25 anos do IES David Buján
Este ano conmemoramos os 25 anos do IES David Buján. Con motivo desta celebración:
- O profesorado e o alumnado traballaron na elección dun lema que recolle o que foi este percorrido e o que pretendemos cara o futuro: 25 anos abrindo camiños. Este lema vai incorporado no logo conmemorativo deseñado por Silvia Fernández, a nosa compañeira de Educación Plástica. O logo e o lema anexo estarán presentes en distintos lugares do instituto e acompañarán todos os eventos relacionados co 25 aniversario.
- O día 26 de novembro faremos un acto inicial no que estará representado o pasado e o presente do IES David Buján, así como representantes municipais e membros da inspección educativa. Ao longo deste acto poderemos escoitar as palabras da actual directora do centro, María Mosquera Castro, así como as intervencións de antigos directores, ex alumnos e representantes municipais; así como actuacións musicais do alumnado. Ao final, teremos un pequeno ágape. Este mesmo día, inauguraremos unha exposición sobre obxectos de hai 25 anos, aportados por toda a comunidade educativa. Grazas á colaboración do profesorado, faremos pública unha orla na que figurará todo o alumnado que conviviu no centro durante estes 25 anos.
- En datas sen determinar, faremos un encontro entre o alumnado do centro e exalumnos que acadaron algunha relevancia social.
- Cara ao final de curso, temos pensado facer unha gran festa na que invitaremos a participar a todas as persoas que estiveron ligadas a este centro ao longo destes anos.
- É moi importante sinalar que este 25 aniversario non pretende ser unicamente unha celebración, senón que o IES David Buján vai procurar –coa implicación de toda a comunidade educativa- ser un modelo de acción solidaria. Así, aos proxectos que xa temos en marcha (Plan Proxecta: Rede de centros solidarios; Mulleres colleiteiras ou colaboración cunha ONG) ao longo do ano queremos sumar:
- Plan proxecta: Correspondente xuvenís 3.0.
- Carreira solidaria.
- Teatro solidario.
- Actividade de recollida de móbiles dentro do proxecto: Salvemos a selva.
- Colaboración coa Concellería de Asuntos Sociais de Cambre e coa oficina do Voluntariado.
- Queremos destacar a implicación da corporación municipal de Cambre neste evento, ofrecendo a súa colaboración nas distintas necesidades que puideramos ter.