Visita ao CITENI Física e Química 4º ESO
O pasado venres 27 de setembro foi a G-night, a noite das persoas investigadoras, un evento a nivel internacional que achega a ciencia ás rúas, museos, e ás institucións educativas. Con ese motivo o CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) de Ferrol celebrou unha xornada de portas abertas á que fomos invitados co alumnado de física e química de 4º de ESO. Os organizadores amosáronnos o Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL), onde vimos como se pode empregar o láser para crear novas estruturas metálicas. No Laboratorio de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) vimos como estudar as propiedades térmicas dos materiais a través de cámaras de infravermellosasí como outras propiedades mecánicas como a resistencia á torsión. Finalmente, no Laboratorio de Polímeros explicáronnos como se desenvolven novos materiais con diferentes propiedades para impresións 3D. Agradecemos esta oportunidade de achegarmos ao traballo destes investigadores galegos e esperamos poder volver noutras convocatorias.