8 de febreiro: Día de ler a Verne

          O pasado venres 8 de febreiro recordamos no IES Castelao a Jules Verne con motivo do aniversario do seu nacemento, no ano 1828. É unha data que se celebra internacionalmente lendo fragmentos da súa obra. Iso fixemos no instituto, onde un grupo de alumnos de distintos niveis leron fragmentos seleccionados das súas novelas Vinte mil leguas baixo dos mares e mais A illa misteriosa, por escollermos como eixo condutor a figura do capitán Nemo, presente en ámbalas dúas.

[Clica aquí para ampliar información]
          Previamente á lectura, explicouse a importancia de Jules Verne para a cidade de Vigo –que visitou en dúas ocasións-, á que puxo no mapa dedicándolle un capítulo dunha das súas novelas máis famosas: “A baía de Vigo” en Vinte mil leguas baixo dos mares.

            Alan Lis, de 2º ESO C, leu a descrición da biblioteca do “Nautilus”; a continuación Uxía Prieto, do mesmo grupo, deu lectura ao episodio no que o capitán Nemo  se enfronta a un tiburón durante a pesca de perlas no golfo de Manaar; e a seguir Liam Blaney, tamén dese grupo, ofreceu un resumo do capítulo dedicado á baía de Vigo.

            Malena Lorenzo, de 3º ESO A, deu proba da ousadía do capitán Nemo ao ler a súa conquista do Polo Sur e Noelia Carollo, compañeira de grupo, fixo o propio coa lectura do episodio no que o Nautilus é atacado por luras xigantes.

            Despois Paula Estévez, de 2º ESO B, procedeu a ler fragmentos do ataque por parte do capitán Nemo a un barco de bandeira inglesa, comezando a desvelarse tanto a súa identidade como a razón da súa misantropía. E Amanda Abalde, de 3º ESO A, leu o relato da posible desaparición do “Nautilus” nas costas norueguesas nun temido Maelström.

            Para rematar, Samuel Torres, de 1º de bacharelato E, que tamén actuou de presentador, leu uns fragmentos d´A illa misteriosa, como colofón do acto e tamén da vida literaria do capitán Nemo.

Álbum: Curso 2018/2019 -> 8 de febreiro: Día de ler a Verne