Portada

encher paxina principal do espazo

Novas instrucións en relación co COVID-19

https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30550

1. PROCESO DE ADMISIÓN

Amplíase provisionalmente o prazo de presentación telemática e presencial de solicitudes de admisión que finalizará 1 semana despois do reinicio das clases.

Recoméndase a utilización preferente da modalidade telemática para a presentación das solicitudes

 

2. PRESENZA DO PERSOAL DOCENTE E NON DOCENTE NO CENTRO

2.1. Establécese as seguintes previsións en relación coa presenza do persoal que se indican a continuación:

a) Educación infantil e primaria

-Centros de menos de 6 unidades

A titorización e a atención do alumnado realizarase cos medios non presenciais, telemáticos,  telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias (por exemplo, webs dinámicas, aulas virtuais, Edixgal, etc)

-Restantes centros

Para a titorización e atención ao alumnado polos medios non presenciais, telemáticos, telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias (por exemplo, webs dinámicas, aulas virtuais, Edixgal, etc) establécese a presenza do persoal docente que determine o equipo directivo, sempre que non presente sintomatoloxía. Non se terá en consideración o persoal de reforzo educativo, auxiliares de conversa..., etc. que non teñen a obriga de asistir ao centro.

b) Resto de ensinanzas

Para a titorización e atención ao alumnado polos medios non presenciais, telemáticos, telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias (por exemplo, webs dinámicas, aulas virtuais, Edixgal, etc) establécese a presenza do persoal docente que determine o equipo directivo, sempre que non presente sintomatoloxía.

Non se terá en consideración o persoal de reforzo educativo, auxiliares de conversa..., etc. que non teñen a obriga de asistir ao centro.

c) Educación especial con servizo de residencia

Deberá existir o persoal suficiente docente, coidador e de cociña para garantir os coidados básicos do alumnado asistente.

d) Agás nos centros de educación especial con residencia, para o persoal de cociña, limpeza e persoal coidador aplicaranse as previsións do convenio colectivo para os períodos de inactividade.

e) O restante persoal de apoio e reforzo educativo non asistirá ao centro educativo

2.2. Criterios para a priorización da presenza do persoal nos centros.

De conformidade coas previsións do Acordo do Consello da Xunta de Galicia teñen preferencia para a obtención de permisos de conciliación o profesorado que teña ao seu coidado menores de 18 anos, maiores discapacitados e persoas maiores dependentes.

Para os casos nos que ambos os proxenitores teñan a condición de empregados públicos, a medida aplicarase a un deles (coa excepción de que un deles teña a condición de persoal sanitario).

2.3 No relativo ás ferramentas informáticas dispoñibles, e sen menoscabo das propias, remitirase aos centros educativos unha comunicación na que se indicarán as que están a disposición e o seu procedemento de uso.

 

3. INSTRUCIÓNS RESPECTO DA ATENCIÓN DO ALUMNADO

3.1 O centro disporá das medidas precisas para facilitar a continuidade do proceso de aprendizaxe do alumnado fóra do ámbito escolar.

3.2 Cada centro, dentro da súa autonomía pedagóxica e de xestión, establecerá un sistema de comunicación e información co alumnado e as familias a través das ferramentas ou plataformas coas que traballa habitualmente, así como calquera outro medio de comunicación que o centro estime adecuado para esta situación.

3.3 Os equipos docentes e o restante profesorado elaborarán propostas de actividades para que o alumnado continúe co seu proceso educativo nos seus domicilios.

3.4 Prestarase unha especial atención á titorización do alumnado de 2º de bacharelato.

 

4 OUTRAS MEDIDAS DE CARÁCTER XERAL

4.1 Suspéndese todo tipo de actividade extraescolar

4.2 Suspéndese o servizo de cafetería nos centros de ensino secundario

4.3 Utilizarase como medio de comunicación prioritario coas direccións dos centros educativos o portal da dirección e o correo electrónico.

4.4 As direccións dos centros educativos divulgarán entre o persoal do centro as presentes instrucións e comunicaranas a todas as familias que as soliciten.

 

5. VIXENCIA DESTAS INSTRUCIÓNS

As presentes instrucións teñen carácter provisional, polo que poden ser modificadas en atención á evolución da pandemia.

A comunicación de calquera modificación das presentes instrucións realizarase coa maior inmediatez a través do portal da dirección.

 

Mosaico do poeta Eduardo Pondal --Plan de Formación de Convivencia--

Invitación a todo o profesorado e alumando que está ou estivo no IES Eduardo Pondal de Ponteceso

Durante o curso 2019/20 o IES Eduardo Pondal está a  participar  no Plan de Formación de Convivencia e por iso estamos levando a cabo diferentes actividades. Unha das propostas que queremos levar a cabo para fomentar a relación entre o alumnado, profesorado e resto de integrantes da comunidade educativa é realizar un mosaico do noso poeta Eduardo Pondal. Porén, non é un mosaico tradicional, consistiría na formación dun mosaico tamaño xigante con fotos de todo o alumnado e comunidade educativa (semellante ao mosaico que hai da Gioconda na Domus de A Coruña). Nun primeiro momento pensamos en empregar as fotos do alumnado do curso actual pero máis tarde cavilamos que podíamos usar fotos de todos os alumnos e alumnas que pasaron polo noso centro (tamén profesorado e resto de comunidade educativa).
Por todo o anterior pedimos a todos e todas as que queiran colaborar con esta actividade que nos envíen unha foto (tamaño 1/1) de cando estiveron no instituto, indicándonos nome, apelidos e curso no que finalizaron os seus estudos. O correo electrónico ao que teñen que enviar estas fotos e datos é o seguinte: mosaicopondal@gmail.com
 
Manterémosvos informados de como avanza esta actividade que tanto nos ilusiona!

Presentación Proxecto CANSAT do IES EDUARDO PONDAL

Mañan martes 11 de febreiro vai ter lugar a presentación do proxecto que estamos a elaborar no IES EDUARDO PONDAL de Ponteceso.

Na mesma explicaremos o noso proxecto aos nosos empresarios e veciños.

Dita presentación terá lugar as 11:00 na sede da Fundación Eduardo Pondal.

UN DÍA COMO INVESTIGADORES

Visita ao IGE 

O mércores 5 de febreiro, os alumnos de bacharelato do noso centro realizaron unha visita a tres centros de investigación científica en Santiago de Compostela.

No Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, observaron como verdadeiros científicos o traballo cooperativo e multidisciplinar dos investigadores nas enfermidades como o cancro, a obesidade, enfermidades cardiovasculares e neurodexenerativas.

No Insitituto Galego de Estatística, realizaron unha análisise de datos sobre os parámetros económicos do Concello de Ponteceso e da Comarca de Bergantiños. Tamén participaron nunha enquisa aprendendo a discriminar e interpretar os resultados, comprendendo a necesidade e utilidade da estatística, tanto en estudios sociais como económicos e na hora da toma de decisións.

Por último e breve foi a abraiante visita ao Centro de Supercomputación de Galicia, onde fixemos unha importante reflexión sobre o almacenamento de datos, o proceso de simulación nos modelos de predición climatolóxica e o consumo enerxético que supón que podamos ter ao alcance dun clic no noso móbil os vídeos e a música que desexemos.

Grazas por abrirnos as portas e a mente!

Distribuir contido