Skip to Content

Criterios de Promoción en Bacharelato

 


Bacharelato

 

Promoción

1. As alumnas e os alumnos conseguirán a promoción do primeiro ao segundo curso de bacharelato cando superen todas as materias cursadas ou teñan avaliación negativa en dúas materias como máximo. Para estes efectos, só se computarán as materias en que estea matriculada a alumna ou o alumno.

2. O alumnado que acade a promoción ao segundo curso con materias pendentes deberá matricularse delas e cursalas ao longo do curso.

3. As alumnas e os alumnos do primeiro curso de bacharelato que non cumpran as condicións de promoción establecidas deberán matricularse de todas as materias e repetir o curso na súa totalidade. Neste caso, non se manterán as cualificacións das materias do devandito curso que a alumna ou o alumno superase previamente.

4. O alumnado que ao termo do segundo curso tivese avaliación negativa nunha ou máis materias poderá:

 a) Matricularse delas sen necesidade de cursar de novo as materias superadas. Neste caso poderá solicitarlle á dirección do centro educativo a asistencia ás clases das materias xa superadas de segundo curso, quedando unicamente exento da súa avaliación e debendo cumprir coas mesmas obrigas que o resto do alumnado do grupo.

 b) Repetir o curso completo. Neste caso non se manterán as cualificacións das materias do devandito curso que a alumna ou o alumno superase previamente.

5. A superación das materias de continuidade (II) de segundo curso estará condicionada á superación das correspondentes materias (I) de primeiro curso. Non obstante, dentro dunha mesma modalidade ou vía, o alumnado poderá matricularse da materia de segundo curso sen cursar a correspondente materia de primeiro curso, sempre que o profesorado que a imparta considere que a alumna ou o alumno cumpre as condicións necesarias para poder seguir con aproveitamento a materia de segundo, nos termos que estableza a consellería con competencias en materia de educación. En caso contrario, deberá cursar a materia de primeiro curso, que terá a consideración de materia pendente, aínda que non será computable para os efectos de modificar as condicións en que acadou a promoción a segundo.

 

Titulación

1. O título de bacharel acredita o logro dos obxectivos establecidos para a etapa e a adquisición das competencias clave correspondentes.

2. Para obter o título de bacharel cumprirá a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato.

3. Excepcionalmente, o equipo docente poderá decidir que unha alumna ou un alumno obteña o título de bacharel cando supere todas as materias agás unha, sempre que se cumpran todas as condicións seguintes:

a) Que o equipo docente considere que a alumna ou o alumno alcanzou as competencias clave e os obxectivos vinculados a ese título.

b) Que non se produciu unha inasistencia continuada e non xustificada por parte da alumna ou do alumno na materia.

c) Que a alumna ou o alumno se presentou ás probas e realizou as actividades necesarias para a súa avaliación, incluídas as da convocatoria extraordinaria.

d) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias da etapa cursadas que, como mínimo, se requiran para a obtención do título pola modalidade ou vía pola que se remata sexa igual ou superior a cinco. Para os efectos deste cálculo, considerarase a nota numérica obtida na materia non superada.

 

 


page | by Dr. Radut