Skip to Content

Candeloria 2015

O pasado 2 de febreiro celebramos no noso IES David Buján o Día da Candeloria, o día dos namorados. O 2 de febreiro, día intermedio entre o solsticio de inverno e o equinocio da primavera, celébrase o aumento da luz e o espertar das sementes enterradas na fría terra. Esta xornada está inzada de simbolismo, as sementes e o sol, fonte de calor e de luz que permite o crecemento e a reprodución, están fortemente ligados á fertilidade, á unión e ao amor. Os ritos de predición e matrimonio celébranse nestas datas baixo a protección dos espíritos benéficos que visitaban a terra durante esta festividade.

Esta festa pagá precristiá, que celebra a chegada da luz e do amor, aparece recollida no noso refraneiro: “Pola Candeloria ningunha ave voa soa” ou “Pola Candeloria casan os paxariños nas árbores”.

O Centro abriu as súas portas preparado para a ocasión, globos en forma de corazón e fitas vermellas adornaban o vestíbulo; as portas das aulas lucían paxariños que anunciaban o Día da Candeloria e o alumnado de 4º da ESO vendeu doces con poemas de amor galego-portugueses.

Alumnos e alumnas participaron no concurso “Tatuaxes de (des)amor” e para este momento especial colocamos un photocall polo que puideron desfilar para ser fotografados. O xurado resolveu premiar, logo de valorar a súa orixinalidade, catro tatuaxes realizadas por: Martín de 3º ESO A, Carmen 4º ESO B, Rocío e Alicia de 1º BAC, e Iria, Elisabet e Lorena de 2º ESO B.



page | by Dr. Radut