Curso 2016/2017.
O pasado luns, 29 de maio o alumnado de 5º realizou o I Encontro de convivencia co CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia, localidade na que pasou a súa infancia Carlos Casares, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano.
Neste primeiro encontro realizáronse diferentes actividades como a visita ao Museo do Entroido, percorrido pola localidade, visitando a Praza de Carlos Casares, a Praza Maior e o antigo cárcere, reconvertido en Escola de Música. Ademais participaron en obradoiros dirixidos polo propio alumnado do centro no que se elaboraron boliñas antiestrés utilizando globos e arroz.
E que contan os nenos e nenas de Galán participantes nesta iniciativa?
Pois..."que lles encantou este colexio de Xinzo no que a figura de Rosalía estaba por todos os currunchos do mesmo, que descubriron os distintos disfraces de Galicia e as pantallas de Xinzo, que a comida estaba moi rica, que puideron coñecer as rúas dunha vila tan fermosa, que...en definitiva fora un día xenial".
Hoxe venres, 9 de xuño, os escolares de Xinzo devolveron a visita.
A media mañá foron recibidos no CEIP de Galán e participaron nun obradoiro de coiro, elaboraron chaveiros coas iniciais do seu nome, posteriormente desprazáronse ao litoral, facendo un percorrido a pé dende a praia de Repibelo ata Sabón, acompañados do seu profesorado e de Ramón, persoal de Medio Ambiente. A ruta a pé foi preciosa!
A visita finalizou cun xantar de confraternidade no centro.
O CEIP de Galán quere salientar a colaboración do Concello de Arteixo nestas actividades e agradecerlle a súa boa disposición e axuda prestada.
Premede aquí para ver o vídeo (Parte I).
Premede aquí para ver o vídeo (Parte II).