O actual IES As Lagoas naceu en 1977 como terceiro centro de bacharelato da cidade e primeiro mixto nos tempos modernos. O vello Insituto do Posío -Otero Pedrayo-, na súa localización actual desde 1892, foi complementado a mediados dos sesenta polo "Masculino" -actual Eduardo Blanco Amor- no barrio da Ponte.
O IES As Lagoas, (Instituto Nacional de Bachillerato Míxto número 1, por primeiro nome) naceu, pois, nun espazo central e vinculado ao desenvolvemento da cidade neste barrio nos anos sesenta e setenta. Os primeiros anos de funcionamento, na transición política, foron complicados desde un punto de vista organizativo: alto número de alumnado, quendas nocturnas e diúrnas, conflitos laborais e estudantís... pero foise asentando ata se converter na actualidade, grazas ao compromiso colectivo, nun dos centros punteiros do ensino público en Ourense.
No 2002/2003 festexamos o vintecinco aniversario cunha gran festa onde se deron cita moitos saudosos exalumnos e exprofesores e no 2017/2018 celebramos os 40 anos do centro.
Os fitos históricos máis importantes foron:
1977 Comezo das clases en novembro.
1979 Inicio das clases de lingua e literatura galega.
1981 Asunción definitiva da competencia no ensino pola administración autónoma. Neste ano o noso instituto é o primeiro centro de Galiza que comeza a impartir clase de Informática, a cargo dos profesores Alfonso Amorín e Secundino Lorenzo.
1986 Reconversión de Instituto de Bacharelato a Instituto de Educación Secundaria.
1996 Chegada dos alumnos de 1º da ESO e con eles dos nosos compañeiros profesores que viñan impartindo docencia nos centros de primaria.
1997 Implantación do Ciclo Superior de Técnico en Animación de actividades Físicas e Deportivas
2002 Implantación das clases de Lingua Alemá como 2º idioma estranxeiro ao lado do tradicional francés.
2011 Supresión do Ciclo Superior de Técnico en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e do Ciclo de Grao Medio de Ensinanzas Especiais de Fútbol Sala por traslado ao CIFP A Farixa.
2011 Os estudos de Bacharelato de Artes Escénicas, Música e Danza e os catro cursos de ESO deixan de impartirse no IES Portovello para impartirse no noso centro, o que supuxo un traslado e incorporación de alumnado e de profesorado.
2019 Tras a xestión de 8 excelentes directores, o centro é dirixido por primeira vez por unha muller
2023 Implántase ao completo a nova lei, LOMLOE, e amplíase a oferta de materias, implantándose unha nova 2ª lingua estranxeira: portugués.