CONTO COLABORATIVO DE SAMAÍN

Videocontos para o Samaín

Os alumnos e alumnas do CPI Plurilingüe Santa Lucía (Moraña) elaboron distintos contos de medo.
 No blog de lingua galega "ARRE BICHO" tendes unha mostra do seu traballo.
Esperamos que vos guste!!
http://arrebichoedlg.blogspot.com/2020/10/contos-de-medo-para-conmemorar-o-samain.html

ACORDO COMEDORES ESCOLARES.

Novo acordo do Consello da Xunta de Galicia en materia de comedores escolares, polo que o noso centro pode aceptar a colaboración de persoas voluntarias que reúnan a condición de seren familiares dos alumnos/as comensais e convivan no mesmo domicilio destes. Esta lista permanecerá aberta ao longo de todo o curso 2020-2021.
 

Pódese consultar neste enlace.

APERTURA DO SERVIZO DE COMEDOR ESCOLAR.

Estimadas familias:

Complácenos poder informarvos de que mañá mércores 21 de outubro abriremos o servizo de comedor escolar do centro, debido a que actualmente contamos con suficientes membros da comunidade educativa que están dispostos a colaborar nas tarefas de vixilancia do alumnado.

En calquera caso, o centro deixa aberta a porta a novas solicitudes de colaboración pola vosa parte, para cubrir as ausencias que poidan producirse ao longo do curso no persoal colaborador admitido hasta o momento.

Do mesmo xeito, a partir de mañá mércores 21 tamén queda restablecido o servizo de transporte no horario habitual:

- Infantil e primaria: Luns-venres 16.00h. 

- Secundaria: Luns 18.10h. Martes-venres 16.00h.

Moitas grazas pola vosa colaboración.

Un saúdo

Silvia Padrón

directora.

CIRCULAR PARA AS FAMILIAS SOBRE COMEDOR E TRANSPORTE.

Estimadas familias:

Sentimos comunicarvos que continuamos sen ter persoal colaborador suficiente para que o servizo de comedor escolar poida ser restablecido. Por ese motivo, mañá xoves 15 de outubro tampouco poderá funcionar o servizo de comedor.

Como xa vos trasladei no día de onte, actualmente continúa aberto o prazo para que dende as familias vos presentedes voluntarios/as para colaborar. A este respecto infórmovos dunha novidade: excepcionalmente, está previsto que poidan actuar como colaboradores/as, ademais de pais e nais, outros familiares que convivan con alumnado usuario do servizo de comedor escolar. Animámosvos novamente a que vos presentedes, co fin de que o servizo poida ser restablecido á maior brevidade, en beneficio de toda a comunidade educativa.

O horario de saída do alumnado transportado e non transportado será o mesmo destes días.

Volveremos a informarvos mañá xoves 15 sobre os servizos de comedor e transporte.

Moitas grazas pola vosa comprensión e colaboración.

Un saúdo,

Silvia Padrón

Directora.

CIRCULAR FAMILIAS ALUMNADO INFANTIL

Estimadas familias do alumnado de educación infantil:

Tal e como se vos informou o pasado 7 de outubro, os vosos fillos/as foron incluídos nun expediente de Educovid por poder ser considerados contactos dunha persoa que posteriormente dou positivo en Covid-19, pero que non tivera síntomas estando con eles/as. Queremos deixar constancia de que para os vosos fillos/as solicitouse dende Sanidade unha proba PCR de carácter meramente preventivo, polo que non era necesario manter corentena segundo nos informou o Servizo de Alertas epidemiolóxicas.

Unha vez aberto o expediente, dende o centro non temos ningunha información nin responsabilidade da execución do mesmo. Para preguntar pola situación na que se encontra o voso fillo/a (resultado ou realización da proba PCR, se pode ou non incorporarse ao centro...) debedes preguntar na Consellería de Sanidade, pois son cuestións que están fóra do ámbito educativo.

Lamentamos as molestias que isto poida ocasionar, pero non somos responsables das actuacións que dende Sanidade se leven a cabo.  

Ao igual cá vós, só queremos o mellor para os vosos fillos/as.

Un saúdo.

Silvia Padrón

Directora.

CIRCULAR INFORMATIVA PARA AS FAMILIAS.

Estimadas familias:

Lamentamos ter que informarvos de que ao longo desta semana se confirmaron seis casos positivos de Covid 19 entre o alumnado e o persoal do noso centro. Desexámoslles que se encontren ben e se recuperen o antes posible.

Tomando como referencia o Protocolo de adaptación ao contexto da Covid 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021, e seguindo en todo momento as indicacións das Autoridades sanitarias, dúas aulas foron postas en corentena. Tamén houbo profesorado e alumnado que realizaron ou realizarán unha proba PCR de carácter preventivo. En cada caso se informou ás familias e ao profesorado afectado, respectando en todo momento a protección de datos das persoas involucradas. Tamén saberedes, se é o caso dos vosos fillos/as, que a Aula virtual do centro e a plataforma E-Dixgal xa están en funcionamento.

Seguindo ese mesmo Protocolo, estamos en permanente contacto co Servizo de Alertas epidemiolóxicas de Galicia e coas autoridades educativas, que constitúen guías constantes e apoios fundamentais para o noso traballo nestes días difíciles.

Dende o Equipo directivo estamos centrando todos os esforzos en garantir a seguridade de todo o alumnado e o persoal que traballa no centro, insistindo no cumprimento das medidas de prevención e hixiene básicas incluídas no Protocolo. Por ese motivo desexamos transmitirvos unha mensaxe de calma e tranquilidade.

Non queremos rematar sen agradecer o gran traballo levado a cabo polo profesorado e o persoal de administración e servizos (conserxería, administración, comedor e limpeza), especialmente nesta última semana. E, como non, agradecemos tamén o esforzo do alumnado no cumprimento das medidas de prevención adoptadas no centro que en cada momento lles esiximos, polo seu propio ben e polo ben de todos.

Por último, queremos lembrarvos ás familias a importancia de ter instalada a aplicación AbalarMóbil nos vosos teléfonos móbiles, pois será empregada como principal vía de comunicación dende o centro con vós.

Ánimo e un saúdo cordial.

Equipo directivo.

XUSTIFICACIÓN DE FALTAS DE ASISTENCIA A TRAVÉS DA APLICACIÓN ABALAR

Este ano a xustificación de faltas de asistencia do alumnado do centro educativo realizarase a través da aplicación Abalar.

Premendo no seguinte enlace, podrá ver como é o proceso:

Xustificación de faltas de asistencia

LISTAXES DEFINITIVAS DO FONDO LIBROS (ALUMNADO DE ESO)

LISTAXES DEFINITIVAS DO FONDO LIBROS NA ESO

Data publicación.- 23/09/2020

Lugar de consulta da listaxe dos libros concedidos.- No CPI Plurilingüe Santa Lucía.

Entrega dos libros.- Ó alumnado durante o mes de setembro.

APRAZAMENTO DAS LISTAXES DEFINITIVAS DO FONDO LIBROS NA ESO

Debido ó aprazamento do inicio do curso en Educación Secundaria non podemos publicar a listaxe definitiva da asignación do fondo de libros para a ESO.
Publicaremos a listaxe o antes posible.

Powered by Drupal - Design by artinet