CALENDARIO DE AULA 2024-2025
Máis fotos no ENLACE
CALENDARIO DE AULA 2024-2025 : COIDA O GALEGO COMA ALGO TEU.
Este pasado luns 14 de outubro foron entregados os calendarios de aula por parte de dous alumnos de 4º ESO E, Elena Barreiro Casanova e Adán Silva Bértola, colaboradores do EDLG. O dito alumnado foi explicando polas diferentes aulas os detalles que presenta o deseño gañador deste ano, obra da alumna de 3º ESO B, Nuria Alonso Rodríguez. De novo, a citada alumna faise co galardón, posto que o seu traballo se cinxiu á perfección ás bases requiridas: alén de ser un debuxo orixinal, ideou un lema ou eslogan para fomentar o uso do galego e manifestar tamén amor á nosa cidade, A Coruña Así, na súa creación, aparecen elementos senlleiros, imaxes identitarias de noso, como a Torre de Hércules, o Planetario, o Milenium, .... e, por suposto, sen deixar de lado a fachenda que sentimos polos excelentes resultados acadados polo noso Depor e mais polo Club Básquet Coruña.
Ademais disto, o EDLG quixo facerlle un aceno ao vindeiro Día das Letras Galegas 2025, adicado ao cancioneiro popular galego, ao poñer no dito calendario o coñecido tema popular “Vivir na Coruña”. A citada canción vai acompañada dun código QR, co versión feita pola cantora Ana Kiro. A título persoal, considero un auténtico acerto que a RAG lle rendese un merecidísimo tributo ao cancioneiro popular galego, nomeadamente ás mulleres, por teren contribuído á transmisión da nosa lingua e cultura. Cantareiras e pandereteiras, contextualizadas en labores comunitarios labregos, sairán da esfera privada e as súas cantigas terán un papel protagónico en 2025.
Se ben é verdade que este colectivo contribuíu ao espallamento etnográfico de noso, non é menos certo que as cantoras e cantores de bailes e verbenas tamén arrimaron o lombo para transmitir, non só cantigas populares, senón tamén grazas a moitos deles puidemos achegarnos a poemas de clásicos da nosa literatura.
Guíndolle pois unha suxestión á RAG quen, como dixen antes, endeen sorprendeu con esta homenaxe: oxalá repare tamén nos vindeiros anos en figuras “non literatas”, pero que fixeron tanto ben pola nosa lingua. Como ben dixo o presidente da nomeada institución Víctor Freixanes, «como neno nado na Pontevedra dos anos 50, o meu galego entrou polas cancións das festas», pois do mesmo xeito ca el, “como nena nada na Coruña dos anos 60, o meu galego tamén entrou polas festas e polas casetes de Ana Kiro e Pucho Boedo e Los Tamara que mercaba meu pai”. Lembro con nostalxia e tenrura infinda aquelas fitas que iamos escoitando e cantando toda a familia no coche. Se como dixo Rilke “a verdadeira patria do home é a infancia”, a miña foi un un tempo paradisíaco, cunhas cancións que fixeron en min lar, entoadas coas miñas irmás. Agradézolles aos meus pais ternos transmitido esa alfaia do noso cancioneiro popular.
Por outra banda, o lema creado pola alumna gañadora é moi axeitado para os tempos que corren. Logo de ver os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o uso do galego, as cifras son preocupantes pola deriva cara á extinción da nosa lingua. Por iso, o eslogan deste calendario “coida o galego coma algo teu” é un chamamento á mocidade, para que loiten pola supervivencia do noso idioma, que somos un pobo diferenciado pola nosa lingua; non somos nin máis nin menos que ninguén, pero si somos o que somos por obra e graza da nosa fala, o principal sinal de identidade.
Transmitirvos, mozas e mozos, que é o herdo máis valioso que vos vai quedar!
Teresa Pastor Novo
(coordinadora do EDLG)