Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Agradecemento do Banco de Alimentos Rías Altas

O presidente do Banco de Alimentos Rías Altas ven de agradecer a colaboración do instituto na Campaña Solidaria Operación Kilo que se fixo fai unhas data. Desde aquí queremos facela extensiva a todos os participantes.

O concerto do pianista Lang Lang con nenos de varias nacións

O concerto foi emitido no canal "La 2"(Enlace aquí). Tamén está dispoñible en Youtube unha versión sen editar (Enlace aquí).
E aquí poñemos unha fotocomposición de imaxes da transmisión, co noso alumno entre os pianistas.

Resultados do Big Challenge 2012

Unha vez máis estamos de noraboa: O alumno Nicholas Twine Padín acadou o primeiro premio a nivel provincial, Diploma First Class Honours e Supercopa da provincia. Os alumnos David Baamonde López e Jorge Manuel Blanco Domínguez acadaron o segundo posto na provincia da Coruña.

Parabéns aos nosos alumnos participantes, e especialmente aos premiados!

Un alumno do instituto vai tocar co pianista máis famoso do mundo

Un alumno do noso instituto foi seleccionado entre varios centos de mozos para tocar co pianista Lang Lang. Onte, 1 de xuño, o Telexornal da TVG fixo unha reportaxe da nova.

O MUNCYT está a piques de abrir as portas ao público

O un de xuño a sede do MUNCYT  (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía) abrirá definitivamente as portas ao público xeral e aos estudantes en particular. Hai uns días tivemos a oportunidade de facer unha visita. Puidemos comprobar a magnitude do proxecto, e a súa adaptación a un edificio singular e premiado pola arquitectura ensaiada.

Aínda que o "mascarón de proa" do Museo sexa o enorme morro do avión Boeing 747 "Lope de Vega", hai outra sala, 'Mayúsculas", que destaca polo tamaño das súas pezas únicas. Os visitantes poderán desfrutar tamén dunha especie en vías de extinción: a máquina de escribir, multiplicada por numerosas variantes. En realidade, as pezas máis selectas, ás que poderiamos chamar incunables, están no corazón do edificio, protexidos do mundo exterior  nunha atmosfera de silencio, repouso e oscuridade, que lles da unha maior solemnidade.

O Museo garda moitos segredos. Algúns deles iranse descubrindo de cando en vez. Desde aquí animamos á xente a descubrilos, e tamén a Moncho Núñez e o seu equipo a seguir destilando a maxia que teñen "aqueles tolos cachivaches".

Melgaço, outra visita do Proxecto Terra

Os días 19 e 20 de abril un grupo de corenta alumnos de 3º da ESO fixo unha visita da vila portuguesa de Melgaço. Esta é unha saída máis das que o noso instituto ten organizado baixo o programa do Proxecto Terra, como en anos anteriores aconteceu por terras de Ferrol, Allariz, Guimarães, co obxectivo de aprender e vivir experiencias ao redor da defensa do patrimonio, a paisaxe, e a ordenación do territorio.


Nesta ocasión puidemos decatarnos, unha vez máis, da unidade territorial que forman Galicia e o Norte de Portugal, unha das eurorrexións da Unión Europea. O xoves 19 visitamos o Parque da Peneda-Gerês entrando por unha das súas portas, Lamas de Mouro, e tamén Castro Laboreiro. O grupo hospedouse na Pousada da Juventude, en Melgaço. Visitamos esta vila ao día seguinte: a súa torre medieval, o Museo do Cinema e mais o da Memoria (Museo da Memoria Fronteira). Reafirmámonos na nosa identidade galego-portuguesa e viñemos cheos de experiencias que nos indican o que somos e o que debemos ser. Os nosos meninos saudaron o río Miño e ficaron obrigados con Portugal.


Unha medalla de bronce a nivel nacional en Matemáticas

Si fai uns meses dábamos conta con grande ledicia que Gonzalo Cao Labora, alumno de 3º de ESO do noso instituto, conseguira unha medalla de ouro na fase galega da Olimpiada Matemática, agora encheunos de orgullo ao quedar no terceiro posto, medalla de bronce, na olimpiada española de Matemáticas.

Parabéns!

Actualización 29 Abril: Engadimos fotos da entrega do diploma da fase galega.


Viaxe á rexión de Midi-Pyrénées

Dende o día 23 ata o 29 de abril, un grupiño de 11 alumnos de 3º e 4º  da ESO desprazaranse a Francia acompañados pola profesora de francés Mª Jesús Quintáns Rodríguez. Durante a súa estadía no país veciño serán acollidos no collège de Fontenilles, localidade situada a 25 km. de Toulouse. A viaxe ten dous obxectivos principais: lingüístico (facer progresar aos alumnos e suscitar o interese pola lingua e a cultura francesas) e social (descubrir a rexión mediante a inmersión familiar e escolar).

Ademáis das actividades realizadas no collège, o grupo  visitará as cidades de Toulouse e Carcasonne.

O traballo en común co collège de Fontenilles vense dando dende o curso 2010-11 mediante a correspondencia epistolar dos alumnos que continúa no presente curso. Mediante esta viaxe que agora se leva a cabo, é intención do departamento de francés sentar as bases para poder efectuar un intercambio de alumnos nos vindeiros anos.


Revista "Alén da Chuvia", número 1

O primeiro número da revista Alén da Chuvia, editado en maio de 2009, dispoñible libremente para descarga. Se non puideches conseguilo en papel, esta é a túa oportunidade.

Conferencia do Presidente da Asociación de Xoves Empresarios de Galicia

O alumnado de 3º da ESO e 1º de Bacharelato non tiveron reparo en posar co empresario coruñés tras a súa charla do venres 30 de marzo. Pola súa participación no turno de preguntas e polo interese que amosaron polas experiencias que Daniel Ramos contaba, sen dúbida que a actividade resultou moi instructiva para todos.

Un exalumno do instituto representa aos premios extraodinarios de Bacharelato e Formación Profesional

O pasado mes de febreiro o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu un acto no que gabou o esforzo dos 38 estudantes galardoados cos premios extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao curso 2010/2011, e os premios extraordinarios de Formación Profesional específica de grao superior correspondentes ao curso 2009/2010. Alí estaba o noso exalumno Alejandro Roura Blanco, que ademais representou a todos os seus compañeiros lendo un discurso de agradecemento. Aquí está o video coas súas verbas. Desculpade que a imaxe non sexa boa. [máis info...]


Acto de entrega dos premios Rita Suárez Amado, 7ª edición

O pasado 16 de marzo tivo lugar a sétima edición da entrega dos premios do concurso literario de relato curto e poesía que se  celebra cada ano en lembranza de Rita Suárez Amado. O acto foi presidido polo conselleiro de Cultura e Educación Xesús Vázquez Abad. Os asistentes foron agasallados coa actuación do Coro do Instituto.

Os medios de comunicación recolleron amplamente o alí acontecido. Aquí tedes os enlaces:

Parabéns a todos os premiados!

Visita ao centro penitenciario de Teixeiro

 

Este martes 6 de marzo unha trintena de alumnos de 3º da ESO, en compaña de tres profesores do centro, foi ao centro penitenciario de Teixeiro devolvendo así a visita que un grupo de internos e educadores da UTE (Unidade Terapéutica Educativa) ‘Concepción Arenal’ realizara ao noso instituto. A experiencia podemos cualificala de profundamente humana e educativa. Participamos nunha especie de comuñón das súas vivencias. O traballo destes internos e destes funcionarios permeables á esperanza, abre un espazo novo, rico, un espazo que debe ser coñecido e socialmente estimado.

Teñen un blog: “di-k-non.blogspot.com”, e contan coa inestimable cooperación económica da coruñesa Fundación Barrié.

Desde aquí, desde o instituto, valoramos a iniciativa e mandamos un saúdo fraternal e estes homes, educadores e mais internos, que están vivindo unha experiencia de futuro.

(Este texto foi elaborado polos profesores acompañantes)

Acadamos un segundo posto a nivel nacional

Queremos lembrar os alumnos de 1º da ESO do curso pasado K. Minota, C. Román, E. Ruano, I.C. Silva, M. Tasende, P. Valdés, A. Vidal, C. Vidal, J.R. Viñas, S. Zapata e A. Zas. Acadaron o segundo posto de toda España no concurso de Blog-Francés.

Se aínda non viches o blog que construiron, esta é unha boa ocasión.


Parabéns aos nosos alumnos e parabéns aos seus profesores!

Reunión do equipo de EusebioTV

O equipo de EusebioTV.

Resultado da campaña feita por EusebioTV:

A web de EusebioTV, cada día con máis visitas:

Conferencia de Carlos G. Reigosa, 1 de marzo de 2012

O 1 de marzo, no Salón de Actos do IES Plurilingüe ‘Eusebio da Guarda’, o periodista e escritor Carlos G. Reigosa impartiu unha conferencia aos alumnos do instituto sobre o espertar da súa vocación de escritor, e comentou tamén algún dos seus libros máis representativos. É autor, entre outros, dun dos libros de maior éxito de vendas en galego, Crime en Compostela. Vén de publicar a novela Tras da Corda. Así mesmo, disertou de temas recorrentes na súa obra, como os fuxidos, a bandoleira Pepa a Loba e a materia artúrica. O IES Plurilingüe ‘Eusebio da Guarda’, con estes actos, preténdelle achegar ao alumnado a literatura en primeira persoa, ao vivo.

O acto foi organizado polo Departamento de Galego e contou coa colaboración da Dirección do centro.


Taller Di Ke Non, 27 de febreiro

O pasado martes 27 de febreiro visitáronos varios internos do Centro Penitenciario de Teixeiro que participan na UTE (Unidade Terapéutica Educativa “Concepción Arenal”, cuxo lema é a reinserción é posible). Levaron a cabo unha representación teatral, dous deles tocaron a guitarra e cantaron… Tamén nos relataron dúas experiencias persoais con sinceridade por veces crúa… Cantando reflexionaban sobre o concepto do valor. Eles son valerosos. Son poucos, a participación no programa é voluntaria. Pero o labor que fan é unha porta aberta á esperanza. O próximo 6 de marzo un grupo de alumnos de 3º da ESO devolveralles a visita. Ánimo e a seguir!

 

Un recordo da sua visita

Distribuir contido


by Dr. Radut