Novas da Biblioteca de Infantil e Primaria
Chegou a Candeloria! O tempo do amor
Participa no concurso
de declaracións de amor: poemas, cartas, debuxos…
Consulta as bases do concurso nos taboleiros das bibliotecas
Visita de Helga Méndez
15/05/2013
Os rapaces de Infantil tiveron unha visita especial este mércores anterior ao Día das Letras. Unha contista chamada Helga Méndez, veciña de Ferrol, achegoulles fragmentos da peza teatral infantil de Roberto Vidal Bolaño titulada Touporroutou da lúa e do sol.
Esta polifácetica actriz que tamén se dedica ao debuxo, a cantar, a dirixir obradoiros de teatro... regresará ao noso centro para compartir os seus contos cos rapaces máis pequenos de Primaria a vindeira semana.
Maquetas de células
01/03/11
A semana pasada tivemos na biblioteca esta vistosa exposición sobre as partes da célula. Estas maquetas foron elaboradas polos alumnos de 1º de ESO en Ciencias Naturais.
O novo blog da biblioteca
Xa temos novo Blog na Biblioteca de Primaria. Aquí poderedes atopar moita información sobre o que estamos facendo dende alí, libros interesantes e moitas outras actividades. Esperamos que disfrutedes da páxina e que colaboredes para poder facela moito máis interesante e divertida. ¡¡¡Agardamos as vosas visitas!!!
Este é o enderezo do noso blog:
Clausura da exposición sobre Exipto
10/05/2010
O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Ensino, Mª del Carmen Espada, visitaron esta mañá a nosa biblioteca de Infantil e Primaria para clausurar a exposición sobre Exipto. Ademais, entregaron numerosos títulos de exiptólog@ entre o noso alumnado.
A biblioteca exipcia do Feal
15/03/2010
Un ano más, quedamos impresionados coa transformación da Biblioteca de Infantil e Primaria. Exipto fora xa o tema escollido na festa do Entroido 2010, pero este ano a transformación bibliotecaria deixouse para un pouco máis adiante, de xeito que se puidera facer con máis calma. Por certo que unha das bibliotecas máis famosas da Historia estivo en Exipto: a de Alexandría.
Na Galería temos unha pequena mostra do que se fixo, pero o mellor e que o vexades en directo. Parabéns para toda a xente que participou: do profesorado e do alumnado (incluíndo os/as máis pequenos/as do centro!!).
A 8ª edición do Xogo das Pistas está a piques de rematar
Eva Mª Bouza, 20/11/2009
Como podedes comprobar pola fotografía, xa temos gañadores e gañadoras en cada unha das categorías. Dous equipos conseguiron completar todas as pistas e son os nosos flamantes campións.
Pero non vos desanimedes os que aínda non o conseguistes, o prazo non remata ata o día 30 de novembro. Os rezagados e rezagadas aínda teñen uns días para conseguir algún punto máis e optar a algún dos premios que entregaremos o día 22 de decembro no Festival de Nadal.
Seguiremos lendo nas aulas todos os días para levar a cabo o Proxecto Lector. Estamos preparando novas aventuras para o segundo trimestre.
ÁNIMO, LER É UNHA DAS MAIORES AVENTURAS QUE PODEMOS VIVIR!
- Equipo gañador do 2º Ciclo:
- Raúl Hermida
- Joel Muíño
- Alejandro Rúa
- Raúl Souto
- Equipo gañador de 5º:
- Silvia Felpete
- Andrea Ramos
Un novo xogo das pistas xa está en marcha
Eva Mª Bouza, 26/10/2009
Como comentabamos no último artigo da biblioteca de primaria, unha nova edición do Xogo das Pistas está en marcha. Neste curso decimos cambiar o concurso para o primeiro trimestre, xa que nos parecía que o alumnado estaría menos agobiado polos exames de fin de curso. Puxemos en marcha o proxecto lector do centro e esta actividade forma parte del, xunto coas Mochilas Viaxeiras do 1º ciclo de primaria. As bases do concurso son como todos os anos. Hai equipos de dous, tres e catro membros. Cada equipo ten o reto de ler dez libros, cinco en cada un dos idiomas oficiais da Comunidade: galego e castelán. Logo terán que responder a un pequeno cuestionario sobre o libro que leron.
O alumnado do segundo ciclo será atendido durante o primeiro recreo e o do terceiro ciclo durante o segundo. Tamén, como novidade este ano, nas aulas e durante a xornada escolar, cada día disporán dun pequeno tempo para ler estes libros.
Ánimo, ler é unha gran aventura, divertida e gratificante. Ademais podedes conseguir algún dos premios do concurso. Esperamos veros pola biblioteca o antes posible.
A nova mascota da Biblioteca de Primaria xa ten nome
Eva Mª Bouza, 05/10/2009
Como comentamos na nova anterior, COLORINES, a antigua mascota da biblioteca, marchou para China; pero deixounos un agasallo: un ovo do que naceu a súa filla.
Fixemos un concurso de ideas para atoparlle un nome e xa dimos con el. A nova mascota da biblioteca chamarase Leilea. A súa madriña é Alicia Santos Lago, alumna de 4º A. Podedes ver unha foto da feliz madriña xunto coa súa afillada.
Loli Abelleira, encargada da biblioteca de Primaria fíxolle entrega dun diploma que a acredita como madriña da nova mascota durante este curso. Para celebrar tan feliz acontecemento a nova madriña reparteu por todo o colexio (Infantil e Primaria) uns caramelos. Noraboa!
Aproveitamos tamén para comunicar que dentro de poucos días comezará unha nova edición do XOGO DAS PISTAS. Estade atentos e atentas para participar.
Nova mascota na Biblioteca de Infantil e Primaria
Eva Mª Bouza, 23/09/2009
Comezou un novo curso e como en anos anteriores, algo sucedeu na biblioteca durante o verán. A mascota que tiñamos, COLORINES, quedou soa durante as vacacións e dedicouse a facer algúns cambios. Cando chegamos en setembro descubrimos que a biblioteca estaba toda revolta e que uns pintores estaban cambiando as cores das paredes e o teito. Máis tarde, soubemos o por que. COLORINES escribiunos unha carta dende China. Marchou alí para seguir descubrindo mais cousas desa cultura milenaria. Foi invitada polo seu amigo Yang-Lin. Contounos que non pensaba volver pero que nos deixara agochado na biblioteca un ovo do que nacería o seu fillo ou filla. Contounos que mandou pintar as paredes da biblioteca de amarelo porque lle lembraba a China e o teito de azul porque lle parecía o ceo.
Descubrimos o ovo e aos poucos días naceu a nova mascota. Parécese moito a COLORINES pero ten unha fermosa melena negra. Estamos intentando atoparlle un nome. Animamos a todo o alumnado a participar na procura do nome. Depositade as vosas papeletas coas suxestións sobre o nome na urna que está na entrada de Primaria.
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- seguinte ›
- última »
Enderezos electrónicos
- Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
- ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
- Coordinación da web: web.feal@gmail.com