Esta mañá recibimos a noticia de que o noso centro foi dobremente premiado na convocatoria do VI Concurso de Podcasts–Radio na biblio, destinado a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Ambos os premios -un para alumnado de 3º e 4 da ESO, o outro para Bachalerato- estimulan o recoñecemento de boas experiencias, a elaboración de produtos radiofónicos enfocados a salientar a valoración da lingua materna e a importancia do activismo cultural e medioambiental dos anos 90 e do feminismo co gallo da dedicación do Día das Letras Galegas de 2024 á escritora, filósofa, violinista e activista Luísa Villalta.
Ademais do premio económico de 2500 euros que nos corresponde por estes dous traballos o alumnado implicado poderá visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela, tras o acordo previo con esta entidade, que consiste tamén en emitir os podcast premiados o día de mañá, 17 de maio. Ademais disto os alumnos e alumnas participantes serán entrevistados nun dos seus programas.
En pleno debate sobre o papel das pantallas na escola cómpre reflexionar sobre a denominada competencia dixital e o emprego dos dispositivos electrónicos nas aulas: dixitalizar o ensino non consiste en ficar de forma pasiva diante dunha pantalla, nin nun mero cambio de soporte con respecto aos tradicionais, senón que implica explorar e aproveitar os infinitos recursos que a revolución dixital nos ofrece. Por isto este premio é un pulo máis para o noso centro neste camiño cara a transformación dixital e a innovación educativa, sostida sobre un traballo transversal entre departamentos, profesorado (dos réximes ordinario e de adultos, con especial mención a María José Nieto e Nuria Quintas) e alumnado comprometido ao que temos que falar na súa propia linguaxe.