Skip to Content

Mes da Ciencia 2017. Charla-Obradoiro Avespa Velutina

O pasado martes 21 de Novembro pola tarde o alumnado de 1° e 2° ESO asistiu á charla e ao obradoiro de trampas para avispas velutinas guiado pola asociación Stop velutina Umia, incluído nas actividades organizadas polo Mes da Ciencia do centro. Para levalo a cabo foi preciso que trouxeran da casa unicamente unha botella de plástico transparente (de cor non serven), de 2 litros ou mellor de 5 litros. Todas/os os/as participantes realizaron un bo traballo e tamén puideron ver un niño que trouxo o voluntariado de Protección Civil, polo que foi unha tarde moi aproveitada na que tomaron conciencia da grave problemática que supón esta especie invasora.

Coma sempre, visitade a nosa galería de fotos ou premede nestas imaxes para ver algunhas das curiosidades da tarde....

      

Teatro "Rubicundo". 3º e 4º de Primaria.

O pasado luns 20 de novembro o alumnado de terceiro e cuarto de primaria asistiu ao teatro de Pontevedra para ver a obra de teatro "Rubicundo" na que desfrutaron cantando e interaccionando coas curiosas personaxes da obra.

A continuación, plano en man, fixeron un percorrido polas prazas máis coñecidas da cidade de Pontevedra seguindo o itinerario que eles/as mesmos/as marcaran previamente. Uns grandes exploradores!

Coma sempre, aquí podedes ver unhas fotos da xornada visitando a nosa galería de imaxes ou premendo nestas fotos....

       

Obradoiro "Contamos todas"

Dentro do programa de obradoiros e charlas que, en colaboración co concello, estase a realizar neste mes de novembro con motivo do Dia internacional contra a Violencia de Xénero, o alumnado de 3º e 4º da ESO asistiu este luns ao obradoiro “Contamos todas”, no que o grupo “Tropa de trapo” dramatizou dúas historias: o compromiso das mulleres maiores dunha aldea de Allariz para aprender a montar en bicicleta, e o remate da guerra civil de Liberia grazas á acción das mulleres.

A continuación debateuse entre o alumnado sobre o machismo na sociedade actual, centrándose na situación de desigualdade de oportunidades, salarios, ...

Foi unha actividade moi interesante, e que gustou moito ao alumnado. Podedes botarlle un ollo ás fotos premendo nestas imaxes ou visitando a nosa galería de imaxes...

CIENCIA OU MAXIA. EXPERIMENTOS PITEAS PARA A ESO

O pasado venres 17 de Novembro visitou o noso centro David Ballesteros, profesor de Bioloxía e Xeoloxía e colaborador de Piteas, que realizou experimentos relacionados coa Ciencia para todo o alumnado da ESO.

Foi un obradoiro moi interesante que encantou a todos os cursos e que podedes comprobar visitando a nosa galería de fotos ou premendo nestas imaxes...

         

Novas masculinidades e feminidades. Obradoiros de Igualdade.

O alumnado de primeiro a cuarto curso de Primaria participou na xornada do xoves 16 de novembro dunha serie de obradoiros sobre Igualdade de Xénero, "Novas masculinidades e feminidades" impartidos no noso centro en colaboración do Concello de Cuntis. 

A través de contos, historias, debuxos e actividades moi amenas a nosa rapazada traballou e ideou varios lemas de vida para un Mundo da Igualdade onde "todas e todos somos importantes" e onde "todas e todos somos o que queremos ser".

Coma sempre, premede nestas imaxes ou visitade a nosa galería de fotos, e podedes ver algúns dos momentos vividos....

   

Mes da Ciencia 2017. Saídas da Asociación ADEGA.

O pasado martes 14 de Novembro o alumnado de 2º e 4º ESO realizou dúas actividades organizadas pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). O alumnado de 2º ESO, guiado pola profesora de Bioloxía e Xeoloxía do centro e Ramsés o monitor de ADEGA, despois de ver e traballar a exposición de especies invasoras no centro, realizou un percorrido por todo o paseo fluvial de Cuntis para localizar as especies invasoras que alí existen, desprazando en moitos casos ás especies autóctonas. Por outra banda, o alumnado de 4º ESO, acompañado da profesora de Física e Química do centro e Paco tamén monitor de ADEGA, achegouse á beira do río ao seu paso polo centro da vila, para levar a cabo a anual inspección de outono do río Gallo. O resultado desta foi que conserva o bo estado dos últimos catro anos que levamos facendo esta actividade.

Foi unha tarde moi entretida, na que o noso alumnado amosou un grande interese pola conservación do medio. Premendo nestas imaxes, ou visitando a nosa galería de fotos, poderes ver algúns dos momentos máis significativos da xornada.

    

                          4º ESO                                                                    2º ESO     

Obradoiros de Igualdade de Xénero para Educación Infantil

O alumnado de Educación Infantil do noso centro está a participar dunha serie de Obradoiros, " Xogos, xoguetes e videoxogos", que está a impartir unha técnico do Concello de Cuntis ao abeiro da temática da Igualdade de Xénero neste mes de novembro.

Entre contos, cancións, xogos, xoguetes e moita diversión os máis cativos e cativas do colexio están aprendendo que a igualdade é posible e que comeza dende o máis simple xesto, a nosa persoa.

Premede nestas imaxes e veredes algúns dos momentos que vivimos en igualdade de xogos....

                 

Froitos de Outono 2017.

O alumnado de Educación Infantil leva todo o mes de outubro e novembro traballando sobre o Outono e todas as posibilidades que nos ofrece esta estación. A última destas actividades que fixeron foi unha exposición de froitos típicos de outono e despois unha merenda degustación no comedor do colexio. 

Para a merenda-degustación contamos coa axuda e colaboración dos nosos/as compañeiros/as de cuarto de primaria que lle botaron unha man ben xeitosa ás mestras para desfrutar dos riquísimos froitos que nos trouxeron as familias do alumnado.

Moitas grazas ás familias que nos axudades a facer actividades que tanto lles gustan aos nosos/as cativos/as. Aquí vos deixamos unhas imaxes da xornada que viviron os/as máis pequerrechos/as de infantil cos seus/as compañeiros/as de primaria.

    

Mes da Ciencia 2017. Experimentos 3º-4ºA de EP e 1º de ESO

Comezamos esta segunda semana do mes da Ciencia cos tradicionais experimentos impartidos polo alumnado de 3° PMAR e 4° ESO para o de Educación Primaria. Estes días pasaron polo laboratorio 3° e 4°A EP (durante os recreos do martes e do mércores) e 1° ESO (nos dous recreos do xoves), realizando novos experimentos relacionados coas materias de Bioloxía e Xeoloxía, Tecnoloxía e Física e Química.

Este curso, como novidade, o alumnado de 1° ESO colaborou tamén nestas sesións amosando aos/ás seus/súas compañeiros/as os coñecementos sobre Robótica que adquiriron durante o curso pasado. É sen dúbida a actividade formativa para ambas etapas que goza de maior éxito entre o alumnado, “sacrificando” incluso con gusto o seu tempo de ocio no centro, que non lle chegou a nada. 

Coma sempre podedes visitar a nosa galería de fotos ou premendo nestas imaxes...

      

            3º de Primaria                          4ºA de Primaria                          1º de ESO

Mes da Ciencia 2017. Visita José Viñas

O pasado martes 7 de novembro o alumnado de 3° e 4° ESO realizou un obradoiro, en dúas tandas, guiado por José Viñas, profesor de Bioloxía e Xeoloxía do IES David Buján de Cambre, coordinador do Club de Ciencia de dito centro e gran divulgador científico. O esquema do obradoiro foi o seguinte: Introducción á ciencia cidadá. Teoría e demostración; Novas tecnoloxías aplicadas a participación cidadá; Exemplos de participación cidadá; Participar nun proxecto de ciencia cidadá; Open Science. Empregaron a aplicación para móbil Epicollet 5 coa que puideron crear unha app de ciencia cidadá no momento e practicar con outras. 
Foi unha actividade moi interesante e innovadora como podedes ver premendo nestas imaxe...
 
     
Distribuir contido


by Dr. Radut