Educación Física

ANDAINA POR ONS

andaina ons

Aproveitando o veraniño de San Martiño, o venres 12 e o martes 16 de novembro, o alumnado de 3º e 2º de ESO respectivamente, fixemos unha bonita ruta por Brión, na parroquia de Ons para visitar a fervenza do Pozo Negro.

Dende o noso punto de vista, esta camiñata é perfecta para facer en verán, primavera ou outono. Se queres facela só tes que acercarte a Ons e elixir unha das rutas dependendo da distancia que prefiras percorrer.

A ruta que realizamos comenzou na área de piragüismo, pasou pola igrexa de Santa María de Ons, visitamos a fermosa fervenza do Pozo Negro e voltamos a área de piragüismo para facer unha camiñata circular.

Na igrexa fixemos un descanso no teleclube e, despois seguimos o camiño ata o Pozo Negro. A fervenza pódese observar dende unha ponte de madeira, onde poderás sacar unhas fotos únicas. Ao rematar visitamos o interior da área piragüismo, onde gardan todas as piraguas.

Durante o camiño os voluntarios que nos acompañaron contáronnos as lendas e misterios que agochaban as aldeas. Sabiades que a lenda de Ponte Pías está recollida no Códice Calixtino, o cal ten máis de oitocentos años? Que hai algunhas construcións antigas que só se poden ver cando o río está baixo? Ou que podes atopar unha misteriosa plantación de árnica?

A actividade foi algo diferente para facer nun día de clase e que nos ensinou moitas cousas ademais de permitirnos disfrutar dunha xornada arroupados polas cores do outono. Recomendamos facer esta camiñata porque é unha experiencia incrible.

Podedes escoitar a lenda da Ponte Pías na voz de Luciano Pena, que xunto con Antonio, Manolo e Cambón, nos acompañaron neste fermoso roteiro.

Flavia Maceiras e Silvia Rabuñal. 3°ESO.

UNHA CELEBRACIÓN DE FIN DE CURSO DIFERENTE

Este ano fixemos unha celebración final do curso un pouco especial debido á situación na que nos atopamos polo coronavirus.

Nesta ocasión, non puidemos disfrutar dun festival como en anos anteriores pero, aínda así, o alumnado de 1º de Bacharelato, fixemos dúas coreografías orixinais e moi diferentes entre si.

Nestes dous vídeos que vos presentamos, podedes ver o resultado final do noso traballo e como o desfrutamos tanto nós como o alumnado doutros cursos e docentes que estaban vendo o espectáculo.

Esperamos que se poida volver axiña á normalidade e así poder facer os festivais que tanto nos gustan!

Diana Cantorna, estudante de 1º Bacharelato A

ALIMÉNTATE BEN: SEGUNDO LIBRO DE RECEITAS, VÍDEOS E PROGRAMA DE RADIO

O alumnado que acaba de rematar 2º de Bacharelato comezou durante o confinamento o curso pasado, un traballo sobre alimentación saudable, que rematou creando unha nova canle en Youtube. AliméntateBen Brión e un primeiro libro de receitas, que podedes ver aquí.

A andaina continuou neste curso por parte do alumnado de 1º de Bacharelato.

Presentamos un novo libro de receitas saudables, sinxelas de realizar e moi saborosas. Podes velo premendo na imaxe superior, que é a portada do libro, ou no arquivo adxunto.

Ademais, cada receita vai acompañada dun enlace á nosa canle AliméntateBen Brión, para ir vendo a elaboración paso a paso.

E quixemos rematar esta actividade, debatindo na nosa Radio emBrión, no programa "Alimentación sa, receitas saudables", que podedes escoitar aquí.

Soamente queda poñer en práctica as receitas, acompañadas con exercicio físico en compañía das persoas ás que queremos.

Parabéns ao alumnado de 1º de Bacharelato por este estupendo traballo e moitas grazas a todas as persoas que colaboraron con nós!

VIAXE 3º ESO A DUNAS DE CORRUBEDO, CASTRO BAROÑA E PRAIA AGUIEIRA

O pasado luns 21 de xuño, o alumnado de 3º de ESO, acompañado de 5 docentes, fixemos unha excursión ás Dunas de Corrubedo, Castro Baroña e a praia da Aguieira.

Collemos o autobús pola mañá cedo e disfrutamos da viaxe, cantando, rindo e, facendo honor á nosa reputación, falando entre nós con paixón.

O noso primeiro destino foron as Dunas de Corrubedo, ás que chegamos por medio dunha pasarela de madeira. Eran moi bonitas, pero o paso estaba prohibido, polo que era o típico de "mírase pero non se toca".

Despois, baixamos por un pequeno camiño, onde atopamos aos gardas forestais. Nese camiño chegamos á lagoa de Carregal e a unha fermosa praia.

Chegaba a hora da merenda da mañá, así que paramos nun bar de camiño a Castro Baroña.

E volta ao autobús para chegar a Castro Baroña, un lugar fermoso que desfrutamos moito, xa que había toneladas de rochas polas que escalar e divertirse e as vistas eran incribles.

De novo, subimos ao autobús. Chegamos á praia da Aguieira, onde paramos a comer antes de entrar na propia praia. Algunhas persoas comezaron a xogar ao voleibol (fixeches o teu traballo en Educación Física, Carmen).

Cando finalmente fomos á praia, as que quixemos (ou puidemos), demos un baño memorable. Xogamos coa area e desfrutamos do sol, aínda que case nos queimamos porque esquecemos a protección solar.

Ao final volvemos, cansas e satisfeitas, porque tivemos unha das mellores excursións!

Por Antela Casas e Maruxa Garaboa, 3º ESO grupo A

RAFTING NO RÍO MIÑO

rating_miño

O pasado mércores 12 de maio o alumnado de 1º de Bacharelato, acompañados polos profesores Juan Carlos Freiría e Carmen García, puidemos desfrutar dunha mañá facendo rafting polo río Miño, actividade organizada polo Departamento de Educación Física.

Ao principio, iamos facer rafting polo río Ulla, pero debido á COVID, o concello de Padrón pechou. Non obstante, iso non nos impediu realizar esta emocionante actividade, xa que puidemos realizala no Miño.

A pesar do mal tempo que parecía ía facer, pouco despois de comezar a actividade parou de chover e puidemos pasar moi bo rato e contemplar mellor a paisaxe. Ademais, alí ensináronnos cousas dos arredores, como algunhas zonas de pesca da lamprea con redes, e logo puidemos tirarnos dende unha rocha ou deixarnos levar pola corrente no último tramo do río.

Esta foi unha actividade que a maioría realizamos por primeira vez e polo tanto, conservaremos un bo recordo deste día, a pesar das caídas e baños inesperados. Ademais, en compañía de amizades fíxose moito máis divertida, facendo que pasáramos un día xenial.

Iria Maceiras, 1º Bacharelato A.

Podedes ver as fotos do rafting premendo aquí

ESTE ANO, EN EDUCACIÓN FÍSICA, PURA RESILIENCIA!!!

Resiliencia é a  capacidade que permite a certas persoas superar as distintas adversidades que xorden na vida diaria.

Despois deste ano, creo que podemos dicir, que somos RESILIENTES (con maiúsculas, nin máis, nin menos). Noraboa polo voso traballo! Disfrutádeo!!!

OBRADOIRO BAILE TRADICIONAL

Este trimestre tocoulles aos alumnos de 1º ESO vivenciar o Obradoiro de Baile Tradicional baixo a tutela de Miguel e Minia. A partir de agora, xa estamos preparados para asistir a unha foliada, agora tan só faltanos que as circunstancias nolo permitan. Que viva o movemento!!!

UNHA XINCANA DIDÁCTICA

Por mor do cansanzo acumulado durante o trimestre, cara finais do mesmo, a necesidade de actividades máis relaxadas e diferentes facíase notar.

É aquí onde entra esta actividade do departamento de Educación Física; que se ben era diferente, non tiña nada de relaxada! Consistiu nunha xincana con preguntas sobre bádminton e sobre localizacións concretas da nosa vila. Cada estación tiña un código QR a escanear, que daba as preguntas a responder e indicaba as coordenadas no mapa cara a seguinte.

Desta maneira, alternando entre correr, trotar e andar, percorrimos todos os arredores do instituto, indo dende o campo de fútbol ata a biblioteca pública e dende o ximnasio ata residencia de maoires.

Aínda que o tempo atmosférico foi tan feroz coma os rivais, ó final todos logramos acabar a actividade respectando o tempo límite. En conclusión, foi unha boa forma de amenizar o último día, aprendendo sobre a nosa vila, repasando os contidos de bádmintón dobres traballados durante o trimestre na clase de Educación Física, e cumprindo o propósito da materia, MOVERSE!

Por Tomás M. Stetson Roch, 1º Bacharelato A

NO IES DE BRIÓN TAMÉN BAILAMOS JERUSALEMA!!

Dende o departamento de Educación Física queremos compartir o traballo realizado polo alumnado de 1º 
ESO,2º ESO non bilingüe. 3º ESO non bilingüe e 4º ESO.
Cada vez estamos máis convencid@s, e agora máis polos momentos que nos toca vivir, que o importante é 
o proceso, o camiño percorrido, os momentos vividos, os espacios compartidos, desfrutar da contorna,
respirar aire fresco, fortalecer vínculos.
E se todo isto nos permite avanzar no noso proceso de aprendizaxe...Que máis se pode pedir?
Desexo que o disfrutedes.
Grazas pola vosa colaboración e atent@s ao resultado final que vivimos o pasado martes coa posta en
común en directo!
Que viva o movemento porque... que somos senón movemento?
O importante non é o destino, senon o camiño!!
Felices Festas!!

OBRADOIRO DE BAILE TRADICIONAL GALEGO PARA 2º ESO

O alumnado de 2º de ESO participou nun Obradoiro de Baile Tradicional Galego nas súas horas de Educación Física os días 23 e 25 de novembro.

Miguel Barbazán, ex-alumno do instituto e membro da Asociación Cultural Cantigas e Agarimos foi o mestre deste Obradoiro.

O alumnado aprendeu, dun xeito práctico, dous dos bailes "soltos" máis característicos galegos, muiñeira e maneo.

Fixemos exercicio, pasámolo ben e aprendimos algo novo da nosa cultura!

Parabéns aos participantes e a poñer o aprendido en práctica nas foliadas, en canto a Covid nos deixe.

Podedes ver a galería completa de imaxes nestes enlaces:

Distribuir contido