física e química
Farto das típicas felicitacións de San Valentín?
O Club de Ciencia suxíreche outras formas de dicilo... non deixes de ler os carteis dos taboleiros
Moitas grazas a Cintia polos corazóns feitos co seu alumnado
Mércores, 5 Febreiro, 2020
Hoxe no Club de Ciencia experimentamos co aceite usado e fixemos xabón.
Cada grupo calcula a cantidade de sosa que precisa segundo a cantidade de aceite de que dispoñen. Trátase dun proceso artesán que, ademais, lles permite transformar un residuo contaminante nun produto con aplicacións útiles, e, por suposto, menos perigoso.
Venres, 31 Xaneiro, 2020
Durante o mes de xaneiro o alumando do club de ciencia realizou os seguintes experimentos:
- columna de densidades
- cromatografía
- fluido non newtoniano
Grazas a este obradoiro comprobaron que os líquidos de diferentes densidades flotan uns enriba doutros, en capas, sen mesturarse, e no fluído non newtoniano observaron como a aplicación de diferente presión sobre a masa vai cambiando as súas propiedades.
Este obradoiro foi o mesmo que o realizado polo alumnado de primaria en novembro. Podes ler a explicación da cromatografía e dos fluídos non newtonianos nesta entrada.
O martes 26 de novembro celebramos no laboratorio de Primaria, situado na biblioteca do centro, a última sesión deste mes adicada á realización de actividades para acercar as diferentes disciplinas científicas ao alumnado: Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas.
Digna, profesora de física e química, axudada por Gutier (profesor de matemáticas) e Elvira (mestra de primaria) realizaron dous experimentos sinxelos que podedes poñer en práctica nas casas.
O primeiro deles foi a realización dunha cromatografía para separar as compoñentes da tinta de rotulador (negro, fundamentalmente, pero tamén violeta, verde, laranxa) con papel de filtro, auga e unha culleradiña de sal. O resultado foi moi vistoso.
A segunda experiencia foi a preparación dun fluído non newtoniano mesturando fariña de millo, Maizena, con auga. Hai que engadir auga pouco a pouco e remover forte porque ides notar como a masa se vai endurecendo. O resultado é unha pasta que presenta un aspecto líquido pero que se comporta como un sólido cando o amasas. A aplicación de diferente presión sobre a masa vai cambiando as súas propiedades. É un experimento moi sinxelo pero moi entretido, e ademais sorprende porque rompe co esperado respecto ao comportamento dun sólido plástico común como a masa de pan ou a plastilina.
Premede na imaxe para acceder á galería da actividade.
Co gallo do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, o Club de Ciencias colaborará co equipo da Biblioteca do centro desenvolvendo unha serie de obradoiros destinados a todo o alumnado. Os obradoiros terán lugar os martes do mes de novembro durante o recreo.
Martes 12:
Matemaxia co matemago Gutier: trucos de maxia con matemáticas
Martes 19:
Robótica: Segue liñas con mBot, labirinto
Impresora 3D Prusa I3
Martes 26:
Cromatografía
Experimentando con Maicena (fluídos non Newtonianos)
Anímate a participar!