Skip to Content

Extraescolares

ACTIVIDADES PLURILINGÜES DO DEPARTAMENTO DE INGLÉS (IES PLURILINGÜE ELVIÑA)

Este luns 1 de Outubro, tal e como se sinalaba na circular de solicitude, comezan as actividades plurilingües no IES Elviña. O horario das actividades será de 16:10 a 17:00. O alumnado realizará actividades de inmersión en lingua inglesa coa auxiliar do centro Janna Karatas e o profesor Francisco Amado Vilariño. O alumnado seleccionado pode consultarse nesta lista (clicar aquí). A non asistencia ou as posibles baixas supliranse co alumnado excluído pola orde que se indica na mesma listaxe.

FESTA DE GRADUACIÓN DE 2º BACHARELATO

Orla verdeOrla blanca

O pasado venres día 25 de maio o noso alumnado de 2º de Bacharelato celebrou (por fin!) a súa graduación. Despois de tanto esforzo ao longo do curso era xa o momento de poder disfrutar dunha xornada lúdica na que festexar os froitos do traballo. Nesta xornada houbo tempo para a lembranza, para os risos e as bromas e, por suposto, tamén para a reflexión seria sobre o futuro. No acto participou coma ponente invitado Fermín Álvarez Lata, Xefe de Inspección Educativa da provincia da Coruña, exdirector do noso centro, quen dirixou unhas amables palabras ao alumnado e aos invitados, lembrando a súa época coma director do IES Elviña. Titora, director, alumnado participaron na celebración cos seus discursos e co seu bo humor.
    Moi especial tamén, a presenza de Mercedes, María Xesús, Xesús e Manolo, membros da anterior directiva do IES, que non quixeron perderse o evento. Unha aperta para eles.
     O acto rematou coas actuacións musicais do alumnado (Grazas, Gemma!) e co viño español de rigor nestes casos. En resumo: unha fermosa xornada para despedir a unha xeneración marabillosa de rapaces e rapazas que sempre formarán parte do IES Elviña.

graduación-01graduación-03graduación-04graduación-06
graduación-05graduación-07graduación-0811
101314


Unha aperta para todos e que o voso futuro académico e laboral estea cheo de éxitos! O tedes merecido!

1º DE ESO VISITA O PARLAMENTO

Dentro do programa da Consellería de Educación da Xunta de Galicia "Coñece as túas insitucións" o alumnado de 1º de ESO do IES Plurilingüe Elviña fixo o pasado mércores 9 de maio unha visita guiada ao Parlamento e ao edificio administrativo da Xunta de Galicia (San Caetano) en Santiago de Compostela. A intención: coñecer persoalmente as sedes do poder lexislativo e executivo da Comunidade Autónoma de Galicia. Os rapaces estiveron acompañados por tres profesores do centro e puxeron todo o seu interese nas explicacións que lles deron os guías. Disque se portaron moi ben e non fixeron ningunha das súas (polo menos o alumnado...).

1201020924
151617
1428424831
4954Santiago-02

DÍA DO LIBRO

Imaxe-05      O día 23 de abril conmemórase a Xornada Internacional do Libro. A coincidencia no mesmo día do ano 1616 da morte de William Shakespeare e Miguel de Cervantes (e do Inca Garcilaso de la Vega, para redondear a cousa) xustifica sobradamente a celebración deste día (aínda que sexa con truco... en fin, que si non è vero, è ben trovato).

     No IES Plurilingüe Elviña os departamentos de linguas optaron este ano por facer unha exposición na Biblioteca de libros nos distintos idiomas do mundo (aproveitando que the surname v.gr. le prénom do noso centro é Plurilingüe). Moitas grazas a todos os profes que remexeron nas súas bibliotecas particulares para atopar os tesouros escondidos: libros do século XVIII, unha edición rara dos grabados da Encyclopédie de Diderot, unha edición das obras de Hawthorne de 1877, un misal romano do XIX, un facsímil dun Libro de Horas medieval, gramáticas do español de 1920, dicionarios de latín do século XIX, libros en xaponés, en chinés, en alemán, en inglés, en francés, en italiano, en ruso, en portugués, facsímiles, libros asinados polos autores, libros troquelados, xornais de todo o mundo... En fin, viuse alí todo tipo de publicacións do mundo. Unha boa maneira de celebrar o Día do libro.

im-01Im-02Im-03Im-04
Im-05Im-06Im-07Im-09
Im-14Im-07Im-10
Im-12Im-11

     Ademais da exposición, os rapaces e rapazas de 1º de ESO prepararon unha exposición de marcapáxinas feitos coas figuras de Castelao, Rosalía, Curros Enríquez e María Victoria Moreno, a quen se adica este ano o Día das letras galegas.
     Alba Lorenzo, a nosa profesora de lingua castelá, preparou ademais un concurso literario para completar a exposición: máis dun deuse de croques para saber a que escritor pertencían os textos da proba...

Concurso

DÍA DA CIENCIA NA RÚA, ANO 2018

Ciencia na Rúa-Cartel     A Asociación de amigos da Casa das Ciencias da Coruña celebra este sábado no Parque de Santa Margarita, como todos os anos, o Día da Ciencia na Rúa, no que participa o noso centro xunto a outros moitos da nosa cidade. A iniciativa, que vai xa pola súa XXIII edición (cidade científica a nosa!) tenta levar o saber científico á cidadanía nunha xornada lúdica na que os rapaces, os sacrificados "profes" de ciencias e as familias colaboran amosando e explicando ao público os experimentos e as prácticas científicas que nenos e nenas levan preparando nas aulas todo o curso.

     Este ano, o IES Plurilingüe Elviña colabora cunha manchea de primeiras figuras da ciencia procedentes dos cursos de 1º de ESO. Haberá que velos rebulindo na carpa do insti para explicarlle á concurrencia (que será moita e moi entendida) o que son as curvas de Jordan pechadas (non, seguro que non falarán de baloncesto...),  as propiedades da cicloide isócrona e braquistócrona (premio a quen o diga dez veces sen errar!) e as marabillas ocultas da maxia matemática (pois baixo os números de maxia ocúltase sempre a maxia dos números).
     Moitas máis sorpresas agardarán nese sábado científico para seren desveladas polos nosos Eulers e Newtons e as nosas Curies.
     En fin, para abrir boca, aquí tedes o enlace co libro informativo da xornada e o vídeo de Carlos, coa rapazada de Elviña traballando e desfrutando da ciencia (que diso se trata!).


     Por certo, noraboa ao profesorado participante, dos Departamentos de mates e de ciencias, polo seu traballo!

Vémonos no parque!

Distribuir contido


by Dr. Radut