Álbum: CURSO 2017-2018 -> Entroido 2018
"A Coruña. Unha cidade en feminino". Así se chama o proxecto que, desde a biblioteca do centro, se está a desenvolver agora mesmo. E diso mesmo tratou o noso festival de Entroido: da cidade de A Coruña. Todos os niveis prepararon disfraces relacionados con algo significativo da nosa gran cidade. En Educación Infantil, vestíronse de choqueiros e choqueiras; 1º de Educación Primaria, da torre de Hércules; 2º, do Dépor; 3º, do paseo marítimo; 4º, de mariñeiros e mariñeiras; 5º, da tuna de veteráns; e 6º da festa de San Xoán. Se premedes na imaxe, poderedes ver todas as fotos do evento.
Educación Infantil ata tivo os típicos Apropósitos chorqueiros:
Aténdanme ben, señores,
a esta cousa que lles digo:
os nenos deste colexio
vimos sempre con abrigo.
Cando nos chove no inverno,
corre a auga coma un río.
Acabamos enchoupados
e tamén mortos de frío.
Cando estou no pavillón
e vou a Coñecemento,
chego mollado ata os ósos
porque non ten cerramento.
Este colexio non é
nin de curas nin de monxas:
con tanta auga, parece
a casa de Bob Esponxa.
Hoxe vou algo contento:
saquei no control un oito;
pero sería un milagre
chegar ata a casa enxoito.
Cando toca Biblioteca
en días de auga e friaxe,
esvara máis este patio
cá pista de patinaxe.
Paso tantos traballiños
para levar ben o estudo
que xa logo hei parecer
percebeiro do Roncudo.
Teñan compaixón de min:
miren que aínda son un neno
e non quero vir á escola
en traxe de neopreno.
Señores politiqueiros,
póñanse ó traballo un cacho
e arranxen como é debido
o cole Raquel Camacho.
3º de Educación Primaria mesmo preparou unha particular versión de "A rianxeira". Gozade coa súa interpretación premendo aquí.
ONDIÑAS VEÑEN... EN A CORUÑA
Refrán
As praias da nosa cidade
Ben bonitas sonche todas (bis)
Dende a punta d'O Portiño
Ata a chula praia de Oza. (bis)
Refrán
Mete o peíño, mete o peíño
Mete o peíño en Riazor,
Báñate no Matadeiro
E a facer surf no Orzán!!!
Ondiñas veñen, ondiñas veñen
Ondiñas veñen e van
Non te bañes coruñesa
Porque te podes mollar
Chamáchesme "reporquiño"
Por non tirar ben o lixo (bis)
Agora vou reciclare
Porque me gusta o mar limpo(bis)
Refrán (todos e todas con palmas)
Que pasedes un bo Entroido!