Broche final dos actos do 25N
Na mañá de hoxe, 2 de decembro de 2022, un grupo de alumnos e alumnas de 4º ESO E, acompañados pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura e membro do EDLG, Beni Vidal Tomé, foi o encargado de realizar o acto simbólico de retirar o recolector de lixo colocado fronte á Conserxería, que serviu para que todo o alumnado de ESO fose botando ao longo desta semana as verbas e fraseoloxía tóxicas que elaborou, para unirse coa palabra, aos actos para eliminar a violencia contra a Muller. Conscientes da importancia da reciclaxe para termos un mundo mellor, verteron o contido do dito recolector no depósito de papel para reciclar, que está na planta baixa do edificio histórico. Reeducar no bo uso da palabra abofé contribúe a vivir nun espazo máis seguro, libre destas “violencias brandas”, que non levan a ningures.
Dende o EDLG, queremos expresarlles todo o noso agradecemento e parabéns a todas as persoas (alumnado, profesorado, persoal non docente, ….) que se implicaron nesta efeméride. Collendo emprestadas unhas verbas do esgrevio escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro, pero adaptándoas a este acto: “Mil primaveras máis para as mulleres; sen loitos, sen choros, sen feridas, ….. Con ELAS, sempre, sempre”.
Teresa Pastor Novo
Coordinadora do EDLG