O Departamento de Ciencias da Natureza organizou para o alumnado de 3º e 4º de ESO unha xeoruta pola Praia das Catedrais e o pobo de Rinlo, guiada polo xeólogo Francisco Canosa. Puideron descubrir, paso a paso, o proceso que deu lugar a este incrible monumento natural, pero tamén a explicación de porque se concentra un número tan importante destas estruturas rochosas nesta praia.
Do mesmo xeito este treito costeiro mostra moitos elementos xeomorfolóxicos (furnas, ollos, illotes, etc.), presentes na evolución destes cantís da Mariña lucense. No caso dos ollos, algúns deles foron empregadas na contorna de Rinlo como cetareas de marisco.