Hoxe 11 de xuño visitounos Luís Ferreiro, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do poeta Celso Emilio. Ao longo deste encontro, que mantivo con alumnado de Lingua Galega e Literatura de 4º ESO A e C, desenvolveu un relatorio sobre Celso Emilio no País dos Ananos, con especial referencia ás vivencias que o autor de Longa noite de pedra experimentou no seu exilio venezolano e tamén a como se proxectaron na súa obra literaria. Á súa conclusión o alumnado tivo ocasión de dialogar sobre distintos aspectos da vida cotiá de Celso Emilio co seu fillo.
Un pracer escoitar e aprender sobre un dos poetas máis salientables da literatura galega contemporánea. A Fundación, ademais, doou á biblioteca do centro un exemplar dunha edición non venal do poema "Miña matria Galicia", que gañara o primeiro premio dos Xogos Florais de Buenos Aires en 1967 e un exemplar facsímile da publicación Adiante! A nosa gratitude por esta visita.