O pasado martes 21 de maio, o alumnado que cursa a materia de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO, e Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais de 1º Bacharelato do noso centrovisitou o espazo natural de Carnota-Monte Pindo.
Alí puidemos non só gozar da súa arquitectura tradicional, coa parada no hórreo de Carnota, senón tamén da riqueza medioambiental do lugar: as marismas, a lagoa e as dunas da praia de Carnota (observando a modelaxe característica e a vexetación e a fauna propia dese ecosistema). Ademais, explicáronse aspectos relacionados coa xeoloxía, como a orixe tectónica e o relevo granítico do Monte Pindo, ou a modelaxe fluvial do río Xallas na fervenza do Ézaro. E, malia que por cuestións meteorolóxicas non puido ser in situ, observamos e comentamos durante o traxecto as formacións graníticas na zona de Caldebarcos.
Tamén tratamos outros aspectos importantes durante a visita, como as enerxías renovables (analizando pros e contras), coa parada no Parque Eólico das Paxareiras e a Central Hidroeléctrica de Castrelo, en Ézaro. Por último, fixemos unha breve paraxe na vila de Muros.
Xa que a visita contou coa intervención, en cada sitio, do grupo de alumnas e alumnos correspondente, encargados de facer a súa achega (asignada e traballada previamente), resultou ser moi enriquecedora para alumnado e profesoras.