A guerra

     Se hai guerras no século XXI é simplemente porque o home é un animal de costumes. Dende sempre houbo guerras. Ao principio era por temas territoriais; xa nos tempos das cavernas imaxinamos que os distintos grupos andaban a pedradas cos outros grupos co afán de quedar coa súa cova e roubarlle o lume.
     Co paso do tempo, estas loitas territoriais foron dando paso á creación de grandes imperios que atacaban a "pobos inferiores" co gallo de facer as súas fronteiras máis e máis grandes para así poder espallar a súa cultura.
Estes pobos levaron a súa cultura e a súa relixión con eles, o que ao final facía que os pobos dominados remataran aceptando estes cambios non sen antes seguir loitando ata non poder facer nada.
     Así que temos primeiro guerras territoriais que máis tarde pasaron a guerras relixiosas cando co xurdimento das grandes relixións monoteístas, que co gallo de que eran as únicas relixións verdadeiras tentaron espallar por medio mundo as súas crenzas co que tamén pasaron séculos a darse leña da boa.
     Hoxe en día e despois da Segunda Guerra Mundial e da guerra fría, o que máis se deu foron guerras civís, maiormente por razóns étnicas, como pasou na antiga Iugoslavia e en moitos países de África, onde faccións de distintas "tribos" se matan por motivos que só eles saben por que.
     Tamén deberiamos de dicir que en moitos conflitos, á parte de falar de intereses territoriais ou relixiosos, hai outro tipo de intereses económicos moi importantes como poden ser gas, petróleo, diamantes, etc., etc.
     Así que podemos dicir que ao igual que hai trinta séculos, as guerras seguen producíndose polos mesmos motivos que daquela. A única diferenza é que mentres que daquela a xente se mataba a pedradas, hoxe en día a industria do armamento é bastante máis poderosa e pódense matar sen que estean os exércitos un diante do outro.
     Pero, por dicilo dunha maneira fácil, segue habendo guerras porque o home segue sendo un animal de costumes e seguirá a selo ata que consiga extinguirse el soíño.


Roberto Martínez Fernández 1º Bac B adultos