Skip to Content

Intercambio de estudios co Lycée Germaine Tillion de Montbéliard

Un grupo de 14 das nosas almunas e alumnos de francés de 3º da ESO están a realizar durante estes días un intercambio de estudios co Lycée Germaine Tillion de Montbéliard, no noreste de Francia. Alí son acollidos por familias locais cuxos fillos nos visitarán en Compostela o próximo mes de maio.
Ademais de participar nas aulas e tarefas organizadas polo centro receptor os nosos alumnos están a realizar diversas actividades que lles axudan a comprender a realidade social e cultural do lugar; unha delas foi a visita ao Museo Peugeot, unha das referenciais industriais da rexión do Franco Condado. Tamén puideron visitar a cidade de Besançon, cuxa ciudadela alberga entre outros a o Museo da Resistencia e da Deportación, espazo sobre o que os alumnos teñen que traballar nas clases de francés e de historia.
A viaxe tiña reservada unha sorpresa, a coincidencia co inicio da xira das Tanxugueiras, que arrancou precisamente no Teatro de Montbéliard, concerto ao cal amablemente nos invitou o Liceo Germaine Tillion, e no que dúas das nosas alumnas se converteron en protagonistas ao ser convidadas por Aida, Olaia e Sabela a subir a bailar ao escenario. Despois puidemos falar con elas e sacarnos algunhas fotos.
A piques xa de rematar esta viaxe, que forma parte do programa EduExchanges da Xunta de Galicia, queremos agradecer a colaboración constante das familias das nosas alumnas e alumnos, e por suposto a xenerosidade das familias anfitrioas e do centro receptor, en especial a Charléne, profesora de español que tanto nos facilita as cousas.



page | by Dr. Radut