Skip to Content

"Xogamos a estar vivas? Xelminovas Republicano Feminista" gaña un accésit no Premio Ateneo Cineduca 2024

O pasado martes, 5 de marzo, o Xurado do Premio Ateneo Cineduca decidiu outorgarlle un accésit á curtametraxe «Xogamos a estar vivas? Xelminovas Republicano Feminista», do IES Arcebispo Xelmírez I. 

Máis de duascenas alumnas e alumnos de 2º ESO, 1º e 2º BAC do IES Xelmírez I, participaron na elaboración deste Xelminovas feminista durante o curso 2022-23.

Todo partiu do proxecto da Biblioteca, Tecendo Identidades na II República, desde onde quixemos poñerlle cara e nome a moitas mulleres que durante ese período, na nosa cidade, en Compostela, teceron, con gran traballo e ilusión, unha rede de soños.

Coñecemos moitas historias, como a de Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, tan fotagrafadas e aínda tan descoñecidas. Aprendemos que é necesario coñecer o noso pasado, saber de onde vimos e valorar todo aquilo que se acadou para comprender que non podemos permitirnos perdelo.

Mulleres do ámbito político e educativo, pero tamén mulleres exiliadas e todas aquelas mulleres leiteiras, lavandeiras ou modistas que sostiveron a vida co seu labor cotiá. Cumpría poñelas no centro, abrir unha xanela e dálas a coñecer.

Grazas sempre a todas aquelas persoas que se prestaron dun xeito desinteresado para poder realizar as entrevistas (Encarna Otero, Sabela Hermida, Autora Marco, Carme Vidal, entre outras) e moitas grazas ao xurado polo accésit. Sen dúbida, un motivo máis para seguir.

POR ELAS, POR NÓS, POR TODAS…ESTE XELMINOVAS FEMINISTA.

 



page | by Dr. Radut