Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

3 DE MAIO: TRIBUTO A LUÍSA VILLALTA O SITIO DO MEU RECREO

FOTOSenlace 1 enlace 2

  VÍDEOSenlace 1  enlace 2   enlace 3

   LIBRO "Luísa, melodía infinita":  enlace 

Dicía o poeta cubano José Martí que tres son as metas que debe realizar unha persoa na vida: ter un fillo, plantar unha árbore e escribir un libro. Pois, dende logo, a celebración hogano do Día das Letras Galegas, dedicado a Luísa Villalta, permitiu que moitos alumnos e alumnas contribuísen cos seus traballos á conformación dunha arela soñada cando cooordinei as actividades para honrar a figura da nosa amada paisana, Luísa Villalta: escribir un libro conxunto. Así, todos os compañeiros e compañeiras lle demos forma ao volume Luísa, melodía infinita, no cal participou profesorado de distintos departamentos didácticos, co desexo de deseñar traballos que abordasen as distintas facetas nas que se desenvolveu maxistralmente a esgrevia escritora e violinista coruñesa.

Así, o pasado 3 de maio presentouse o dito libro, saído do mellor prelo posible: todo o noso traballo, de alumnado e profesorado. O acto, presentado pola xefa do Depatamento de Lingua Galega e Literatura Beni Vidal Tomé, e mais pola corrdinadora do EDLG Teresa Pastor Novo tivo lugar na dita data, ás 17:00 h no salón de actos do IESP Eusebio da Guarda. Abriu a dita celebración a directora Mª Isabel Ruso de Lago, logo da magnífica interpretación da canción de Antonio Vega El sitio de mi recreo, cantada con acompañamento de guitarra acústica polo alumno do IESP Salvador de Madariaga Abraham González Estévez. Este tema serviu de pretexto para contextualizar o título deste tributo: O sitio do meu recreo, sendo o IESP Eusebio da Guarda, o noso instituto, o sitio ao que sempre volver porque, unha vez que marcha o noso alumnado, sabe que sempre vai ter as portas abertas para regresar cando quixeren, como así fixo Luísa Villalta, pendurada, dende comezos deste seu ano, co seu estandarte na fachada do noso emblemático centro. Así, dende o EDLG, abusando da súa xenerosidade, quixemos que cada profesor e profesora presentase a actividade realizada cos seus grupos, por considerarmos que o profesorado implicado é o mellor voceiro do seu traballo. Deste xeito, o dito profesorado explicou cada traballo proposto nas súas respectivas clases, ou ben leron a breve reseña que escribiron na ficha adxunta ás súas tarefas. Houbo tamén compañeiras e compañeiros que quixeron que algún alumno ou alumna axudase na dita tarefa de presentación. Ademais, a compilación das actividades fíxose por orde alfabética dos distintos departamentos participantes.

E, deste xeito, nesa fermosa xornada do pasado 3 de maio, ademais da presentación oficial do libro por parte do EDLG, tamén tiveron lugar outras dúas actividades relacionadas co mesmo:

• Presentación do cadro A Cidade Alta, en homenaxe ao poema Poema da Cidade Alta, inserido no libro En Concreto (2004), galardoado ese ano co Premio de Poesía Espiral Maior, un canto de amor ao seu berce, a cidade da Coruña. Realizado por alumnado do noso instituto, baixo a coordinación da catedrática de Educación Plastica e Audiovisual Eva Vérez. Foi presentado polas alumnas de 2º Bach, da materia de Debuxo artístico.

• Estrea da versión musicada, A Luísa, creada polo catedrático de Música Faustino Porras, a partir dun poema de Luísa Villalta, pertencente ao seu libro Música reservada. En colaboración co IESP Salvador de Madariaga, contouse coa asistencia de alumnado dese centro, quen cantou esta peza, acompañado musicalmente pola súa profesora e antiga compañeira do noso instituto, Rosa Mª Rodríguez Rivas e mais o violinista Pedro Navarret, ademais luthier encargado da restauración do violino de Luísa Villalta. Ao violoncelo tamén participou a alumna do noso centro Pilar Alonso-Jáudenes Paz. As voces que interpretaron o tema creado polo profesor Porras foron Alex García Vázquez e Alex Amigo Ribet, esta última filla dos nosos compañeiros Nuria Ribet López e Avelino Amigo Romero. Ambas rapazas, alumnas da materia de Coro e Técnica Vocal no IESP Salvador de Madariaga, foron coordinadas pola súa profesora Rosa Mª Rodríguez Rivas.

No mesmo acto, foi inaugurada tamén oficialmente unha placa en homenaxe a autora herculina, antiga alumna deste centro, instalada no vestíbulo do centro, encima da de Pablo Picasso. E, como remate, non podía faltar a música. De novo, Rosa Mª Rodríguez Rivas e mais o violinista Pedro Navarret mostraron unha xenerosidade e amizade infindas, agasallándonos con dúas pezas musicais: Romanza andaluza (Pablo Sarasate) e Salut d ́Amour (Edward Elgar).

Tras este acto, estaba previsto que a a directora e catedrática de Xeografía e Historia Mª Isabel Ruso de Lago fixese unha visita guiada polo instituto, acompañada dunha guía realizada por ela “O sitio do meu recreo: un paseo polo instituto de Luísa” (inserida no libro), para todo o público asistente. Ende mal, esta non se puido levar a cabo por mor dunha afonía da directora.

Por último, o IESP Eusebio da Guarda encargou dous exemplares impresos, un para darllo de lembranza a María Gómez, nai de Luísa Villalta; e o outro, para que permaneza para sempre no soso centro, como recordo de tan fermosa efeméride. Non obstante, aquí vos deixamos un enlace co libro dixital, para que o poidades descargar cando quixerdes, dirixido a toda a comunidade educativa. Como cooordinadora do EDLG, hei de dicir que foi un ano moi intenso, emotivo e inesquecible, no cal quixen amosar do xeito máis integral a grandeza da personalidade e o impagable legado creativo que nos deixou Luísa Villalta.

En nome do EDLG, moitas grazas de novo a todas e a todos.

Teresa Pastor Novo

(coordinadora do EDLG)



page | by Dr. Radut