CINEMA CON PERSPECTIVA
O Colexio Felipe de Castro, de Noia, desenvolve estes días o programa da Xunta ‘Cinema con perspectiva’ , de concienciación sobre a igualdade de xénero.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, achegouse esta mañá ao Colexio CEIP Felipe de Castro de Noia para asistir ás distintas actividades que estes días está levando a cabo este centro no marco do programa Cinema con perspectiva impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa asociación cultural FICBUEU e que ten como obxectivo concienciar aos nenos e mozos sobre a igualdade e a perspectiva de xénero.
O Felipe de Castro é un dos 40 centros participantes na edición deste ano, que abrangue a proxección de curtametraxes con temática de igualdade de xénero, a organización de coloquios para estimular a capacidade reflexiva e analítica do alumnado sobre os valores e as mensaxes en materia de igualdade presentes nas filmacións e o desenvolvemento de obradoiros educativos para a creación dunha sinxela produción audiovisual.
Cinema con perspectiva está dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, ten como obxectivo educar na identificación e tratamento dos estereotipos sexistas presentes na narrativa do cinema e noutras formas de expresión audiovisual. Así mesmo, o alumnado pode crear un produto (guión, plan de rodaxe, etc.) para pór en escena unha sinxela produción audiovisual con perspectiva de xénero.
A iniciativa enmárcase na Estratexia Galega de Convivencia Escolar, que contempla como un dos seus principios a consecución efectiva da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes e na igualdade de trato e non discriminación as persoas en función da súa condición sexual.