Un vídeo elaborado pola profesora Mª José Nieto Calviño explica dun xeito divertido o decálogo de bo uso da aula de informática redactado pola profesora Julia I. Sainz Vaquero, no marco do PFPP Facendo Camiño no Plan Dixital.
O 22 de marzo tivo lugar un obradoiro de creación literaria a cargo da escritora Antía Yáñez, ao cal asistiu o alumnado do club de lectura de ESO 3º e 4º. A actividade foi organizada polo profesor Rodrigo Ruíz, do equipo da biblioteca.
Na entrada principal do centro está exposta unha selección de cartas realizadas polo alumnado de 4º da ESO na materia de Xeografía e Historia en colaboración co Departamento de Francés.
Aproveitando o estudo do tema da Primeira Guerra Mundial, propuxémoslle ao alumnado que investigase sobre a vida diaria dos soldados nas trincheiras e se puxese na pel dun deles.
O primeiro paso consistiu en investigar como eran as condicións de vida nas trincheiras nalgunha das batallas máis significativas da Gran Guerra a través da lectura de cartas reais enviadas polos soldados ás súas familias. Ademais, para afondar no tema, recomendóuselles a lectura voluntaria da novela 14, de Jean Echenoz, na que o autor narra as andanzas de catro mozos da Vendée mobilizados na Primeira Guerra Mundial.
A continuación tiveron que redactar tres cartas ou postais como se fosen un soldado que se atopaba na fronte da guerra e que quería enviar noticias aos familiares que deixara na retagarda ao tempo que coñecer como se atopaban. Debían ser cartas escritas en momentos diferentes da guerra, nas que expresasen estados de ánimo diversos e que reflectisen de xeito verídico as condicións de vida nas trincheiras. O alumnado de Xeografía e Historia bilingüe en francés, tiña que escribir unha das postais en francés. Por suposto, debían estar escritas á man e decoralas imitando os modelos aos que tiveran acceso na súa pequena investigación previa.
Cremos que as tres vitrinas nas que se expoñen moitas das cartas e postais elaboradas polo noso alumnado dan boa conta da súa creatividade literaria e artística, polo que vos animamos a visitala, deleitarvos na súa lectura e reparar nos pequenos detalles.
Álbum: Outras Actividades -> Cartas desde as trincheiras
1. As resolucións e listados poderán consultarse na seguinte páxina
2. Cando se pode interpoñer o recurso de reposición?
Pode interpoñerse cando a bolsa foi denegada ou cando non estamos de acordo coa contía asignada. Tamén podemos presentalo cando nos denegaron a bolsa por non presentar a documentación que nos requirían. Podemos presentar agora a documentación que nos solicitaban.
3. Prazo de presentación de recurso de reposición:
Desde o día 21 de marzo ata o día 22 de abril de 2024.
O Departamento de Alemán organiza todos os anos unha viaxe de estudos a un país de fala alemá. Este ano, entre o 14 e o 20 de marzo, o alumnado do 4º curso da ESO e do 1º curso do bacharelato visitou Baviera. Os dous primeiros días estiveron dedicados basicamente ao coñecemento da cidade de Múnic, incluídos os estudios cinematográficos Bavaria Filmstadt, a BMW e o estadio do Bayern de Múnic; ao día seguinte fíxose unha excursión até o castelo de Neuschwanstein, nos Alpes orientais, e ao regreso houbo varias paradas, entre as cales destacou Landsberg am Lech, a cidade onde estivo preso o ditador Adolf Hitler case unha década antes de acceder ao poder; e os dous últimos días estiveron centrados precisamente no estudo da época nacionalsocialista, incluída unha visita ao campo de concentración de Dachau. Para o alumnado foi unha experiencia moi esixente, tanto intelectual como emocional e fisicamente. As alumnas e alumnos tiveron que estar moi atentos ás visitas (nalgunhas das cales foron eles mesmos quen fixeron de guías) e, polas noites, durante as reunións no albergue, reflexionaron sobre as experiencias e presentaron as actividades pendentes. Ao tempo, redactaron un diario. Con todo, e malia ser unha viaxe de estudos moi ambiciosa, en que se abordou un tema tan duro como o do Holocausto e se puxo a proba a resistencia física con andainas de moitos quilómetros, a experiencia resultou tan estimulante como divertida.
O pasado martes, 5 de marzo, o Xurado do Premio Ateneo Cineduca decidiu outorgarlle un accésit á curtametraxe «Xogamos a estar vivas? Xelminovas Republicano Feminista», do IES Arcebispo Xelmírez I.
Máis de duascenas alumnas e alumnos de 2º ESO, 1º e 2º BAC do IES Xelmírez I, participaron na elaboración deste Xelminovas feminista durante o curso 2022-23.
Todo partiu do proxecto da Biblioteca, Tecendo Identidades na II República, desde onde quixemos poñerlle cara e nome a moitas mulleres que durante ese período, na nosa cidade, en Compostela, teceron, con gran traballo e ilusión, unha rede de soños.
Coñecemos moitas historias, como a de Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, tan fotagrafadas e aínda tan descoñecidas. Aprendemos que é necesario coñecer o noso pasado, saber de onde vimos e valorar todo aquilo que se acadou para comprender que non podemos permitirnos perdelo.
Mulleres do ámbito político e educativo, pero tamén mulleres exiliadas e todas aquelas mulleres leiteiras, lavandeiras ou modistas que sostiveron a vida co seu labor cotiá. Cumpría poñelas no centro, abrir unha xanela e dálas a coñecer.
Grazas sempre a todas aquelas persoas que se prestaron dun xeito desinteresado para poder realizar as entrevistas (Encarna Otero, Sabela Hermida, Autora Marco, Carme Vidal, entre outras) e moitas grazas ao xurado polo accésit. Sen dúbida, un motivo máis para seguir.
POR ELAS, POR NÓS, POR TODAS…ESTE XELMINOVAS FEMINISTA.
A nosa alumna Julia Salvado Diéguez foi galordoada na gala dos VI Premios do Deporte, celebrada onte no Auditorio de Galicia. Neste evento, Julia foi nomeada mellor deportista feminina na categoría base, máis concretamente, nas categorías de mushing, atletismo e montaña
Os VI Premios Santiago Deporte buscan recoñecer publicamente as persoas, entidades, centros educativos e empresas que polo seu labor desenvolvido ao longo da tempada 2022/23 ou no ano 2023 contribuíron ao fomento da práctica de actividade física e o deporte entre a poboación de Compostela
Para alumnos que no curso 24/25 estean matriculados en:
Bacharelato
Cursos de acceso e de preparación para probas de acceso á Formación Profesional e cursos de formación específicos para acceso a ciclos formativos de grao medio e superior, impartidos en centros públicos e privados concertados
Formación Profesional de grao medio e de grao superior
Ensinos artísticos: profesionais e superiores
Ensinos de idiomas en Escolas Oficiais, incluída a modalidade a distancia
Un grupo de 14 das nosas almunas e alumnos de francés de 3º da ESO están a realizar durante estes días un intercambio de estudios co Lycée Germaine Tillion de Montbéliard, no noreste de Francia. Alí son acollidos por familias locais cuxos fillos nos visitarán en Compostela o próximo mes de maio. Ademais de participar nas aulas e tarefas organizadas polo centro receptor os nosos alumnos están a realizar diversas actividades que lles axudan a comprender a realidade social e cultural do lugar; unha delas foi a visita ao Museo Peugeot, unha das referenciais industriais da rexión do Franco Condado. Tamén puideron visitar a cidade de Besançon, cuxa ciudadela alberga entre outros a o Museo da Resistencia e da Deportación, espazo sobre o que os alumnos teñen que traballar nas clases de francés e de historia. A viaxe tiña reservada unha sorpresa, a coincidencia co inicio da xira das Tanxugueiras, que arrancou precisamente no Teatro de Montbéliard, concerto ao cal amablemente nos invitou o Liceo Germaine Tillion, e no que dúas das nosas alumnas se converteron en protagonistas ao ser convidadas por Aida, Olaia e Sabela a subir a bailar ao escenario. Despois puidemos falar con elas e sacarnos algunhas fotos. A piques xa de rematar esta viaxe, que forma parte do programa EduExchanges da Xunta de Galicia, queremos agradecer a colaboración constante das familias das nosas alumnas e alumnos, e por suposto a xenerosidade das familias anfitrioas e do centro receptor, en especial a Charléne, profesora de español que tanto nos facilita as cousas.