Skip to Content

Unha poeta moi nova entre nós!

María Fernández Sandoica, alumna do noso instituto, acaba de publicar o seu primeiro poemario, titulado Todo lo que (no) confundimos por amor. Alén de dedicarlle os seus esforzos á actividade académica, María participa activamente no espazo de igualdade e diversidade.

O xornal La Voz de Galicia fíxolle á autora unha entrevista sobre o libro: "La prometedora pluma de A Pobra que se estrena en la poesía con 15 años".

Parabéns!

 

 

Un cartel coa imaxe de Luísa Villalta no interior do instituto

Colocouse no interior do instituto unha imaxe de Luísa Villalta igual que a que pendura na fachada, pero máis pequena e con máis resolución. O alumnado e o profesorado pode buscar o seu retrato fotográfico no cartel, que está pensado para adornar durante moito tempo as escaleiras que conducen ao andar superior.

(Aquí hai un par de fotos do cartel: Galería "Un cartel coa imaxe de Luísa Villalta no interior do instituto")


Luísa Villalta loce na fachada do instituto

A imaxe de Luísa Villalta, a quen está dedicado este ano o Día das Letras Galegas, pendura da fachada do IES Arcebispo Xelmírez I. A idea inicial foi da profesora Vicen Outeiro, quen propuxo invitar todas as persoas que convivimos no instituto –profesorado, alumnado e persoal administrativo, de limpeza e da cafetaría– a deixarnos fotografar para incorporar as nosas caras a un retrato da poeta. Elixiuse unha fermosa foto de Xosé Abad, quen lla cedeu decontado ao instituto para esta iniciativa. A profesora Olalla Cociña e mais o profesor Sergio Frade, ambos do Departamento de Imaxe e son, organizaron e levaron a cabo co seu alumnado o complexo traballo fotográfico cuxo resultado podemos contemplar cando chegamos ao instituto. Non se nos ocorre unha maneira mellor de expresar a admiración de todas e todos nós por Luísa Villalta!

(Aquí hai varias fotos da fachada do instituto e mais unha imaxe de alta resolución do cartel: Galería "Luísa Villalta loce na fachada do instituto")

 

 

O IES Arcebispo Xelmírez I é Centro Referente en Educación en Dereitos da Infancia

O martes 30 de abril asinouse o acordo de colaboración entre o IES Arcebispo Xelmírez I e UNICEF que nos recoñece como Centro Referente en Educación en Dereitos da Infancia polo noso labor na integración dos dereitos da infancia no proxecto educativo do centro e os esforzos por convertelos nunha realidade na actividade cotiá da comunidade educativa.

Cursos de capacitación dixital

Durante o mes de maio o IES Arcebispo Xelmírez I impartiremos dous cursos de capacitación dixital dirixidas a toda a poboación.
Poden inscribirse chamando ao teléfono 881866962 ou ben vía correo electrónico: ies.arcebispo.xelmirez@edu.xunta.gal

 

Marzo e abril matemáticos no Xelmírez I

O 21 de marzo alumnado de todos os niveis de ESO e Bacharelato do noso centro participou no Canguro Matemático 2024. Competiron con máis de 24000 participantes da edición española deste concurso internacional de resolución de problemas.

O 11 de abril un grupo de 3º de ESO interveu na actividade Matemáticas na Raia, iniciativa que pretende facer atractivas as matemáticas, estimular a creatividade e a innovación e fomentar a participación activa. Está organizada por asociacións de profesores de matemáticas de Galicia e Portugal.

Por último, dous alumnos participaron o 25 de abril na Olimpíada Matemática, concurso de resolución de problemas dirixido a alumnado de 2º de ESO.

Aínda non están publicados os gañadores de ningún dos concursos. Sorte a todos!

Álbum: Outras Actividades -> Departamento Matemáticas

Calendario final 2º bacharelato - Curso 2023/24

O instituto regala lecturas

No Día do Libro, e por segundo ano consecutivo, o persoal do instituto –docente e non docente– tivo a ocasión de participar na actividade de intercambio de libros coñecida como o amigo invisíbel. Foi un momento estimulante e divertido, en que cada unha e cada un de nós puido comprobar que lecturas pensan as demais persoas que nos poderían interesar. Agora, a gozar dos agasallos! E até o 23 de abril de 2025!

(Aquí hai máis fotos: Galería "O instituto regala lecturas")

 

Distribuir contido


by Dr. Radut