Skip to Content

Para Xoán, con cariño. Sempre entre nós!

A Xoán Díaz:

Profesor de Lingua Galega no noso instituto durante 25 anos (1993-2018), impulsor de múltiplas iniciativas que deixaron unha grande pegada no centro: o certame literario, o grupo de convivencia e mediación ...; precursor tamén do uso e fomento das TIC no ensino: as bitácoras Son de Poetas, Mensaxe nunha botella ... Un referente para todos nós, tanto polo seu labor docente como pola súa calidade humana.

 

Video dedicado polo alumnado de 2º bacharelato do curso 2018-19 a Xoán Díaz no primeiro aniversario do seu pasamento:

 

 

As moradías do vento

 

Dorme coma un paxaro encol das ponlas

dos vellos castiñeiros, dos carballos,

das sobreiras marelas onde a lúa

frutifica o seu corpo pendurado.

 

Nos bidueiros brancos o asubío

arrolando o silencio, desfiando

a longura da noite que se perde

nos camiños estreitos e calados.

 

Eiquí latexa o vento polas follas,

cando a gaita de prata repinica

e bebe o cervo auga, silencioso,

o o merlo fai cereixas na campía.

 

Érguese agora o vento quedamente

nas técolas de orballo estrelecidas,

no voo dos paparroibos, e das rulas,

pola infinda canción das cotovías.

 

Aceso vento na mañá camiña

con recendos de ruda e margaridas.

 

                     Avilés de Taramancos.

 

Hoxe queremos ter unha lembranza especial para o noso compañeiro Xoán, que nos deixou hai un ano. Un gran profesor ao que a comunidade educativa do IES David Buján non esquece. E aínda que tristes porque te fuches, tamén ilusionados de seguir o teu exemplo de traballar cada día por un ensino público mellor. (7/3/2019)

Sempre na nosa memoria, nos nosos corazóns!

Hoxe hai dous anos que nos deixaches, mais segues presente entre nós. Lembrarte é doado e hoxe queremos facelo a través do teu propio legado “Son de Poetas”, unha grande iniciativa de antoloxía da poesía galega musicada que como xesto da túa xenerosidade agora podemos encontrar entre as bitáculas da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), movemento de renovación pedagóxica de referencia para os ensinantes galegos.

O noso recoñecemento e a nosa lembranza (07/03/2020) 


Non hai distancias entre os espazos que se amaron cando as cepas da memoria prenden en todas as ladeiras. O tempo mídese na fenda que rabuña o río, nas oliveiras milenarias que amosan a materia que resiste desde Cambre ao Cabo do Mundo. Alí onde a primavera se debruza no teu balcón para ollar devagariño todos os soles calmos da ribeira.

Pensamentos para Xoán, marzo 2020 (clic na imaxe para ir ao álbum)

Hoxe, 7 de marzo de 2021, cúmprense tres anos desde que nos deixaches. Este ano queremos lembrarte cun belo poema que ti tamén recolleras en "Son de poetas", un poema de M. Curros Enríquez, quen coma ti finou un 7 de marzo (1908). Un século de distancia entre dous homes sensibles á lingua, á terra e ás inxustizas. Cando chegará ese "maio de frores cuberto" que tanto necesitamos?

 

Pensamentos para Xoán, marzo 2021 (clic na imaxe para ir ao álbum)

Hoxe, 7 de marzo de 2022, día do 4º aniversario, queremos lembrarte co grafiti que loce no teu recordo nas escaleiras laterais do centro e con novos pensamentos ao pé da túa oliveira. Xoán, non te esquecemos!

Hoxe, 7 de marzo de 2023, cúmprense xa cinco anos que nos deixaches. Lembrámoste con novos pensamentos ao pé da túa oliveira.

 Xoán, non te esquecemos!

Hoxe, 7 de marzo de 2024: 6º aniversario. Lembrámoste con pensamentos ao pé da túa oliveira.

Xoán, non te esquecemos!



page | by Dr. Radut