Vídeo: Visita do alumnado do Lycée Gustave Eiffel

Neste vídeo lembramos a visita que nos fixo recentemente o alumnado do Lycée Gustave Eiffel:

Olimpiada de Matemáticas 2ºESO

     O 25 de abril un grupo de alumnado de 2ºESO participou na “Olimpiada de Matemáticas - zona de Vigo”. Carolina Mariño foi seleccionada para a fase final galega que se disputará o vindeiro 23 de maio en Lugo. Tamén queremos agradecer a participación e o bo traballo de Naiara de Miguel, Yago Montiel, Sergio Pico, Sergio Puente e Joel Quevedo.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Olimpiada de Matemáticas

A Celanova de Curros

O pasado 6 de maio, o alumnado de 1º bacharelato A e B viaxou  ata Celanova para coñecer a vida e obra de dous ilustres escritores nados nesta vila: M. Curros Enríquez e Celso E. Ferreiro. Os alumnos estiveron acompañados polas profesoras Helena Fernández, Marta Álvarez e Gloria Paredes. En Celanova visitamos a  casa de Curros, hoxe convertida na Casa dos Poetas,  o mosteiro de San Salvador e algúns lugares que inspiraron tanto a Curros como a Celso E. Ferreiro.  Tamén  nos achegamos a Vilanova dos Infantes, terra dos pais de Méndez Ferrín,  e finalizamos a visita  no xacemento arqueolóxico de Castromao. Foi unha xornada ben completa!

Álbum: Curso 2018/2019 -> A Celanova de Curros Enríquez

O legado de Verne

Dentro da celebración do Día do Libro deste curso 18-19, no centro desenvolveuse o día 2 de maio a  actividade titulada  “El legado de Verne”, co alumnado de 3º da ESO C. “El legado de Verne” é un xogo de escape-room portátil preparado pola empresa Eskapark en colaboración coa sociedade Jules Verne de Vigo como asesora respecto á obra e figura do autor francés. O obxectivo do xogo consistía en desactivar  un meteorito que estaba a punto de chocar coa Terra. Catro grupos de alumnos tiveron que desvelar claves e enigmas baseados en lugares e obxectos citados na obra de Jules Verne, competindo contrarreloxo nun divertido reto de 60 minutos.

Destruído o meteorito, todos os participantes recibiron cadanseus diplomas de mans de membros da Sociedade Jules Verne e de profesorado do instituto.

 

Álbum: Curso 2018/2019 -> O legado de Verne

Exposición "Noites sen alcol"

     Durante varias semanas tivemos no vestíbulo paneis correspondentes á exposición  "Noites sen alcol". Varios grupos de alumnado realizaron actividades relacionadas coa información contida neles.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Exposición "Noites sen alcol"

Visita ás instalacións do Concello polo alumnado de 1ºESO-C

     O 9 de abril, alumnado de 1ºESO-C acompañado pola titora Araceli visitou as instalacións do Concello de Vigo. Un dos anfitrións da visita foi o noso exalumno Pablo Martínez Alemparte. Os rapaces estiveron na sala de plenos ocupando os asentos dos concelleiros e foron recibidos polo alcalde, quen lles falou un bo rato e lles contestou a tódalas preguntas que eles facían. Logo, fóra de programa e facendo de anfitrión, levounos ata o seu despacho para sorpresa dos seus empregados en medio de saúdos mútuos. Máis tarde, logo de visitar o laboratorio, foron ao saló de baile galego e interpretáronlles algunha peza animándoos a interesarse polo noso folklore. Aquí vos deixamos algunhas fotos desta actividade:

Álbum: Curso 2018/2019 -> Visita ao Concello do alumnado 1esoC

Charla con Gonzalo Navaza

O 2 de maio Gonzalo Navaza veu ao noso centro a falar cos alumnos de 1º de Bacharelato da súa obra Erros e tánatos. O autor comentounos varios dos relatos e como xurdiron as historias. Tamén nos explicou algunhas das “regras” que empregan os autores para escribir relato e anécdotas sobre a elaboración dos textos. Foi unha charla moi amena na que algún dos alumnos aproveitou para preguntarlle ao autor dúbidas sobre as historias do libro.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Conferencia de Gonzalo Navaza

Día do Libro cos centros de día

     O pasado luns pola tarde, ás 16:40, tivemos unha sesión para festexar o Día do Libro cunha serie de textos destinados a un público moi especial: acompañáronnos persoas vindas de catro centros de día da cidade: Os Avós, Alcabre, Parque Castrelos e Atlántida. Eles quedaron encantados e nós tamén de recibilos, nun instituto -como algúns comentaban- ben distinto aos colexios nos que cursaron os estudos eles.

     Marabillados do noso Salón de Actos, alí puideron escoitar varios contos, poemas... que mesmo os fixeron emocionarse. E gustar gustáronlles, se xulgamos polos aplausos que lle ofreceron ao alumnado de 1º de ESO que participou.

     Como recordo, levaron cadansúa figura de Castelao para os seus centros de día, aos que volveron cando acabou o acto, contra as 17:45. Foi unha tarde diferente, tanto para os rapaces coma para os visitantes.

     Neste vídeo pódese ver boa parte da actividade:

    

     E aquí podedes disfrutar dalgunhas fotos da mesma:

Álbum: Curso 2018/2019 -> Día do Libro cos centros de día

A Furgolibro da Tía Ni

   O pasado martes día 30 quixemos celebrar o Día do Libro desde a biblioteca dunha maneira diferente: sacando os libros, cos que andamos a voltas estes días, ao patio. Para iso contamos coa presenza da fotógrafa-editora-libreira ambulante Nieves Loperena, que nos visitou coa súa furgoneta.

     O alumnado de 1º e 2º de ESO tivo ocasión de visitala, observar a variedade de libros que ofrece, coñecer o tipo de vendas que realiza por Galicia adiante, entrar na Furgolibro e mesmo nalgún caso adquirir algún exemplar.

     O día foi moi axeitado para a actividade pois o sol acompañou toda a xornada matinal na que se desenvolveu, como se ve nas fotos.

Álbum: Curso 2018/2019 -> A Furgolibro da Tía Ni

Exposición de libros en miniatura

     Noelia Carollo, de 3º A, ofrécenos a súa visión en miniatura do Club de Lectura. É a súa achega para a celebración do Día do Libro desde a biblioteca. 

     Parabéns pola iniciativa e a seguir lendo e "minimizando", Noelia.

Grazas!!

Álbum: Curso 2018/2019 -> Exposición de libros en miniatura
Distribuir contido