Charla de Malores Villanueva

          O IES Castelao celebrou o Día das Letras Galegas da man da profesora Malores Villanueva: unha das especialistas máis reputadas no ámbito da investigación sobre a figura de Antonio Fraguas, docente, etnógrafo e antropólogo ao que este ano se lle dedica o 17 de Maio.
          Diante dun auditorio conformado por alumnado de 4º de ESO e primeiro de bacharelato, a profesora Villanueva debullou aqueles socalcos biográficos máis salientables de Fraguas: desde a súa orixe en Cotobade, pasando polo contorno familiar, os seus primeiros estudos, a chegada a Santiago, o seu compromiso docente e galeguista, a represión sufrida tras a guerra civil ata o seu principal legado como foi a posta en marcha do Museo do Pobo Galego que el cofundou e presidiu.
          Non se desatendeu, nun discurso ameno, a análise da súa produción bibiográfica, orientada como é sabido cara aos estudos de carácter etnográfico e antropolóxico. Grazas á profesora Malores Villanueva por compartir o seu coñecemento coa comunidade educativa do IES Castelao.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Charla de Malores Villanueva