De acordo co establecido no Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar, constituíuse o Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia e aprobouse a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020: educonvives.gal. No marco desta estratexia realizáronse no 2015 e no 2019 as enquisas de diagnose que permitiron identificar os puntos fortes e febles na xestión da convivencia e na resolución de conflitos nos centros educativos.
Transcorrida esta etapa é necesario elaborar unha nova estratexia de convivencia para o período 2021-2025. Neste contexto, faise necesario a realización dunha nova enquisa de diagnose de convivencia de carácter censal e que terá unha periodicidade bianual.
A convivencia escolar é unha preocupación de primeira liña na que se está a traballar arreo nos últimos anos, na procura dunha mellora continuada do clima escolar. No senso de seguir avanzando, dende a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pomos en marcha a realización dunha nova enquisa que permita analizar o estado da convivencia e das novas formas nas que se está a desenvolver, como consecuencia do impacto da COVID-19 na comunidade educativa.
Esta sondaxe de carácter censual “Enquisa de diagnose da convivencia 2021” ten por finalidade coñecer a opinión dos distintos colectivos (directores e directoras, profesorado, alumnado, persoal non docente e familias) e permitirá, a través do análise das respostas obtidas, a introdución de avances e melloras neste ámbito dun xeito global e integrador.
A participación da comunidade educativa nesta enquisa é fundamental e por iso necesitamos do esforzo e da implicación dos distintos colectivos e da súa imprescindible colaboración e involucración no proceso de realización. En definitiva, búscase favorecer o seu desenvolvemento e a súa difusión entre todos os membros dos colectivos participantes co fin de garantir uns óptimos resultados.
A recollida de datos farase mediante unha ferramenta informática en liña, de xeito automatizado e totalmente anónimo.
Destinatario
1.- Alumnado de 5º e 6º de primaria. Todo o alumnado do centro que curse 5º e 6º de Educación Primaria, deberá cubrir a enquisa, salvo negativa expresa dos seus pais, nais ou titores legais. Acceso desde https://www.edu.xunta.gal/convobrig
2.- Profesorado do centro. Acceso desde https://www.edu.xunta.gal/convdoce
3.- Persoal de Administración e Servizos. Acceso desde https://www.edu.xunta.gal/convpas
4.- Familias. Acceso desde https://www.edu.xunta.gal/convfamil
Prazo: A enquisa estará operativa desde o 12 de abril ao 29 de abril de 2021 (ambos dous días incluídos).
Claves de acceso:
A cada alumno/a, persoal docente e non docente e familias de alumnado, proporcionaráselle unha clave de acceso con indicacións precisas sobre como actuar para cumplimentar o cuestionario. O mércores 14 proporcionaranse as claves de acceso a todas as familias.