e artístico do coro. Dende o primeiro día os nosos alumnos senten que co seu esforzo persoal, talento e creatividade poden aportar moito ao conxunto final e nos vídeos así o demostran. Esta actuación final baséase en dous piares, o musical e a posta en escena. Desfrutemos do traballo feito polos tres grupos de 2º ESO e a súa profesora Patricia! 

Acto de presentación da revista escolar da A. C. Os Matos - Maruxía nº 30

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 30 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.

 

Esta mañá, a biblioteca abriu as súas portas para recibir un evento moi esperado: a presentación da revista escolar Maruxía. A alumna de 4º ESO TIC, Iria Jacomé, foi a encargada de conducir o acto.

Durante a presentación, Alba F. Quelle e Alberto Núñez explicaron como o equipo traballou arreo para sacar adiante a número 30. Ambos destacaron a importancia do traballo en equipo e a colaboración constante para superar os retos que se presentaron ao longo do proceso de elaboración da revista.

A nova edición da Maruxía inclúe unha ampla mostra das actividades e traballos realizados polos reporteiros do Perdouro, reflectindo o talento e a creatividade dos estudantes. Ademais, recóllense os premios do XVII Concurso de Relato Curto e Poesía e do XV Concurso de Imaxe, convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos". Estes certames son unha plataforma importante para fomentar a creatividade e o talento artístico entre os alumnos.

A nova edición da Maruxía é un reflexo fiel do esforzo colectivo e da creatividade dos estudantes do Perdouro.

Asistiron ao acto Mª José Pardiñas, directora do centro educativo; Karina Parga, Presidenta da A.C. Os Matos e Noé Vázquez, coordinador do EDLG. 
 
Felicitamos aos gañadores do concurso de portada de Maruxía: Djessica Tavares Pereira Barbosa (portada) e Álvaro Guisande Rego (traseira).
 

Accede á completa reportaxe fotográfica realizada polo compañeiro Fernando Losada, AQUÍ.

 
Revista Maruxía en PDF aquí.

Maruxía nº 30 - Desvelamos as portadas gañadoras

Os alumnxs de 4º de ESO TIC capitaneados por Natalia Irimia e Natalia Aldegunde remataron estes días de compoñer o número 30 da revista MARUXÍA. Xa está na imprenta.

A biblioteca acollerá o acto de presentación de revista escolar así como a entrega de premios dos certames literarios e de imaxe da A.C. os Matos, o vindeiro venres 21 de xuño ás 11h30.

Desvelamos a portada e o dorso da revista deste ano.

Parabéns a :
- Djessica Tavares Pereira Barbosa, alumna de 4° ESO - portada
- Álvaro Guisande Rego, alumno de 4° ESO - dorso

 

 

 

Fallo do xurado Concursos OS MATOS

O xurado resolveu outorgarlles os premios aos traballos presentados polos seguintes alumnos baixo o lema "As viaxes":

XVII Concurso literario da As. Cultural Os Matos 

RELATO CURTO:

Categoría 1º e 2º ESO:

  • 1º premio: Dani Borrajo Trelles (1º ESO A)
  • 2º premio: Nicolás Amorín Vázquez (1º ESO A)

Categoría 3º e 4º ESO:

  • 1º premio: Ana Lestao Ben (4ºESO A)

 Categoría Bacharelato e CF:

  • 1º premio: Noa Gudín González (2º Bach.B)

POESÍA:

Categoría ESO:

  • 1º premio: Ana Lestao Ben (4ºESO A)

XV Concurso de Imaxeda As. Cultural Os Matos

Categoría ESO:

  • 1º premio: Ximena Riopedre Orosa (4ºESO A)

Concurso de Portadas da Revista Maruxía 

  • Djessica Tavares Pereira Barbosa (4ºESO C) 
  • Alvaro Guisande Rego (4ºESO A)

Moitos parabéns a todxs!

Actividades de Educación emocional por niveis educativos

Durante este curso leváronse a cabo distintas actividades de Educación emocional que foron propostas para cada curso das distintas etapas educativas. 

A continuación presentámosvos a planificación temporal no cadro. No enlace podedes acceder á explicación de cada actividade. 

Gañadores nun dos retos de InnovatechFP 2023-24

O equipo de alumnado formado por Alicia Cabarcos e Sonia González do Ciclo Medio de Peiteado e cosmética capilar e Raúl Fraga e Alberto Cabana, estudantes do CS de Mecatrónica industrial, acompañados da directora do IES Perdouro María José Pardiñas, de Fernando López, profesor de Mecatrónica, e de Javier Rouco, coordinador do proxecto INNOVATECHFP 23-24 e profesor de Imaxe persoal, viaxamos ao recinto Expourense para recibir o galardón do programa InnovatechFP 23-24 da Consellería de Educación, que nos outorgou o primeiro premio na final celebrada na mañá de hoxe martes 18 de xuño por ter presentado e defendido un proxecto que deu resposta ao reto empresarial que a marca L’Oréal España-Portugal presentou ante 170 centros educativos da FP de Galicia na localidade de Culleredo a finais do ano pasado.

Andaina polo bo trato ás persoas maiores


O venres 14 de xuño o alumnado de 1º ESO participou nunha andaina organizada pola Cruz Vermella co obxectivo de convivir durante unhas horas con persoas maiores. Esta actividade pretende fomentar o bo trato a este colectivo e a maior maneira é coñecelo compartindo con eles unhas horas de paseo, xogos e mesmo de comida. 

Ás 11:30h comezou a andaina que percorreu parte do paseo marítimo de Burela, tempo no que o alumnado puido ir conversando cos seus correspondentes maiores. A partir das 13:00h comezaron os xogos, a música e, finalmente, o picoteo. 

Foi unha actividade divertida e enriquecedora na que a comprensión e a solidariedade entre xoves e maiores estivo moi presente. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

No noso programa de radio Proxecto Neo emitido o 20/06/2024, tamén adiantamos nos primeiros minutos a crónica feita polo alumnado e profesorado grazas o seu profesor Fernando Losada.

Ximnasia emocional con María Navarrete

Do luns 10 de xuño ata o xoves 13, María Navarrete Fa, experta en Educación e Xestión Emocional realizou dúas sesións de obradoiros de Ximnasia emocional co alumnado da ESO. 

A ximnasia emocional é un tipo de adestramento das competencias emocionais (consciencia, regulación e autonomía emocionais, competencias socioemocionais e habilidades para a vida e o benestar). Traballa temas como o crecemento persoal desde unha metodoloxía baseada na participación activa e con recursos como o xogo, a música, o teatro, a reflexión e o debate, a risa, a meditación, a atención plena...

Ela mesma afirma que na frase "Vale máis previr ca curar" entraría a ximnasia emocional, xa que o adestramento espértanos a consciencia emocional e dános ferramentas de regulación que fan que aumente progresivamente a autoestima e a sensación de estás ben e feliz. 

E isto é o que o alumnado da ESO experimentou: procurar ser consciente das súas emocións e coñecer ferramentas para autorregulalas co obxectivo de mellorar a súa autoestima, sentirse mellor e ser máis feliz. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

Escola de familias na radio

ENTREVISTAS NA NOSA RADIO ESCOLAR DE INTERESE PARA AS FAMILIAS

- Falamos con Ana Ojea Alonso sobre a Atención á Diversidade Afectivo-Sexual e de Xénero – Programa nº 396.13 de Proxecto Neo

- Fixemos un programa especial dedicado ao ben-estar emocional e á convivencia, con Yolanda Fernández, coordenadora de ben-estar emocional e convivencia no Instituto Perdouro, Nuria Revuelto Crespo, psicóloga da Cruz Vermella e Adriana Polo, ex-alumna que contou os beneficios da súa experiencia coa Educación Emocional. Actividade enmarcada dentro da Iª Semana do benestar do IES Perdouro – Programa nº 415.13 de Proxecto Neo

- Entrevistamos a María Navarrete, educadora emocional – Programa nº 424.13 de Proxecto Neo

Participación do IES Perdouro na iniciativa "Aquí tamén se fala"

O 10 de maio celebrouse o acto final da participación do IES Perdouro na campaña "Aquí tamén se fala". Durante o 2º e o 3º trimestre o alumnado de 3º ESO traballou nesta iniciativa compartindo labor con estudantes de 4º ESO do IES Monte Castelo. 

En primeiro lugar, informáronse sobre esta iniciativa do IES Rafael Dieste da Coruña. Aquí tamén se fala reuniu este curso a máis de 200 centros educativos de toda Galicia para demostrar que o galego se emprega na atención ao público en comercios, institucións etc. 

Nunha primeira fase o alumnado recolleu datos realizando enquisas en numerosos establecementos de Burela. Unha vez analizada esta información, na segunda fase, procedeuse ao reparto de carteis. Para iso, reunímonos cos nosos compañeiros do IES Monte Castelo o venres 10 de maio na praza do Concello, onde nos acompañou a alcaldesa, Carmela López, e o tenente da alcaldesa, Mario Pillado. Tamén estivo representada a ACIA de Burela e o Burela FS, que promocionou a campaña con varios vídeos de xogadoras e xogadores. 

Despois da presentación do acto na praza do Concello e da lectura compartida de alumnado dos dous centros educativos da vila, a rapazada percorreu as rúas entregando os carteis da campaña en establecementos, organismos e institucións. 

A campaña foi un éxito en Burela, porque AQUÍ TAMÉN SE FALA!

 

Podedes acceder ás imaxes deste día AQUÍ



by Dr. Radut