O IES David Buján naceu no curso escolar 1990-91 co obxectivo de facilitar o acceso ao ensino secundario do alumnado pertencente ao municipio de Cambre.
Nun principio foi nomeado simplemente como I.B. de Cambre e permaneceu sen nome propio ata o curso académico 1999-2000, no que pasou a denominarse "David Buján" en homenaxe ao noso benquerido compañeiro David, director do Centro durante os cursos 1993/94 ó 1995/96, cuio espírito inquieto e emprendedor conferiu un certo xeito de ser e facer a este claustro, sinaladamente centralizado no énfase na boa convivencia e no rigor na aprendizaxe, que aínda hoxe, no baleiro que deixou en todos nós o seu pasamento, tratamos de cultivar e manter.
David foi profesor de matemáticas e un apaixonado da astronomía, participou activamente en todo o que tiña relación coa innovación educativa, tanto dende a súa publicística como na súa xestión ao fronte da dirección do Centro.
En grande medida, actividades centrais do IES David Buján como a exposición "divertíndonos coa ciencia" ou a "Semana Cultural", unha semana "diferente" na que teñen cabida múltiples actividades lúdicas e culturais que xa vai pola súa VIII edición, foron froito de seu empuxe e ben facer,
Signos de identidade do Centro, ademais dos citados, foron e son os grupos de traballo e seminarios permanentes que tódolos anos forman diferentes membros deste claustro para desenvolver determinados aspectos da nosa tarefa docente. Neste sentido, destaca vivamente o equipo de Normalización lingüística, que traballa activamente, como é sabido, en pro do desenvolvemento da lingua galega no seo da nosa comunidade escolar, organizando, entre outras actividades os soados certames literario e musical.
Dentro deste espírito de traballo e reflexión en común, debemos destacar as tarefas do Taller de Saúde, nacido en 1991 para desenvolver os aspectos transversais do currículo, facendo especial énfase na educación para a saúde, xa que este aspecto do proxecto educativo é un dos principais sinais de identidade do Centro.
Juan Granados Febreiro de 2000
|