A iniciativa de Contratos-Programa Innova (CPInnova) trata de constituír un instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan desenvolver un plan de mellora no que se permita, en función das necesidades detectadas e do proxecto educativo, potenciar, de forma prioritaria, o desenvolvemento das competencias clave, afondar no logro da excelencia educativa, incentivar o talento do seu alumnado, promover hábitos de vida saudables, impulsar unha educación para o desenvolvemento sostible e mellorar a xestión dos centros.
Nesta liña, e seguindo as directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica no que se establece una clara aposta polos centros con espazos máis saudables, edificios máis integrados coa contorna e a paisaxe, e cun claro obxectivo de mellora da súa sostibilidade, os CPInnova supoñen unha ferramenta máis, posta ao servizo dos proxectos educativos dos centros docentes.
Con este fin, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade facilita aos centros novos instrumentos que lles permitirán acadar os logros que perseguen. Os novos CPInnova dan mostra do compromiso da administración educativa por ofrecer aos centros educativos oportunidades e recursos para desenvolver os seus proxectos dende un enfoque innovador, e seguir afondando na procura de estratexias para cambiar dinámicas e adoptar enfoques metodolóxicos novidosos.
Sendo así, e para avanzar na traxectoria vinculada ao logro do éxito educativo emprendida en cursos anteriores e seguir reforzando a autonomía dos centros, é necesario establecer unha nova convocatoria de Contratos-Programa centrada na innovación que, aproveitando a experiencia acumulada, facilite a posta en marcha de plans específicos de mellora deseñados polos propios centros para o éxito escolar do seu alumnado.
Máis información no seguinte enlace:
http://www.edu.xunta.gal/portal/cpinnova