Skip to Content

Os nosos patios

Como sabedes, durante os cursos 22/23 e 23/24 vimos participando no "Programa de Agrupaciones de Centros Educativos" do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

Este programa promove a colaboración entre centros públicos de diferentes Comunidades Autónomas mediante a realización e posta en práctica de proxectos comúns, que potencien a educación inclusiva, a innovación educativa e a creatividade do alumnado.

Desta maneira estamos a compartir experiencias co CEP Antonio de Ulloa (Cartagena), o CEIP Arias Montano (Badajoz) e o CEIP Dr. Juan Espino Sánchez (Ingenio-Gran Canaria) dentro dun proxecto común chamado "Creación de nuevos espacios de aprendizaje para una educación inclusiva".

Hoxe queremos compartir con vós unha das últimas actividades conxuntas que tivemos, posto que entre as plantexadas inicialmente estaba a de ensinarnos mutuamente como son os nosos patios e zonas de lecer, e así aprender uns dos outros e ver como podemos mellorar os nosos espazos.

O alumnado de 4º de Infantil, 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria elaboraron conxuntamente e con moita ilusión un AUDIOVISUAL presentándolles ao resto dos colexios como de especiais son OS NOSOS PATIOS, como nos organizamos, que cousas podemos facer nos tempos de lecer e cales son as nosas preferidas.

Esperamos que vos gusten os nosos espazos de lecer e que, entre todos e todas, nun futuro próximo podamos contribuir a seguir mellorándoos.

 

Fondo de libros e axudas material escolar 2024/25

DESTINATARIAS:

  • Fondo solidario de libros de texto:

Alumnado que vaia cursar 3º ou 4º de Primaria no vindeiro curso 2024/25.

  • Axudas para adquirir libros de texto:

Alumnado que vaia cursar 1º ou 2º de Primaria no vindeiro curso 2024/25.

  • Axudas para adquirir material escolar:

Alumnado que vaia cursar 1º, 2º, 3º, 4º, 5º ou 6º de Primaria no vindeiro curso 2024/25.

PRAZO de presentación de solicitudes:

Dende o 21 de maio ata o 21 de xuño de 2024.

FORMA de presentación:

  • As solicitudes presentaranse prefereiblemente a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. Iniciando sesión na web Fondolibros con Chave365 ou certificado dixital.
  • Opcionalmente tamén se pode facer de forma presencial no centro* (en horario de 9:35 a 10:30). Deberán presentar a solicitude debidamente cubertos e asinados xunto cunha copia do libro de familia ou equivalente onde figuren todos os membros computables. En caso de separación deberán presentar sentenza xudicial e/ou convenio regulador. Se fose o caso, deberán presentar tamén certificado acreditativo do grao de discapacidade.

*O alumnado que actualmente está en 6º de Primaria terá que presentar a solicitude no IES no que está admitido.

Publicación das LISTAXES PROVISIONAIS e DEFINITIVAS:

  • Listaxe provisional: 25 de xuño de 2024   2 de xullo de 2024
  • Período de reclamacións á listaxe provisional: 26 e 27 de xuño de 2024 3 e 4 de xullo de 2024
  • Listaxe definitiva: 28 de xuño de 2024 5 de xullo de 2024

Na ORDE do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/25 podedes ver a contía das axudas (artigo 2) en función da renda per cápita (artigo 3), que se calcula en base aos membros computables da unidade familiar (artigo 4).

Carreira Solidaria "Corre por Nós"

Boas familias!

Un ano máis o noso centro organiza a Carreira Solidaria “Corre Por Nós”; nesta ocasión imos participar na XIX Edición quilómetros de Solidariedad co obxectivo de recadar diñeiro para o fondo de emerxencias da ONG Save the Children para apoiar aos nenos e nenas vítimas de conflitos.

A carreira celebrarase o xoves 30 de maio ás 11:30 h. nas pistas de atletismo de San Cibrao (Campo de fútbol A Veiga), grazas á colaboración do Concello de Cervo que nos proporciona o transporte e cédenos as instalacións. As familias estades convidadas como público!

Enviamos hoxe polo alumnado os Carnés dos Corredores para que cada neno/a comece a buscar os seus patrocinadores, entre familiares e amigos, que se comprometan a dar “x” euros/céntimos por cada volta ao circuíto (as voltas estarán adaptadas ás distintas idades). Para iso, anotarán o nome dos seus patrocinadores e os euros/céntimos que lles darán por cada volta (as cantidades ofrecidas deben ser realistas para que se poidan respectar) e entregarano de novo no colexio antes do día da carreira.

Unha vez concluída a carreira, multiplicaranse as voltas percorridas pola cantidade ofrecida por cada patrocinador, e cada alumno/a recada os cartos, ensinando o seu carné aos seus patrocinadores para xustificar as voltas realizadas. Por último, os corredores entregarán o diñeiro recadado no centro antes do 14 de xuño, para facerllo chegar a Save the Children.

Moitas grazas pola vosa colaboración!

O equipo docente

Froita na escola 2º período

Durante esta semana (do luns 6 ao venres 10 de maio), a froita repartida no recreo a todo o alumnado do centro será ecolóxica e de tempada, grazas ás axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido ao alumnado de centros escolares. Cada día ofrecerase unha froita en concreto. Hoxe luns repartíronse amorodos e para os outros días (en función da súa madurez) temos nísperos, nectarinas amarelas, albaricoques e sandías mini.

Listaxe definitivo de admitidas/os para o curso 2024/25

No taboleiro interior do centro está publicada a relación nominal do novo alumnado admitido para o curso 2024/25.

Xa que as solicitudes presentadas non superaron a oferta de prazas, todas as solicitudes foron admitidas.

Lembramos que o prazo para a formalización da matrícula será do 20 ao 30 de xuño.

Café con libros 2023/2024 - Terceira xuntanza

Queridas familias.

Temos unha nova e última edición de CAFÉ CON LIBROS! Despois destas dúas últimas edicións cheas de reflexións, experiencias compartidas e moita emoción, Puca proponnos que este terceiro trimestre o destinemos a unha temática diferente... que tal un pouco de cómic en galego? Comezaremos coa lectura do libro "Fun home: unha familia traxicómica" de Alison Bechdel e destinaremos a xuntanza para compartir unha sesión coa Asociación ALAS para falar da diversidade, orientación sexual e identidade de xénero. Se queres compartir este momento con nós, non o dúbides e cubre a información que ves na parte inferior da entrada. 

A continuación, todos os datos sobre a xuntanza:

Sorriso Que? Xuntanza para reflexionar sobre a diversidade e saborear un té e/ou café e saudables petiscos. 

Sorriso Como? Con gana de pasar un tempo agradable e co único requisito de ter lido previamente o libro de Alison Bechdel. 

Sorriso Cando? O mércores 29 de maio de 16:00 a 18:00.

Sorriso Onde? En Bibliocervo.

Teredes ata o venres 24 de maio para anotarvos. Se queredes ler máis información sobre a obra de Alison, premede na seguinte imaxe.

Xornada de formación: Falamos do noso patio?

 

Queridas familias,

Queremos convidarvos a todas e todos a participar nunha Xornada de formación para analizar o noso patio, xa que estamos en proceso de cambio e gustaríanos poder contar coa opinión e a visión de toda a Comunidade Educativa para lograr unha transformación efectiva do mesmo.

Esta Xornada será impartida por Judit Santos Almeida, psicóloga da Cooperativa Miudiño. Podedes consultar a web no seguinte enlace: https://miudinho.gal/patios-vivos/

Podedes comunicar a vosa asistencia poñendo o voso nome e apelidos no seguinte formulario. Agardámosvos!

PROCESO DE ADMISIÓN PARA O CURSO 2024-2025

Prazo de presentación das solicitudes de admisión: do 1 ao 20 de marzo.

Para solicitar a admisión deberase presentar:

  • Solicitude debidamente cuberta e asinada (Anexo II e Anexo II-Bis). Poden descargala AQUÍ.
  • Copia do libro de familia ou documento equivalente.
  • En caso de separación ou divorcio, sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a custodia do/a menor.

As solicitudes (ED550B) presentaranse preferiblemente por vía electrónica, mediante o formulario normalizado dispoñible na aplicación informática admisionalumnado (https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado), a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente no centro docente indicado en primeiro lugar.

CRITERIOS A TER EN CONTA:

  • Cada alumno/a só pode presentar unha única solicitude, e será presentada no centro no que solicite praza en primeiro lugar (sexa público ou concertado). A infracción determinará a perda dos dereitos de prioridade que poidan corresponderlle. Na solicitude poderanse solicitar ata 6 centros, por orde de preferencia.
  • O alumnado que ten garantía de permanencia nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto, deberá comunicalo, ao mesmo tempo, ao centro de orixe.
  • O alumnado que ten reservada praza nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto, deberá comunicar a renuncia á reserva antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión (antes do 1 de marzo)
  • O alumnado matriculado actualmente no centro ten asegurada a reserva de praza para o vindeiro curso.

DATAS DE INTERESE:

Data de publicación da listaxe provisional de admitidas/os: 25 de abril.

Data de publicación da listaxe definitiva de admitidas/os: 15 de maio.

Prazo para formalizar a matrícula: do 20 ao 30 de xuño.

INFORMACIÓNS VARIAS

Servizos complementarios que ofrece o centro: comedor e transporte escolar.

A admisión e matriculación nun centro docente público implica respectar o Proxecto Educativo do centro. Podedes consultar o noso aquí.

Na aplicación admisionalumnado (https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado) poden consultar:

a) O cronograma coas datas dos trámites principais do procedemento de reserva, admisión ordinaria e matrícula.

b) A previsión de postos escolares dispoñibles e as súas modificacións.

c) A relación do alumnado de cada curso, co número da solicitude de admisión asignado pola aplicación admisionalumnado no momento da súa gravación.

d) O estado de tramitación da súa solicitude utilizando o número de solicitude e o número de DNI da persoa solicitante.

e) A listaxe do alumnado con posto reservado e a listaxe provisional e definitiva do alumnado admitido coa puntuación total e do alumnado non admitido, utilizando calquera dos mecanismos de identificación admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o certificado dixital e Chave365.

NORMATIVA REGULADORA DO PROCEDEMENTO

DECRETO 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

ORDE do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).

CAMPAÑA SOLIDARIA DE RECOLLIDA DE ROUPA E CALZADO

Durante estes días colaboraremos coa Campaña Solidaria Mariola de recollida de roupa e calzado en beneficio da ONG Global Humanitaria. A recollida terá lugar o vindeiro xoves 7 de marzo e levarase a cabo no noso centro, polo que se estades interesados en participar, agradecémosvos que traiades a roupa e calzado que consideredes na bolsa que vos enviamos ou en calquera outra bolsa, antes dese día.

 

Para máis información sobre esta Campaña e o proxecto co que colabora Mariola podedes consultar a súa web: https://www.csmariola.com/solidarios/

 

          

CONFERENCIA ACOSO E CIBERACOSO ESCOLAR

Estimadas familias,

Queremos convidarvos á Conferencia que terá lugar no noso centro o vinderio mércores 6 de marzo ás 16:30, sobre Acoso e Ciberacoso impartida polo Equipo do Plan Director da Garda Civil de Lugo (Héctor Méndez, psicólogo formador especializado en Acoso Escolar) coa colaboración de Educando en Familia.

Tendes máis información sobre en que consisten estas charlas no código QR.

Agardámosvos!!

 

Semana de Entroido

Boas familias!

A semana que vén celebramos o Entroido no cole e, coma sempre, relacionámolo co proxecto que estamos a traballar dende Bibliocervo, que nesta ocasión é "Namor-Arte" e a temática principal serán as emocións.

A organización será a seguinte:

  • LUNS: "Correr a auga". Para ese día é necesario traer unha muda completa para cambiarse ao finalizar a actividade. Traerán tamén botellas, pistolas... ou algún utensilio que sirva para mollarse (si se reutilizan botes ou botellas de outros productos temos que asegurarnos que veñan ben limpos e sen restos). A festa será de 13:00 a 13:45 e estades convidados a vir!
  • MARTES: Pequena caracterización de bebé.
  • MÉRCORES: Pequena caracterización de ancián.
  • XOVES: Disfrace libre! (os elementos que poidan causar algún dano, como espadas, lanzas...poderán ser retirados).
  • VENRES: Para este día agradecemos a vosa colaboración traendo postres típicos de Entroido para degustar no recreo (o recipiente ten que traer o nome da nena/neno para identificalo). Desfile de Entroido! Ás 12:30 comezará o desfile ata a Praza do Souto, se o tempo o permite (senon será no pavillón). Por suposto, estades tamén convidados!

Ponencia "Adolescencia, saúde, tecnoloxía e convivencia"

O vindeiro xoves 25 de xaneiro de 16:00 a 18:00 terá lugar na biblioteca do noso centro unha ponencia sobre adolescencia, saúde, tecnoloxía e convivencia. Animamos a todas as familias do alumnado a asistir. Tamén poderán asistir outras familias da contorna ou persoas relacionadas coa educación.

Antonio Rial Boubeta é doutor en psicoloxía social e profesor na Universidade de Santiago de Compostela na área de Ciencias do Comportamento. Lidera desde hai máis dunha década estudos sobre mocidade, tecnoloxía e saúde; unha tríade que analiza e observa desde a evidencia científica co fin de favorecer un uso das pantallas menos problemático.

Reserva de praza IES Marqués de Sargadelos 2024/25

O alumnado de 6º de Primaria que pretenda continuar os seus estudos no IES Marqués de Sargadelos, para os efectos de RESERVA DE PRAZA neste, deberá presentar no centro de orixe (CEIP de Cervo) ou a través da aplicación “admisionalumnado” o formulario normalizado ED550A (Anexo I e Anexo I-bis) do 15 de xaneiro ao 5 de febreiro.

As familias poderán cumprimentar as solicitudes de reserva a través destas tres opcións:

  • Informaticamente e presentala de xeito manual no centro, desde a páxina web do centro (máis abaixo pódese descargar o formulario) ou a través da aplicación “admisionalumnado” (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) no menú: Solicitudes - Reserva – Crear

  •  Cubrila informaticamente e asinala en Sede Electrónica (para o que se precisa de Chave 365 ou certificado dixital) a través da aplicación “admisionalumnado” (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) no menú: Solicitudes - Reserva – Crear; sendo esta a canle preferible de presentación.

  •  De xeito manual e presentala asinada presencialmente no centro de orixe: CEIP de Cervo (solicitando o Anexo I e o Anexo I-bis en secretaría).

IMPORTANTE:

  • Esta solicitude deberase presentar no centro educativo de orixe(CEIP de Cervo) ou en calquera dos lugares que establece a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común, incluída a SEDE ELECTRÓNICA, para o que se precisará de Chave365 ou certificado dixital.
  • O alumnado que ten reservada praza no centro adscrito, se desexa presentar solicitude de admisión noutro centro distinto deberá comunicar por escrito a renuncia á reserva antes do 29 de febreiro de 2024.

  • O alumnado que NON continúe os estudos no centro adscrito (é dicir, os que decidan ir a outro IES que non sexa o IES Marqués de Sargadelos), non poderán reservar praza, e directamente presentarán a Solicitude de Admisión no mes de Marzo no IES no que desexen matricularse (nos primeiros 20 días dese mes).

Descarga o formulario para a reserva de praza AQUÍ

Familias que contan! Curso 2023-2024

Queridas familias de Bibliocervo!

Debido ao éxito do curso pasado da proposta FAMILIAS QUE CONTAN!, este ano propoñemos unha nova edición. Gustaríache vir ao centro a contar un conto?

Sorriso QUEN? Nesta proposta pode participar calquera membro da Comunidade Educativa: mamás, papás, avoas, avós, tías, tíos, primas, primos, mestras, mestres, persoal non docente... que teña gana de pasar un tempo agradable connosco!

Sorriso QUE? A finalidade será contar un conto.

Sorriso CANDO? Preferiblemente na hora de ler (de 12:30 a 13:00) pero adaptámonos aos vosos horarios, sempre que sexan dentro do horario lectivo.

Sorriso ONDE? Pódese facer de maneira presencial en Bibliocervo ou a través da proxección dun vídeoconto previamente gravado.

Sorriso COMO? A persoa "contacontos" será a que escolla tanto o formato (presencial ou cun vídeo), como a maneira de contar o conto (a través da lectura, dunha representación teatral, de títeres, cantando, recitando...). Todas as opcións son válidas!

Sorriso PARA QUEN? Este punto tamén será escollido pola persoa "contacontos". Pode ser un conto para todo o cole ou un conto para o grupo da nena/o co que garda a relación.

Se queres formar parte deste "Club de Contacontos", non o penses máis... Cumprimenta o seguinte formulario cos datos requeridos e eu, Puca, poñereime en contacto contigo para concretar a actividade. 

Agardamos os vosos contos, queridas familias!

Bicos e apertas a moreas

Leite na escola

 

Grazas ás axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido ao alumnado de centros escolares, o centro poñerá a disposición de todo o alumnado que o desexe, na hora da merenda, leite líquido (1 brick de leite enteira de 200 ml) dende o luns 15 de xaneiro ata o 9 de febreiro.

Bono deporte

Con motivo do programa Bono deporte da Xunta de Galicia informamos que as familias do alumnado de 2º a 6º de Primaria (por estar inscritos en XOGADE) poden solicitar o bono de 120€ para gastar en material deportivo nos establecementos adheridos ao programa ou para a contratación de servizos relacionados coa práctica de actividade deportiva (incluídas cotas de clubs deportivos)

Para facelo deberán entrar no seguinte enlace (SOLICITAR BONO) e completar os datos tendo en conta o seguinte:

  • En "Tipo de actividade" (apartado 1) seleccionar: ESCOLAR.
  • No campo "Identificador Xogade 2023" deberedes poñer as iniciais do alumno seguidos da data de nacemento (XXXDDMMAA).

Por exemplo: o identificador Xogade de Xosé Luis Maseda López 09/01/2015 sería XLML090115.

Normativa aplicable:ORDE do 5 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de promoción da actividade deportiva en idade escolar a través do Bono deporte, se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2024 e se abre o prazo para a adhesión dos establecementos comerciais, entidades deportivas e prestadores de servizos deportivos (código de procedemento DE402D).

IX Concurso traballo por proxectos

A comunidade educativa do CEIP de Cervo está de celebración!

O noso colexio foi un dos 2 centros galardoados na modalidade 2.b) (proxectos de investigación internivelares) do IX Concurso de Traballos por Proxectos grazas ao proxecto internivel levado a cabo durante o curso 2022/23 polas aulas de 5º e 6º de Primaria: "Un paseo ao longo da historia: a evolución da escritura e das bibliotecas". 

A continuación podedes ver:

Calendario CEIP de Cervo 2024

Dende o equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) deixámosvos aquí o calendario do ano 2024 feito polas diferentes clases. Este é un dos produtos finais do Proxecto Documental Integrado do noso centro neste curso 2023/24, Namor-arte.

Fai clic na imaxe para ver o calendario 2024 completo

Unha nova viaxe 2023

Boas familias!
Outro ano máis presentamos o cartel da campaña “Unha nova viaxe”. Esta proposta consiste en trocar un libro expurgado de BiblioCervo por un xoguete en desuso. Podedes atoparnos no Punto Lector os días 18, 19, 20 e 21 de decembro de 12:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00 soamente o luns. Que xoguetes se poden traer? Bicis sen pedais, motos, xogos, quebracabezas… coa condición de que xa non se usen! Desta maneira, estaremos dándolle unha segunda vida tanto aos libros como aos xoguetes. Moitas grazas de antemán!

Distribuir contido


by Dr. Radut