Vilar de Barrio: Breve historia
HISTORIA
A presencia da cultura no municipio faise evidente polos restos das construccións castrexas que se conservan en Bóveda e no Monte Castelo. Neste último apareceron unha serie de lápidas de carácter funerario que parecen demostrar que estes asentamentos eran tamén lugares de residencia estable.
Son poucos os restos que se conservan da presencia romana neste territorio, probablemente debido a que as incursións romanas nesta primeira fase de conquista tiñan máis un carácter de exploración ou pillaxe que de asentamento propiamente dito.
O monte Castelo
Entre os pobos de Bóveda, Gumareites, San Miguel e Padreda, coroado de penedos e a unha altura de 793 m. sobre o nivel do mar no seu punto mais alto chamado As Torres, érguese o Monte Castelo. Aquí houbo un importante castro e un castelo medieval: o castellum Sancti Iohannis. Atopouse bastante cerámica prerromana, romana e medieval nos arredores. Pódense atopar os alicerces dalgún muro medieval e un túnel, tamén medieval, escavado na peneda. Na veciñanza pódense ver, nos penedos, pías e outros sinais da longa moradía neste lugar. Conta a lenda que no Castelo viviron os mouros. Hai alí unha cova grande, -o burato dos mouros- e fonda na que os veciños hai tempos fixeron escavacións. Contan que ten unha grande boca que é a entrada a uns grandes corredores. Dentro atopouse a imaxe dun santo cun candeeiro de metal na man, - o Mercurio- que se atopa no museo arqueolóxico de Ourense. Parece que ó entrar no burato hai un penedo moi grande embazando a entrada ós corredores. Di a lenda que ese penedo tapa a entrada a unha sala ancha, con tesouros. Tamén contan que uns canteiros ó arrincar pedra, atoparon unha espada.
Remontándonos á historia máis recente, a maior parte das feligresías que compoñían o antigo termo municipal de Vilar de Barrio, estiveran sometidas ó poder de grandes casas señoriais e da igrexa que exercían xurisdicción sobor os veciños do lugar e, o mesmo tempo, cobraban seus impostos. Así, o Marqués de Bóveda exercía señorío e xurisdicción na parroquia de Bóveda; o Marqués de Sierra na de Seiró e o Arcediano de Varonceli na parroquia de Alberguería. Nembargantes, a maior parte das feligresías estaban sometidas ós dominios do Arzobispo de Valladolid que exercía xurisdicción nas parroquias de Arnuíde, Vilar de Barrio, Prado, Rebordachao e Riobó.