Aplicacións móbiles con corazón: o alumnado desenvolve tecnoloxía para unha boa causa
Nunha sociedade onde a mocidade adoita a ser infravalorada, o alumnado de 1º de Bacharelato do IES Eusebio da Guarda demostrou este luns 10 de xuño que o futuro pode ser brillante e esperanzador. A través dunha ximcana solidaria, estes mozos e mozas visitaron oito puntos da nosa cidade, dende a Praza de Pontevedra ata a Cidade Vella, resolvendo enigmas e superando retos deseñados por eles mesmos nunha aplicación móbil, co obxectivo de recadar fondos.
Dirixidos polos alumnos Javier Serantes Álvarez, Mario Vilariño Mouro e Iván Tizón Losada de 1ºA, demostraron non só as súas habilidades tecnolóxicas, senón tamén unha profunda conciencia social. A recadación obtida destinouse á cociña económica, onde Oscar Castro e Jacinto Luis Torre Fraga administrador e presidente da institución, nos atendenron este venres 14 de xuño e explicaron o excelente traballo que realiza esta asociación benéfica que reparte 1.500 comidas ao día.
Esta actividade non é un feito illado, senón que forma parte dun proxecto máis amplo onde o alumnado deu vida aos versos de Luísa Villalta a través de videoxogos para móbiles aos que se pode xogar na nosa cidade. Esta fusión de tecnoloxía, literatura e solidariedade lémbranos que a educación pode ser un motor de cambio social, inspirando ás novas xeracións a marcar a diferenza na nosa contorna.
Se tes curiosidade, podes consultar os contos escritos e todos os traballos feitos polo alumnado e mesmo descargar as aplicacións para probalas no teu móbil Android e xogar na nosa cidade da Coruña, no libro recompilado polo EDLG, “Luísa melodía infinita”, co que colaboramos durante este curso 2023/24 e que podes atopar no anexo 3: “Contos interactivos e videoxogos na cidade da Coruña”.
Ligazón ao libro Luísa Melodía Infinita: https://drive.google.com/file/d/1VgW-XnrEuJCEhWsLPg-c0X-YZ6VVFmxv/view
Enlace coas fotos da saída da xincana e entrega da recadación: https://drive.google.com/drive/folders/1PA4XErk3Dbn7XoOe6nGHQMkPg_F2UEoJ...
Agardamos que esta iniciativa sexa a semente que inspire a novas alumnas e alumnos a implicarse en retos solidarios.
Serxio Gómez Recouso, profesor de Tecnoloxía e TIC.