Visita ao Museo de Pontevedra e á exposición "Alba de Gloria"

          O departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Castelao organizou unha xornada didáctica centrada na figura de Daniel Rodríguez Castelao que dá nome ao noso centro.
          Deste xeito, o alumnado de 2º de Bacharelato que o desexou, visitou, en primeiro lugar, as instalacións do Museo de Pontevedra, onde se lle dedicou especial atención aos fondos depositados na Sala Castelao, alén de visitar outros espazos do museo como os dedicados á arqueoloxía ou á pintura galega.
          A continuación, en xornada vespertina e no espazo compostelán de San Domingos de Bonaval, o alumnado e profesorado acompañante tivermos ocasión de seguir as explicacións que nos guiaron polas diversas seccións que compoñen a magnífica exposición "Alba de gloria", onde a experiencia final dun paseo pola significación do discurso que Castelao pronunciou o Día de Galiza de 1948 a través do recurso da realidade virtual puxo o punto e final a unha xornada intensa e, dalgún xeito, memorable.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Visita ao Museo de Pontevedra e á exposición "Alba de Gloria"