Desde a biblioteca agradecemos a participación de todos e animámosvos a seguir cultivando esta importante faceta da formación académica, a escritura.
Na terceira edición deste concurso arredor da data da festa dos defuntos, presentáronse un feixiño de relatos entre os que resultou gañador o que se inclúe a seguir.
Paula Estévez Arias: "Aquel rapaz"
Aquel día tiveramos unha excursión coa clase, foramos ao Galiñeiro, un monte ao lado do instituto. Non facía bo día, de cando en vez poñíase a chover, pero isto dáballe emoción á saída.
Cando chegamos á cima vin un rapaz entre os meus compañeiros que me resultou coñecido. Supuxen que era doutro colexio dos que viñeran á excursión, pero no momento apareceu unha néboa que me fixo lembrar: cando eu vía aquel rapaz, aparecía esa néboa, e cando desaparecía, algo malo sucedía. Tentei buscalo para falarlle, pero non o atopaba por ningures e díxenme que estaba esaxerando moito con iso, así que regresei onda os meus compañeiros. Cando estabamos baixando xa para ir ao instituto, foi cando Laura tropezou cunha rocha e caeu pola montaña.
Agora que estou falando para todos vós no seu funeral estou revivindo ese momento, decátome de que cando ela estaba caendo non deixaba de mirar ao final do camiño, onde estaba o rapaz...
Un momento... quen é o rapaz que está sentado na última fila? Parécese moito ao rapaz... pero... nada malo pode pasar agora, non?... Que é esa néboa?... Estoume asustando moito, outra vez non!
Mamá, que fas? Non, non o fagas!!!