portada30

Complementarias

Pola igualdade un 8M máis dende o IES de Sar

Igualdade_8M_2023

8M. Chegará o día no que non haxa que celebralo. No ámbito educativo somos un exemplo de Igualdade. 

No IES de Sar sentímolo así. 

 

Novo éxito na Olimpíada Matemática Galega!

Parabéns ao noso alumno Breixo Longueira Alonso, de 4º da ESO, polos resultados acadados na actual edición da Olimpíada Matemática Galega.

Un logro extraordinario para un alumno excelente!

Diversidade!

Fuco_Reyes_Diversidade_2023

Temos a sorte, estas semanas, de ter entre nós ao fotógrafo compostelán Fuco Reyes, que está coordinando o proxecto sobre DIVERSIDADE, xunto con Montse Amigo, dirixido aos alumnos que cursan a materia de Proxectos Artísticos en 1º de Bacharelato de Artes. 

Co material que resulte desta iniciativa, contamos con ilustrar o libro da Colección Sar que cada curso editamos no centro.

Este ano, xa sabedes, será un monográfico sobre a DIVERSIDADE, enfocada desde todos os puntos de vista: ideolóxico, sexual, lingüístico, biolóxico, cultural...

Confiamos en que ao final de curso poidamos ter editada esta obra para que poida chegar antes do verán a todas as casas das nosas alumnas e dos nosos alumnos.

Novo mural no centro!

Mural_Xurxo_Martiño_2023

Compartimos a pintura coral que xenerosamente coordinou Xurxo Martiño no obradoiro que impartiu no noso centro durante a Semana das Artes celebrada en decembro. Un políptico colorista e divertido que pintaron os alumnos de 1° de Bacharelato baixo a atenta ollada e a man precisa do pintor compostelán. 

Fixádevos no resultado final, logo da primeira intervención do noso alumnado. 

Sutileza colaborativa. Mestría discreta.

Quedámosche, Xurxo, profundamente agradecidos.

Relatorio con Gonzalo Francisco Fernández Suárez.

Relatorio con Gonzalo Francisco Fernández Suárez

Esta semana tivemos a sorte de contar co decano da Facultade de Humanidades (Campus de Lugo) da USC,  Gonzalo Francisco Fernández Suárez, para falarnos de xestión cultural e animar os nosos alumnos a que cursen o grao e o máster de Xestión Cultural que imparten nesta facultade. Acompañouno Carmen, unha exalumna nosa que está cursando este grao desde hai dous anos.

Unha alternativa académica ben interesante para o noso alumnado de bacharelato.

Bo Nadal e próspero 2023!

Semana das Artes. Decembro 2022. Día 5.

Semana das Artes 2022 (Día 5)

Semana das Artes

Día 5

Tomás Guerrero volveu ao IES de Sar cargado de orixinais e de gañas de compartir todo o seu talento como debuxante de cómic. Realmente é un novelista gráfico que crea histoiras con debuxos cheos de matices, de modulacións gráficas, de formas imposibles que nacen da experimentación e das horas e horas que inviste para facer o seu meticuloso traballo. Telo hoxe clausurando a Semana das Artes foi un privilexio e un luxo.

Os músicos cubanos de Ecopercusión volveron por segundo ano para ensinarnos a seguir o ritmo con disciplina e sensibilidade. Acompasar a música coas pulsións interiores. Todo un éxito.

Xurxo Martiño descubrindo o traballo que os alumnos do Bacharelato de Artes fixeron estes días cos seus profesores de Plástica para que el complete nos vindeiros días no seu obradoiro de Altaira. Todo un reto que, coñecéndoo, resolverá con éxito por todo o talento que atesoura este artesán da pintura. Grazas, Xurxo, por facer que estes rapaces foran felices esta mañá mentres compartías con eles unha hora do teu tempo. A xenialidade ás veces é discreta ou pasa desapercibida.

Desta semana de experiencias compartidas no ámbito das Belas Artes (Plástica, Literatura, Música, Fotografía, Cine...) quédanos a satisfacción de saber que o noso alumnado foi feliz compartindo cos nosos convidados as súas experiencias. 

Grazas á ANPA do IES de Sar por axudarnos a facelo posible.

Semana das Artes. Decembro 2022. Día 4.

Semana das Artes

Semana das Artes

Día 4

Olalla Cociña compartindo a súa elegancia poética desde a fidelidade á súa orixe e a experimentación musical. Durante máis dunha hora mantivo coa súa voz hipnótica a atención de máis de setenta alumnos que poucas veces teñen a oportunidade de escoitar ás moitas poetas galegas contemporáneas que están achegando tantas propostas orixinais ás nosas letras.

Ánxeles Porto, programadora musical da Borriquita de Belén, e Fernando Casal, membro da asociación Clubtura, compartindo os seus anos de experiencia no ámbito das programacións musicais nas salas de Galicia. Música a pé de rúa e ambición colaborativa.

Semana das Artes. Decembro 2022. Día 3.

Semana das Artes 2022 (Día 3)

Semana das Artes

Día 3

María Meijide abríndonos as portas do seu estudio na Praza do Toural e agasallándonos unha visita guiada pola súa mostra PÁNICO NO MUSEO que pode verse estes días na Fundación Granell. Explosión de cores en todo o que pinta.

Luis Vallecillo metendo no peto o noso alumnado máis novo. Monicreques para entender a diversidade e o que significa a tolerancia. 10 minutos de meditación ao día seica nos salvan de caer. O teatro como terapia, a música como lugar de encontro.

Mañá de cores para un día gris en Compostela.

Semana das Artes. Decembro 2022. Día 2.

Semana das Artes 2022 (Día 2)

Semana das Artes

Día 2

Xurxo Martiño falando da súa traxectoria como artista plástico rigoroso, esixente, en constante contacto co ensino das artes desde o seu obradoiro de Altaira. 

Despois desta semana con nós, deixaranos unha obra de 2 metros feita entre el e os nosos alumnos. Un exemplo de xenerosidade.

Cándido Pazó compartindo as moitas experiencias que fan del un animal teatral por cada poro do seu talento. Honestidade creativa e complicidade co público. Dúas horas divertidas e proveitosas para o alumnado de Artes Escénicas que leu este ano Fillos do sol.

Fabiola del Rocío Anchorena Arias, ilustradora peruana galardoada co Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado deste ano. Cores traídas da Amazonía para denunciar a destrución dese pulmón de América polo que respiran todos os animais que habitan o seu libro Esperando o amencer editado por Kalandraka.

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer