Skip to Content

A orixe do nome

As Lagoas, a orixe do nome

O noso Instituto leva o nome do barrio no que está asentado. E moita xente se pregunta de onde lle vén tal nome, xa que hoxe non é recoñecible lagoa ningunha na zona. Como o lugar das Lagoas coincide cunha revolta do río Miño, moitos son os que cren que de antigo o río debía facer aí unha "lagoa", especie de meandro abandonado ou algo semellante. Pois non. A orixe é ben outra. É significativo que na documentación medieval sobre a cidade de Ourense -publicada por Ferro Couselo, Duro Peña, etc- non apareza apenas o nome As Lagoas. Ha ser pois un topónimo máis novo.

Un documento conservado no Arquivo Histórico Provincial bótanos algo de luz sobre o caso.Nel, o 18 de novembro de 1802 don Josef Vaamonde, sarxento no rexemento de Monterrei, propón ao Concello de Ourense desecar ao seu cargo As Lagoas -co que a cidade de Ourense gañaría en salubridade ao evitar aquel foco de infección- a cambio de que lle cedesen a propiedade do terreo. Pero o que nos interesa agora son os datos sobre a toponimia. Di no seu comezo que o tal Josef Vaamonde "... posee una viña al termino de Forno Telleiro, por el lado del naciente, dize a su cabezero un lago o Laguna (con el nombre este de Forno Telleiro) en cuio sitio se depositan las aguas llobedizas é igualmente las que concurren de las superiores viñas...", e acláranos a orixe do lugar "según los testigos de sus inmediaziones se cre puede ser prozedido aquel bajo de haberse hecho teja antiguamente en el...". Exactamente. O topónimo "Forno Telleiro" é rastrexable nesa zona desde o 11 de novembro de 1286 e ata varios séculos despois. Unha longa ocupación en fabricación de tellas para a cidade -aproveitando as boas arxilas do lugar- deu lugar a grandes escavacións que se enchían de auga. Cando se perdeu a actividade do forno - e con ela o nome -, quedoulle o que respondía ao fisicamente máis rechamante: A Lagoa, ou As Lagoas -a escavación non era regular- onde se criaban "sabandijas ponzoñosas", segundo a proposta de desecación, e onde se levaban os animais mortos da cidade.

O nome "As Lagoas" procede, pois, de vellas escavacións dunha das telleiras máis significadas da cidade. O barrio edificado entre os sesenta e setenta modificou tanto a topografía daquelas paraxes que dela só nos queda xa o nome.

Foto de comezos dos anos cincuenta. En primeiro termo o antigo Hospital provincial e o comezo da Rúa Nova.

Inicios dos anos cincuenta do s. XX

Distribuir contido


by Dr. Radut