O Instituto de Educación Secundaria de Sar este ano máis que nunca mira ao río da cidade que pasa moi cerca deste centro para descubrir todas os coñecementos e posibilidades didácticas que a biodiversidade e a morfoloxía fluvial aportan.
No presente curso académico, no IES de Sar estanse a desenvolver catro proxectos relacionados todos eles co río Sar e o medio ambiente en xeral. Nestes proxectos participan moitos alumnos e alumnas dos diferentes cursos asi como profesores e profesoras dos diferentes Departamentos didácticos.
En primeiro lugar, o Proxecto Ríos englobado hoxe no Plan Proxecta a nivel de toda Galicia, no que se monitorizan os parámetros fundamentais para o estudo do estado medioambiental do río e das súas ribeiras. En realidade, no IES de Sar estúdase tamén o río Sarela, comparando os datos de ambos ríos, estando xa na terceira edición do Plan Proxecta, aínda que o centro leva unha década participando no Proxecto Ríos en colaboración coa asociación ecoloxista ADEGA.
En segundo lugar, o IES de SAR ten concedido un Proxecto Natura da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre en colaboración co xornal La Voz de Galicia, co que financiou con 700 € un proxecto de axardinamento do centro, no que se plantaron diferentes especies de árbores autóctonas e, especialmente, plantas aromáticas e medicinais de presenza en Galicia, nos espazos verdes do centro. Unha actividade deste proxecto é a saída o 17 de marzo, luns, de alumnado de primeiro da ESO, en combinación con alumnado de sexto de Primaria do Colexio Ramón Cabanillas, para efectuar unha xornada de limpeza das ribeiras do río Sar nun tramo de 500 metros dende a Colexiata de Santa María de Sar en dirección a Pontepedriña.
En terceiro lugar, o centro obtivo un Proxecto Redes con dotación de 300 €, proxecto relacionado coa calidade das augas en Galicia coordinado polo centro medioambiental CEIDA. O día 18 de marzo, martes, o alumnado de cuarto da ESO saíu ao río Sar dende a Colexiata de Santa María de Sar ata o parque público Euxenio Granell para estudar o estado medioambiental das ribeiras do río Sar e, especialmente, a calidade das súas augas, tomando mostras para realizar de seguido as análises bacteriolóxica e de diferentes parámetros fisicoquímicos no laboratorio. Entre estes parámetros están os nitratos, nitritos, amonio, dureza, contido en osíxeno disolto, fosfatos e amonio.
Finalmente, o xoves, día 20 de marzo, saíu unha expedición de cinco alumnos de cuarto da ESO e tres profesores do centro para unha visita de traballo a Istambul onde compartirán estudos e experiencias con alumnos e profesores dos outros seis centros de educación secundaria que participan xunto co IES de Sar no proxecto europeo Comenius co título “Biodiversity of Rivers”. Este proxecto, de dous anos de duración representa unha inmellorable oportunidade de coñecer outras culturas, outros sistemas educativas e, sobre todo, xentes das diferentes culturas europeas para un maior enriquecemento persoal. Nos catro días que durará a estancia, ademais de visitar os lugares máis representativos da maior cidade de Europa, que no pasado foi coñecida como Constantinopla, se compartirán experiencias didácticas realizadas nos diferentes centros do proxecto en formato de congreso onde se exporán as conferencias a cargo de representantes de cada centro. Neste proxecto, outros catro alumnos e tres profesores viaxarán á cidade romana de Severin. No segundo ano do proxecto, que se desenvolverá durante o curso académico 2014-2015, recibirase no IES de SAR a alumnos e profesores dos outros seis centros, para posteriormente viaxar á cidade de Wroclaw de Polonia de onde é a escola coordinadora do proxecto.
Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer